luns, febreiro 18, 2019

Máis madeira


A celebre frase emitíaa don Groucho para reclamar dos seus irmáns pitolas de leña para mover a locomotora na que facían asneiradas polo Oeste. É a guerra, traede máis madeira! berraba co xaruto entre os dentes mentres Harpo e Chico esnaquizaban asentos, paredes e teitos dos vagóns. Un neomarxista de pro como é Pedro Sánchez non ten empacho algún en seguir a senda dos seus ideólogos e alimentar, mentres quede madeira, o queimador da estartelada locomotora.

O que ninguén lle pode cuestionar é a súa capacidade de supervivencia. Xa resucitou dúas veces. Primeiro no partido; despois no goberno. Agora pretende o máis difícil aínda, facelo nunha terceira ocasión. Será a única vez, non xa na historia humana senón mesmo na divina.
Podía rematar a lexislatura. Os orzamentos prorróganse. Ante os que queren queimalo na propia casa, os que reparten leña no Tribunal Supremo e os pirómanos da Praza de Colón, don Pedro non se arredou e veña, mais madeira!. Eleccións o 28 de abril.

Como os superviventes sono por medorentos, non se atreveu a poñelas o 14 con toda a súa forza emblemática, o cal non quere dicir que a celebración deste 88 aniversario da proclamación da II República non vaia ter unha potencia simbólica e mobilizadora de dimensións impredicibeis ante a ameaza da dereita trifálica; como tampouco tivo a afouteza para facer outra cousa que subliñar a bondade do diálogo cos idependentistas cataláns, cando todo o mundo sabía que era falar por non estar calado. Medroso como é nin ousou convocar o superdomingo, porque os seus, os baróns, como lle din, non lle deixaron. O señor de Abelgrado o primeiro. Pero púxollas antes para comprometelos. Ou eu ou a Triple Alianza argumentará.

Así que máis madeira. A votar, despois de 15 días de campaña electoral, o 28 de abril. A votar, despois doutros 15 días de orneante publicidade, o 26 de maio e con tripla papeleta, algúns, europea,  autonómica e local. Ata setembro as institucións paradas, sen ninguén que tome decisións, coa ameaza de fatiga cidadá nun ambiente que os patriotas españois tensan de forma perigosamente irresponsábel.

Neste caótico remexido, don Pedro xoga a ser o máis votado,recuncando na presidencia e permitindo a terceira resurrección. Daquela ninguén lle poderá tusir. Agás os independentistas catalánsque o teñen claro, e os  nacionalistas vascos que tamén. Estes na súa pouquidade numérica. Aqueles cun Junqueras convertido en único líder independentista, disposto a pasar anos na cadea ata que Estrasburgo condene oestado español e a pacífica derrota xurídica e política o obrigue a procurar un acordo a medio prazo que supoña o recoñecemento xurídico de Cataluña como nación.

Os dirixidos dende Madrid teñen tamén o seu xogo. A hipotética emerxencia de Vox arrastrou oPP cara á dereita máis extrema e deixoulle un espectro máis moderadoa Cidadáns, agás no seu extremismo pola cuestión catalá, pero en disputa electoral co sanchismo, en especial despois do gran erro de Rivera admitindo a foto de Colón. A desfeita de Podemos, arrastrado pola impericia dos seus dirixentes, o seu patriotismoespañol, os xestos sociais do sanchismo e os medios que antes os elevaron, orientan os seus votantes cara ao utilitarismo ou o desencanto.

E nós que? Pois máis madeira!. É evidente que o noso sistema de representación segue sendo propio. Semella que a versión feijoniana do fraguismo pode coutar a emerxencia de Vox como fixo ata o de agora con Ciudadanos. Haberá que velo. O resto a repartirse entre tres ou catro. O sanchismo limitado, o BNG incapaz e Podemos querendo apropiarse dun espazo no que baten con castrexa resistencia. As mostras de sentido común son ben escasas e o fraccionamento do xa de por si reducido espazo pode deixar moitos cadáveres políticos antes do verán.

Nas locais, candidaturas a eito, como os choupíns no outono. Cada un ao seu.

No Senado, serían quen os partidos de abrir unha raioliña de esperanza e concertar unha candidatura democrática e galeguista para facerlle fronte a unha hipotética alianza da dereita trifálica? Aínda que só sexa para unha defensa resistente do actual estado autonómico e impedir a redución de Galicia a “una región mas”. Alguén debería abrir esa xanela e que PSOE, BNG, Podemos e En Marea respondesen. Seguro que persoas de probada traxectoria democrática e capacidade non se negaban a botar unha man.

En fin... o escepticismo galaico é unha sensata forma de ser e estar no mundo.

*Publicado en A Nova Peneira, 2ª quincena, febreiro de 2019


luns, febreiro 11, 2019

Meu querido Alfonso

Fendas nas cores. Técnica mixta70X50. En homenaxe aos nove asesinados na Volta de Baredo

Non lembro ben cando nos coñecemos. Ou, mellor dito, a primeira vez que falamos con sosego. En Gondomar, se baixas á Paradela, coñécese todo o mundo, agás os que non queren ver. Pero si lembro de que falamos. Foi por amigo interposto, ben o sabes que nos andaba a furar no caletre por mor de facer unha asociación cultural no Val que servise de retroalimento ao seu proxecto xornalístico d´O Miñor, e que denominaba, cun exceso de ringo rango, Instituto. Era o Nano Cambeiro, que che vou dicir que non saibas. Foi el quen me indicou, despois da constitución formal do Instituto, que en Gondomar con quen se podía falar era con Alfonso Soliño Troncoso.

Daquela, van alá máis de 20 anos, porque o Instituto debe andar preto de cumprilos, levabamos un tempo acochándonos nestas reviravoltas miñorás entre ríos, vales, chans e outeiros, e ti, un gondomarés, gondemarense ou gundemarino, ou como queiran que digamos, de nación acóllechenos coa naturalidade de quen percibe que a semente dá froitos se se coida con xenerosidade. E a túa desbordaba o caneiro da levada do Bravo como cando a enxurrada do Zamáns inunda a praza de Bar Boo. E daquela botaches todas as mans e chamaches a todas as portas que coidabas se podían abrir.

E fixéchelo tendo que resistir embates. Lembras? Viñamos de inventar unhas paseatas a semellanza do Seminario de Estudos Galegos, inspiradas por Lois Tobío, ben sabes de quen falo, do grande entusiasta do noso veciño don Diego de Gondomar,  e que andando o tempo sentimos revivir cada día no que algún veciño ou veciña nos comenta que foi ao Lois Tobío ver tal ou cal cousa.

Chamámoslle Xeiras. Non sei se foi o primeiro ou o segundo ano. Lembralo ti? Si acordo que foi a primeira que se converteu nunha especie de procesión laica. Argallárala ti. E ti foras quen a guiaras. E alí encumiados nos chanzos da escada da casa do concello, diante do teu lugar de traballo, comezaches a falar e un balbordo inxusto remexeuse entre as fileiras recuadas: “ No entendemos. En castellano!” Ollámonos, con certa, non moita, sorpresa e aguantaches, resistiches o embate de quen nos quería anular como nación-cultura e reducirnos a simples obedientes asalariados desposuíndonos da nosa dignidade de activistas da cultura. Resísteches e resistimos. Ao remate do día lémbrote feliz, quizais como nunca te volvín ver,  e iso que tiveras que volver resistir, non sei se lembras, os sutís matices de altura ante a autoridade condal nas escaleiras do Pazo.

Ben me decatei daquela que non gustabas da representación ante o público. Reflexión e representación non sempre se complementan. O teu é a reflexión. Aínda me decatei máis cando che tocou actuar de embaixador do teu admirado profesor na Coruña, Manolo Gallego Jorreto ou cando tiveches que facer de mestre de cerimonias daquela exposición auroral que argallaches con sapiencia de experto comisario, na luminosa entrada do IES Agua da Laxe, na que con moito esforzo e máis paciencia fuches quen de axuntar seis artistas miñoráns cando menos de acollida. Ao velas agradan, Quae visa placent, chamácheslle. A min, xa sabes, gustábame máis “Dá xenio velas”. Van alá tres lustros.

Foi unha sorte poder colaborar contigo naquela exposición e aprender tanto cos teus  razoares, de idas e voltas, entre ducados e ducados nos dedos da nerviosa man, forte, tensa, pura febra de quen ía remoendo as decisións para retornar ao día seguinte cun: Mira Carlos, isto imos facelo así!.

Non sei se antes ou despois dixécheslle  ao Cruceiro de Mañufe:
“Mantente firme contra a modernidade esquecediza e irrespectuosa; que non te afogue nin desprotexa, que xa basta de loucuras ao teu redor. Ten fe porque, a pesar da túa avanzada idade, sempre haberá alguén que te coide e mime, con amor de fillo, para que perdures nos séculos.
Por min queda prometido.”

E rematabas retornando á única patria de cada un de nós:
“Sabes? Que medo me daba a túa serpe verde cando era neno!”

Sabías ben o que lle prometías ao cruceiro, que a modernidade non pode esgallarse da tradición; que tan papaleisóns son os fetichistas da modernidade como os nostálxicos da tradición; que terra e tempo van xuntos, pero que somos máis fillos do noso tempo que dos nosos pais; que entre tradición e vangarda non pode haber escisión; que a contemporaneidade ou bebe nas tipoloxías pretéritas ou fica en moda temporal de pasatempo. “Coidar e mimar” dis, coñecer, estudar e conservar as vellas formas, as vellas construcións, non imitalas extemporáneamente, reproducilas fóra de contexto ou coa perversa nostalxia do novo rico.
Embarcámonos nos libros de fotos, naquel fermoso Gondomar, o son do río, para o que andaches a recoller e seleccionar vellas imaxes, que serviu para recuperar con sosego ao Lucas de Chaín que a partir daquela andou polo mundo en exposicións diversas.

Na túa constancia, como a toupeira fura, fura, conseguiches facer realidade aquela túa ilusión de dotar a Gondomar dunha sala de exposicións merecente de tal nome e, de paso, sacar o Instituto da súa precariedade. Encargácheste, co tesón e ilusión de sempre, primeiro de conseguir a cesión do local, despois de imaxinar os espazos e procurar solucións, logo de sometelas a unha disciplina orzamentaria excesivamente ríxida. Máis tarde de acometer a ampliación. Eu xa arrombei nos cuartos escuros da memoria aqueles case dous anos de ires e vires, de aforrar por aquí e por alá, de procurar solucións, ata que puideches retomar as obras que realizou a empresa de Benido. Daquel orzamento raquítico ata tíraches unha parte para amoblar o local. E houbo sala de exposicións en Gondomar e converteuse na envexa das xentes da arte e da cultura en todo o país. Temos que quedar para recordar como fora aquilo ata rematar naquelas liñas ensarilladas como unha rosa que significaban a recuperación da Ponte de Rosas, que non sei se eran rosas ou rozas. E Estévez imprimiu a gran escala a foto das mulleres a lavar no río que empregaramos na capa do  Gondomar, o son do río. Todo ficaba como concluído en espiral constante de futuro.

Teño á beira da miña mesa de traballo, para pousar nel os ollos de cando en vez, un cubo de bronce do que emerxe unha media cana a xeito de pluma ou pincel  creador; aínda conserva no seu interior un chisco da area da fundición. É o número 18 das 31 que se fixeron. Foi, lembras, a peza coa que se agasallaron os primeiros relatores da primeira tempada daquilo que foron as Tertulias do IEM. Houbo que mudar de material, que o bronce era luxo de máis. Pasaches ás madeiras nas que es mestre avezado; seino ben cando ollo a peciña empoleirada nos estantes do salón da miña casa. Durante anos o ritual repetiuse: a media tarde do primeiro venres de cada mes, Alfonso Soliño --se paro aquí, dirasme, Troncoso, que tamén teño nai-; pois digo que un pouquiño antes de comezar a Tertulia, chegabas coa peza escultórica nunha discreta bolsiña e cun sobriño branco inmaculado que acochaba no interior unha cuartilla co título, os datos técnicos e un breve texto sobre a concepción da obra.

Sempre vin  naquel teu exercicio de discreta e constante colaboración a forza interior de quen ten en alta estima os comportamentos éticos, porque  resistiu as tentacións da banalidade, de quen é sabedor de que tras o “nulla estetica sine ética” vai máis alá do postureo de artista e sinala o profundo compromiso coa verdade doa artista e da persoa.

A galiña azul. Un conto, de Alfonso Soliño Troncoso; 2004
O outro día, cando nos despedimos en Sabarís, alguén, cando nos vexamos xa che direi o seu nome, díxome que eras un valente. Referíase á túa condición de porteiro de balonmán, aspecto de ti que eu case descoñecía. Logo, matinando, decateime de que a túa valentía vai moito máis alá da cancha dun pavillón deportivo. É un valor enxertado na forza da ética, mesmo rigorosa, podería pensar alguén.

Alfonso Soliño Troncoso comenta con Kristina Berg
a súa homenaxe a Casares o día da inauguración 
Por hoxe vou rematando, Alfonso. Sabes que me lembro sempre de ti cando ollo os ladrillos cerámicos cos que dótaches de personalidade as beira rúas da vila e cada vez que me ilumina o azul do que tanto gustabas e que lle puxeches á reelaboración da galiña de Casares e matino no ben que ficaría na coelleira aquel polbo xigante que fíxeche en cartón para que un día fose en aceiro cortén e que polo de agora non puido ser.

O dito, Alfonso, ata máis ver. Unha forte e tensa aperta de buxo.

PD: Teño que dicirche que como ti, na túa constante resistencia á exposición publica, non cumpriches co compromiso de expoñer na sala de exposicións da Ponte de Rosas como te comprometeras con Fino e o teu irmá Antonio, este agasallounos cunha magnifica mostra, sempre contida, como sabes que é el. Ven mirala pronto e falamos.

Aburiño.

Gondomar de Miñor 9 de febreiro de 2019