venres, novembro 27, 2015

Teatro para a xente



Cartel da mostra deseñado por Fino Lorenzo
Cando un era mozo, hai disto moitos anos, participabamos nunha asociación cultural das que inzaron polo país nos primeiros anos setenta do pasado século; unha das actividades primordiais era o teatro, afeccionado, daquela todo o teatro en galego era afeccionado. A compañía de rapazolos e rapazolas armaban con absoluta vontade e escasos medios algunha que outra peza para representar na vila, en mundial estrea, e despois, en exitosa xira, percorrer as parroquias do arredor e ata algúns dos concellos veciños. Eran obras de escenificación simple e sobre todo blancoamorianas.

xoves, novembro 26, 2015

Retallo 10


A historia é irreversible. Hai que pagar un prezo polas oportunidades que se deixan perder, ou se queren perder, e polo tempo que non se aproveita con tino. O nacionalismo, a esquerda galega, acostuma  malgastar as ocasións, dar voltas tras o rabo e acordar cando xa foi.

Retallo 9


Se é que puidésemos falar de leccións da historia, unha delas sería que os problemas agochados a mantenta rexorden agravados co paso do tempo. Esta reaparición confirma o carácter substancial do problema.

Que Primo de Rivera disolvese a mancomunidade catalá; que o goberno da República suspendese a autonomía de Cataluña; que Franco fusilase o presidente da Generalitat; que o goberno da monarquía borbónica restaurada recorra ao Tribunal Constitucional para prolongar a non solución do problema, só anuncia un agravamento do mesmo.

sábado, novembro 21, 2015

Retallo 8


Mestizo, palabra contundente e polisémica, deriva dos estatutos de limpeza de sangue sobre o que se estruturou o sistema de castas colonial (racismo) no centro e sur de América.
No norte non, alí exterminaron os naturais.
Inicialmente é o resultado do cruce entre branco e amerindia. Digo ben, era a consecuencia da violencia do amo branco sobre a india salvaxe. Sempre houbo excepcións.
Despois, s. XIX, entendeuse como mestura de etnias ou culturas que daban orixe a unha nova cultura. Na altura, Hegel consideraba que só aqueles pobos constituídos en estados organizados, non só en función dos seus vínculos culturais (a nación) senón tamén políticos (o estado), poderían participar do desenvolvemento histórico. Quería botarnos da historia ou obrigarnos á rebeldía?.
Ao final amo-cultura branco (e para Hegel europeo do norte) domina a cultura-india-salvaxe que desaparecerá dos libros, porque a nova cultura é a dominante cuns cantos adobíos.

Falan agora, entre nós, de mestizaxe. Palabra forte. Que anden con tino. Mellor sería dicir alianza electoral de conxuntura. A grandilocuencia pode facer desaparecer o pobo, sen estado-historia, dos libros.

xoves, novembro 19, 2015

Retallo 7


O nacionalismo español liberal-progresista foi sempre subalterno a respecto do nacionalismo conservador, católico e autoritario, e nunca comprendeu a necesidade de esgazarse da matriz monárquica para competir co nacional-catolicismo. As dúas veces que o intentou (1873, 1931) fracasou.

Por iso o federalismo de inspiración liberal-progresista ou de esquerdas non foi nunca máis alá de ser un conto de fadas, unha fantástica lenda para engaiolar periferias.

martes, novembro 17, 2015

Sen título



Credo che vivere voglia dire essere partigiani.
Chi vive veramente non può non essere cittadino e partigiano. L’indifferenza è abulia, è parassitismo, è vigliaccheria, non è vita. Perciò odio gli indifferenti.
L’indifferenza è il peso morto della storia.
L’indifferenza opera potentemente nella storia.
Opera passivamente, ma opera.
È la fatalità; è ciò su cui non si può contare; è ciò che sconvolge i programmi, che rovescia i piani meglio costruiti; è
la materia bruta che strozza l’intelligenza.


Gramsci, 1917

sábado, novembro 14, 2015

Retallo 6




O que teñen en común os chamados nacionalismos
periféricos no Estado español
é a resistencia contra a asimilación promovida pola visión centrípeta de quen así os cualifica.
A febleza social e política do nacionalismo galego
explica a súa permanente pulsión papaleisona a respecto

do nacionalismo vasco e do catalán.

mércores, novembro 04, 2015

A tomar lambrusco



Un bo amigo leva anos botando números. Nun cativo caderno argallou un calendario, como o dos presos, cos días e meses que lle faltan para xubilarse. Sabe ata o último céntimo do que vai cobrar para poder largarse. Desbotou a amada florentina (a cidade, non a muller) e decatouse de que camiñar por Bellvedere, atravesar o Arno pola Ponte Vecchio e pousar nun café da Piazza della Signoria, era un exceso orzamentario que non se podía permitir coa súa pensión de profesor.

Virou os ollos cara ao leste. Cando novo quedara medio birollo de tanto mirar para Moscova. Foille doado. Agora anda, ou mellor andaba, en debates existenciais sobre en que cidade das terras chas da ribeira do Po, unha vez atravesados os Apeninos, asentarse. Se facelo en Módena polo pracer de ollar Lamborghinis, Ferraris e Maseratti ou decidirse por Parma polo gusto do parmigiano e o xamón e a devoción por Sthendal.

Nacionalista dende mociño é dos que se irrita ao escoitar outros nacionalistas dicir “é o país que temos”; daquela, exaltado, chega a ser faltón e cualificar o que tal di, moitas veces amigo, de pailán e prosma para rematar afirmando “é a xente que temos, deixa o país en paz que non che fixo ningún mal...”

A última vez que estiven con el andaba riseiro, mesmo falangueiro... Ao saír da Quintana demos un atropelado paseo entre saúdos, apertas, chiscadelas e sorrisos naquela riada de xente que alí se xuntou. Despois fomos xantar. Recuperara o ánimo e mesmo unha certa confianza na xente. Ao mellor é certo isto de que a “cidadanía” se impoña aos aparatos, mesmo pode haber vontade de xuntar forzas, persoas, de recompoñer o espazo nacionalista, de que este recupere a hexemonía nunha esquerda plural e diversa, de facer afociñar o bipartidismo, de rozar o camiño para a Xunta, de rematar co fratricidio, de actualizar o discurso, de dignificar a lingua, de inverter o camiño do lento devalar cara ao abismo, de que non teñan que ser os anuncios do Gadis os encargados de levantarnos a paletilla..., todas estas reflexións brotaban dos seus beizos cun sorriso permanente.

Mesmo durante dous meses esqueceu o de cruzar os días do seu particular calendario. Andou por reunións, acudiu a asembleas duns e doutros, falou con estes e con aqueles, chamou a amigos e amigas cos que non era doado coincidir, asinou manifestos, chamados, escritos..., enviou correos, deulle ao chirimboliño do facebook para que a xente soubese que lle gustaba e que compartía as novas de ilusión...

Hai quince dias recibín a súa última chamada. Díxome: estou en Módena; pedín a excedencia e vou resistir os meses que me quedan para a xubilación co que teño aforrado. Penso dedicar a vida a pasear e tomar lambrusco, vós ide tomar polo... Non rematou a frase, colgou antes. Pouco despois recibín un correo coa foto dun Ferrari aparcado diante do Duomo. É certo!! autoexiliouse en Módena, dixen con certa incredulidade.


* Publicado en Novas do Eixo Atlántivo, novembro, 2015