mércores, abril 17, 2019

Carlismo, millo e patacas



Os tres inzaron no Miñor do s. XIX. Os tres arrexúntanse, simbolicamente, no senlleiro espazo do Pazo de Pías ou Casa de Arias, enSan Pedro da Ramallosa. 


Nesta casa parece ser que foi nado o carlista máis sobranceiro destas terras. Seica foi aquí onde se convenceu aos labregos miñoráns de que as patacas, aínda que nadas baixo a terra, eran saudábeis, saborosas e un bo alimento en ausencia das castañas comestas pola peste. Na eira desta casa chanta a súa esvelta e singular figura un hórreo de dúas plantas que podemos imaxinar, sen moito esforzo, acugulado de mazarocas. “Polas costas da Ramallosa, entre mestos piñeirais, a estrada descende ao esteiro do río Miñor. Fica á esquerda unha paisaxe de milleirais, hortas e pazos…” así describía Otero Pedrayo o camiño cara á  ponte que une as dúas Ramallosas,  na súa célebre Guía de Galicia de 1926. Quizais ollando a casa dos Arias Teixeiro, emparentados coa estirpe dos Losada, o seu amigo, o ideólogo do agrarismo e do galeguismo dos albores do século pasado. Unha Losada doou a casa a unha Confraría relixiosa.

Millo e pataca prenderon ben nestas húmidas terras atlánticas e trouxeron anos de fartura. A riqueza, mal repartida, estourou nas revoltas e reviravoltas barrocas de casas grandes, igrexas, mosteiros anovados, pazos urbanos… ata rabuñar o ceo dende a cima do Obradoiro.

A baixa nobreza, laica ou eclesiástica, tardou en ver os novos tempos de formas liberais e. empurrados por medos egoístas, aferrouse á tradición, non sen certas cativas razóns ante modernidades impostadas. Seica o abade de Sabarís, en cada carlistada, agarraba o trabuco, forraba a porta e penduraba o pavillón da “Comuñón” na cima da torre da Reitoral.Arias Teixeiro eran tamén Frei Veremundo, bispo de Pamplona e Arcebispo de Valencia, ou o seu sobriño Manuel Ramón que portou o solideo en Santander.

O noso Arias Teixeiro era laico. De segundo apelido Correa. De nome Xosé. Emparentado cos apelidos máis requintados da fidalguía do Antigo Réxime: Ulloa, Alemparte, Montenegro, Ribadeneira…  Como dixemos, seica naceu en San Pedro, pero bautizárono baixo a extraordinaria beleza de Santa María dos Marenates, en Pontevedra, o 6 de febreiro de 1799. Algo máis tarde, o pai, Antonio Arias Teixeiro, sería rexedor da cidade. Criouse na Ramallosa. Estudou en Poio. Licenciouse en Leis en Compostela.

A pai e fillo, absolutistas e tradicionalistas por familia, prendéronos nos primeiros meses do breve período constitucional (1820-1823). O pai foi un dos pouco sobreviventes ao naufraxio do barco no que osdeportaban a Canarias. O fillo logrou fuxir do castelo coruñés de San Antón e refuxiarse en Portugal.

O goberno de Lisboa deulle armas e homes a atacou Tui. Restablecido o absolutismo, tras a invasión dos Cen Mil Fillos de San Luís, regresou a Ramallosa e organizou a Milicia Realista Voluntaria do Val e Partido de Miñor do que foi nomeado Comandante.

En 1824 marchou a Madrid onde estudou Arqueoloxía e Ciencias Naturais ao tempo que se enrolaba como voluntario nas milicias realista co grao de capitán. Ocupou diversos cargos no Ministerio de Gracia e Xustiza e foi nomeado “oidor” da Real Audiencia de Galicia. Tras a morte de Fernando VII, regresou á Ramallosa onde residiu ata 1835. Daquela, e tras conseguir compromisos entre as amizades que conservaba no Ministerio de que respectarían a súa familia, púxose ao servizo do pretendente don Carlos. Inmediatamente foi nomeado membro do máximo órgano do carlismo en Galicia, presidido polo arcebispo de Compostela, Frei Rafael de Vélez.

Mais o miñorán era home de acción e pasou a loitar na provincias vascas e acompañou o  pretendente na campaña de 1837. Ocupou diversos cargos ata chegar a ser Secretario de Gracia, Xustiza, Guerra e Asuntos Estranxeiros. Unha especie de Ministro Principal ou Primeiro Ministro de don Carlos. O fracaso da expedición militar iniciou tanto o declive do carlismo como do poder do noso protagonista.

Os partidarios  de entenderse cos isabelinos, encabezados polo xeneral Maroto, Xefe do Alto Estado Maior de don Carlos, e os contrarios a calquera caste de entendemento, da que formaba parte Arias Teixeiro, enfrontáronse abertamente. Estes últimos, co apoio de don Carlos, intentaron destituír a Maroto e promoveron unha sublevación militar na súa contra, pero este contaba co apoio dun fatigado exercito. Maroto presentouse en Estella e fusilou catro xenerais. Arias Teixeiro fuxiu a Francia. Regresou pouco despois, pero xa Maroto estaba a negociar a paz con Espartero e a don Carlos non lle quedaba máis que o abrazo de Vergara e poñer fin á  primeira guerra carlista.

En 1840, Arias Teixeiro estableceuse en Francia. Alí viviu 24 anos dedicándose, en especial, á Entomoloxía e gozando de gran prestixio nos medios científicos parisinos, pero sen publicar ningún dos seus moitos traballos  que doou, como tamén a súa importante colección de Historia Natural e outra de Numnismática,  á Academia de Ciencias de París e á Sociedade Entomolóxica de Francia.En diversos escritos alude ás súas memorias, pero queimounas en 1864, antes de regresar a Ramallosa. Consérvase porén sen embargo o seu Diario de 1828 a 1831.
  
De novo na casa de San Pedro, dedicou os tres últimos anos da súa vida a difundir o cultivo da pataca entre a veciñanza do Miñor que non se daba convencida de que de debaixo da terra puidese saír algo bo.

Finou o 27 de setembro de 1867. Está soterrado no cemiterio parroquial de San Pedro da Ramallosa.




PAZO DE PÍAS ou CASA DE ARIAS  (s. XVII)

O Pazo de Pías ou Casa de Arias, ou, como é coñecido actualmente,  Pazo das Damas Apostólicas, ten as súas orixes nun intre impreciso do s. XVII en relación con Plácido Correa. Na década dos 50 do pasado século sería doada por Ramona Diéguez Cervela á congregación relixiosa das Damas Apostólicas.

O pazo sufriu importantes modificacións ao longo dos anos. A máis importante, tras o incendio provocado polas tropas portuguesas, en 1665. En tempos recentes acometeuse unha forte remodelación polo que, a día de hoxe, só conservamos da estrutura orixinal a fachada principal e algúns elementos internos.

A fachada está presidida por unha porta de entrada alintelada, rodeada por molduras e enmarcada por dous pares de columnas arrimadas e pilastras de orde dórica. Na parte baixa das columnas atopamos senllos frisos en medio relevo. Sobre elas un entaboamento sobresaínte no que aparecen catro ameas decoradas. Entre as pilastras e as columnas, dúas ventás cadradas de marcado carácter abucinado. Coroando o conxunto, un balcón enmarcado por dous fermosos escudos de armas da familia Correa.

No interior, nunha posición pouco corrente, destaca a súa escalinata balaustrada e decorada, que ascende ata o piso principal, no que se podenobservar restos dunha antiga balconada tamén balaustrada. A capela, interior, consérvase,pero moi modificada.


No exterior destaca un elemento de gran singularidade: un magnífico hórreo de seis pés e dous pisos, que non ten paralelo coñecido na redonda.


*Publicado en Cousas de , nº1, 1º trimestre 2019


Na nova xeira de Cousas de*




Hai concepcións que persisten por riba de calquera oportunismo comercial. Na lonxincua Terra de Turonio, aquel longo espazo esquecido no tempo histórico, pero vívido na realidade xeográfica e persistente na conxunción social das súas xentes, delimitado polo norte pola recollida ría de Baiona e a fonda e expansiva de Vigo; pechado, polo leste, pola banda occidental do Suído, pola serra do Galleiro e os montes da Paradanta, e debuxada, polo sur, polo zigzag da liña do Miño. Digo que a estas terras chamóuselle durante mil anos, Toroño, Toronio, Turonio, Turonia, Torona, Torono...; aínda agora, en Gondomar bautizaron con este topónimo un dos seus institutos e aquí á  beira seguen chantados no cumio de Torroña, en Burgueira, os restos derruídos do que puido ser a sé da súa cabeceira administrativa.

Nestas terras reverdecen a cada pouco tempo as vellas tradicións. Hoxe celebramos, non o nacemento, senón un folgado chouto nos degoiros da información periódica que engarza con nomes gloriosos como o Heraldo guardés, fundado en 1904, e que se mantivo, engadíndolle o adxectivo Novo, ata que Atila asolou o país en 1936, perseguiu con saña os seus redactores e furtoulle a vida a algún deles. Tradición que empata coa Tribuna tudense, de curto percorrido, ou o agrarista El Tea, de Ponteareas, tamén de delongado existir, dende 1908, co que acabaron as mesmas poutas destrutoras que desfixeron El Nuevo Heraldo.

Ou, para citar os máis próximos de onde hoxe nos atopamos, aquel El Valle Miñor que viu a luz por primeira vez o 31 de agosto de 1902, pronto relevado por El Miñor, nacido en 1904, e despois, en 1910, por El Heraldo de Bayona. Todos empurrados e comandados polo baionés José María Barreiro duramente enfrontado con El Látigo de Baiona, editado en Sabarís, e, de seguro, entre ambos xerminadores de reticencias e permanentes  incomprensións entre a vila estirada ao longo da recta e e a de fachenda real.

Os ánimos de José María Barreiro non decaeron, en 1914 sacou o primeiro número de El Pueblo. O semanario, de carácter liberal-progresista, criticaba duramente os caciques locais e o clero que interviña na política municipal. O seu último número publicouse en xuño de 1918. Tras a condena a desterro do seu impulsor, que marchou ao Uruguai onde tampouco ficaría quedo.

Outros máis houbo, aínda que de menor entidade, pero non sería sensato esquecernos, neste apresurado repaso, de La Voz del Miñor que durante case catro décadas impulsou o bispado de Tui e dende o que exercía control e difusión de ideas ao  servizo  eclesiástico.

Por certo, que a colección dos xornais miñoráns atópase na magnifica Biblioteca de Baiona, ben  coidada, pero ben merecía a pena que se fixese o esforzo, cativo en  custo, de dixitalizalos e poder “colgalos”, verba de violentas reminiscencias, en Galiciana ou onde fose para quen precisase consultalos.

Así que máis alá da gran tradición xornalística viguesa encetada con La Oliva, que dirixiu Manuel Murguía; La Concordia, o xornal liberal de longa traxectoria; o Galicia, aquel proxecto desafortunadamente curto de Valentín Paz Andrade; El Pueblo Gallego, propiedade de Portela Valladares, ou o Faro de Vigo, que segue a visitarnos todos os días, houbo, e hai, nesta antiga Terra de Turonio outras cabeceiras ben dignas de relembrar como A Peneira, que segue a acompañarnos, ou aquela fermosa estrela fugaz, O Miñor, que impulsou o finado Nano Cambeiro de quen algunhas das persoas presentes ben vos lembrades.

Tampouco sería xusto deixar de citar as cabeceiras dixitais, como a aínda fresca valmiñor.info ou as actuais valmiñor. tv ou telemariñas, e seguro que me esquezo dalgunha, polo que pido, por adiantado, as desculpas precisas.

Mais había tempo que non tiñamos unha información en papel, non premida pola inmediatez do papel prensa, ata que os camiños da vida nos trouxeron, dende as beiras do Ebro, un mirandés que soubo sobrevoar a crise, a económica e a da impresión dos grandes libros, para, sen perder o moito aprendido en anos de traballo no mundo da edición, isto é, papel coidado, maqueta elegante, destaque da imaxe, selección de temas, contidos solidarios, diversidade informativa, textos coidados e precisos que combinen rigor e divulgación, ofrecernos unha pequena xoia cada tres meses, e, por riba, cousa de agradecer dende o fondo da alma, en galego, sen titubeos, sen vacilacións nin complexos.

Pois iso foi o proxecto que nos veu acompañando nestes anos, as Cousas de... que acougaron no Val Miñor e abriron suco no Baixo Miño para arrexuntarse nun proxecto que ten a Terra de Turonio no maxín e fago votos pola súa ventura. En resumo, unha revista das que instintivamente penduras entre os libros da biblioteca co fin de coleccionala porque sabes que en calquera momento te vas acordar de que en tal ou cal número se trataba tal ou cal tema.

Por certo que o rótulo Cousas ten unha longa tradición vinculada a Castelao, non só porque algúns daqueles relatos curtos, de palabra medida, que acompañaban un dos seus debuxos se reuniron en varias edicións con este titulo, tamén en Retrincos, senón porque estes relatos se publicaron, en inicio, na prensa baixo o título, unhas veces de Contos, pero na súa maioría como Cousas de Castelao. Chegaron a ser tan populares estas narracións que na linguaxe coloquial as xentes incorporaron a expresión “sonche cousas, como as de Castelao” ou “cousas da vida, como diría Castelao”, cando pechaban unha conversa cunha interrogación, unha reflexión ou unha máxima. Agardo que estas Cousas que hoxe acudimos a empurrar cheguen a ser tan populares como aquelas que escribía e debuxaba o rianxeiro e que se faga ben popular a interrogación de “liches as Cousas”? ou a exclamación de fermosa historia a que nos contan en Cousas!

Só me resta expresar o meu máis sincero agradecemento á empresa editora e moi especialmente a Jesús Bastida polo seu convite a colaborar neste proxecto que como ben vedes está cheo de vitalidade e de sabia combinación entre tradición e modernidade, así como, coido que non me excedo, facer este agradecemento en nome de todas as persoas que colaboran nestas Cousas.

Moita sorte nesta nova andaina, parabéns polo acerto e polo seguro éxito do proxecto e moitas grazas pola vosa atención.


Baiona de Miñor, 10 de abril de 2019


*Máis ou menos isto foi o que dixen o pasado mércores na presentación do novo proxecto multimedia da revista Cousa de

sábado, abril 13, 2019

Un lugar de memoria



Hoxe ficou espetado un menhir de memoria na ponte dos Ríos en Santa María de Tebra, Tomiño. Orgulloso de ter participado na recuperación da memoria dos cinco tranviarios asasinados: José Cabreira Valverde, Horacio Rouco Álvarez, Marcelino López Ameneiras, Alvaro Soliño Araújo e Jacobo Barreiro Pereira.

E dos cinco porriñeses lembrados no día de hoxe: José Groba Domínguez, José Groba Rodríguez, Antonio Francés Carpintero, Eleazar Francés Carpintero e José Rocha.

Emocionado ao escoitar a Raúl Francés, sobriño de Antonio e Eleazar e fillo de José Francés Carpintero fusilado en Tui e do sobriño de José Groba.

Hai tempo que puxen no blog algunhas referencias que agora recupero para quen lle poidan interesar.







luns, abril 01, 2019

Elisa e Marcela en Libraida


O próximo venres, 5 de abril, ás 20:00h na libraría LIBRAÍDA de Gondomar estarei acompañado ao amigo Narciso de Gabriel na presentación dunha nova edición do seu Elisa e Marcela (Xerais, 2019), “a mais extraordinaria historia de amor”, segundo Manolo Rivas.

Elisa e Marcela, dúas mestras galegas, protagonizaron en 1901 un dos primeiros matrimonios entre persoas do mesmo sexo. Elisa Sánchez Loriga, convertida en Mario, e Marcela Gracia Ibeas casaron na igrexa de San Xurxo da Coruña o 8 de xuño dese ano. Unha vez descuberto o “matrimonio sen home”, foron obxecto dunha persecución que as obrigou a buscar refuxio, primeiro en Portugal e logo na Arxentina. Neste libro relátase a súa historia.

A historia de Elisa e Marcela, púxoa en imaxes Isabel Coixet e está a piques de estrearse. https://www.youtube.com/watch?v=dY4Z6ereNSg


Días caninos en Pontevedra

O  mércores, 3 de abril, ás 20 horas, estarei a acompañar aos amigos Bieito Iglesias (autor) e Xulio Gayoso (ilustrador) na presentación dos seus Días Caninos, na sala de conferencias da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (Casa das Campás; rúa de Don Filiberto, 9-11, Pontevedra).

Fareino acompañando ao amigo Xaime Toxo, presidente do Ateneo pontevedrés e ao tamén amigo  César Lorenzo Gil, director de Aira Editorial. Será no acto organizado polo ATENEO DE PONTEVEDRA, a VICERREITORÍA DO CAMPUS DE PONTEVEDRA e AIRA EDITORIAL.

Para gozar coas lideiras de Benito Marañao e do Ourense de hoxe lembrando ao Gumersindo Nespereira de Miss Ourense.

Podedes visitar este vello post de cando andaron por Gondomar: