xoves, novembro 28, 2019

SUEIRO EANES. O SEÑOR DE PARADA



Personaxe central na gran crise dinástica da segunda
Posíbel tumba de Sueiro Eanes en S. Francisco de Pontevedra
metade do século XIV, tanto durante os anos de guerra (1366-1369) entre don Pedro I (1334-1369), alcumado “Cruel” polos vencedores e “Xusto” polos seus partidarios, e o seu medio irmán Henrique II de Trastámara (1334-1379). Enfrontamento armado que en Galicia se prolongou durante dúas decisivas décadas para o país (1366-1387).

Señor do castelo de Parada, das fortalezas de Romai, da vila da Guarda, da Vilavella de Redondela, de Entenza, de Bouzas, Beade, Coruxo, Bembrive, fortaleza de Milmanda en Celanova e outras xurisdicións. Era pois o máis poderosos cabaleiro da Terra de Turonio, xurisdición de reguengo que lle entregou don Pedro.

Parece ser que naceu, en data descoñecida, en Parada. Casou con Maior Pérez de Tordoia, filla dos señores de Soutomaior e irmá de Álvaro Pérez de Soutomaior. Faleceu en Portugal en 1380 e considérase que está soterrado na igrexa pontevedresa de San Francisco.

Sueiro Eanes (transcrito como Sueyro, Suer, Suero e Yanes, Ianez ou Yañez) de Parada tivo ademais unha especial influencia no ámbito político e militar. Don Pedro I nomeárao Adiantado Maior de Galicia (1352). Estivo presente no consello de guerra de Monterrei; acompañaba a don Pedro tanto cando asasinaron o arcebispo de Compostela Suer Gómez de Toledo (posíbel partidario de Henrique) como cando se entrevistou en Baiona, a vasca, co “Príncipe Negro”, isto é, Eduardo, duque de Cornualles, príncipe de Gales e duque de Aquitania. Estivo á  súa beira na vitoria en Nájera (1367), cando pretendeu reunir forzas en Sevilla, e parece que mesmo na hora da morte, pois foi quen trouxo a Galicia a nova do seu asasinato en Montiel (23 de marzo de 1369) tras o engano do mercenario bretón e condestable (xefe dos exércitos) do rei francés, Bertrand du Guesclain, quen, ademais de coutar a man de Pedro, virouno de costas para que Henrique  lle espetase o coitelo. O bretón brillou na historiografía castelanista co celebre “Non quito nin poño rei, pero axudo o meu señor”.

A disputa dinástica pola coroa de Castela desenvólvese no marco xeral da crise das relacións feudais agudizada pola constante guerra entre Francia e Inglaterra que coñecemos como “Guerra dos Cen Anos”, pero tamén, no noso caso, no contexto  da permanente confrontación entre a nobreza laica e a eclesiástica que xiraba  arredor  da alianza con Castela ou con Portugal.

Tras a morte de Pedro, o máis relevante da nobreza galega non recoñeceu a Henrique e proclamou rei de Galicia a Fernando I de Portugal. Pero o primeiro dos Trastámara logrou controlar Galicia atacando as terras do sur do Miño e obrigando o rei portugués a regresar. Derrotada a causa da nobreza galega, comandada polo Fernán de Ruiz de Castro, na batalla de Porto dos Bois (Palas de Rei, Lugo), o señor de Parada, xunto cos persoeiros máis destacados da nobreza,  como o citado Conde de Lemos, os Pérez de Deza ou Xoán Fernández Andeiro e moitos outros, refuxiouse en Portugal. Os seus bens foron confiscados e entregados ao bispo de Tui que  recibe, polos servizos prestados a Henrique II, as “villas e cotos e bienes sobre dichos que fueron del dicho Suer Yanes”.

En 1372, Constanza, filla de Pedro I, casa co Duque de Lancaster, segundo fillo do rei de Inglaterra, e pretenden facer valer os seus dereitos á coroa asumindo unha Galicia unida a Portugal. Morto Henrique, ascende ao  trono Xoán I de Castela, pero as tensións entre Castela, Portugal e Inglaterra non diminúen e nelas mantén a cuestión galega un papel sobranceiro, mais a complexidade europea adiará a intervención inglesa, inspirada por Andeiro, ata 1386 cando Xoán de Gante, duque de Lancaster, e Constanza desembarcan na Coruña e son proclamados reis de Galicia. As tropas inglesas, con axuda de parte da nobreza galega e de Portugal, controlan, en parte, Galicia, mais o partido galego, desaparecidos Castro, Andeiro, Sueiro Eanes de Parada,  e tras unha década de espera, está xa moi debilitado. As tropas inglesas rematan retirándose a Portugal (1387).

Dous anos antes Juan I de Castela fora derrotado, co apoio inglés, en Aljubarrota (14 de agosto de 1385) por João I de Portugal, o Mestre de Avis, que inaugura a dinastía portuguesa deste nome, e consolida un Portugal independente que será recoñecido, algúns anos máis tarde, por Castela.

A CASA DE SUEIRO EANES DE PARADA s. XIV-XVIII

O lugar aparece relacionado coa figura do Adiantado Maior do Reino aínda que de período medieval xa non teñamos rastro. A titularidade do pazo e do lugar chegaría moito máis tarde á familia Araúxo, ata que  no s. XVIII Ana Mª de Araúxo casou con Fernando Correa de Araúxo, pais de Lorenzo Correa de Araúxo, fundador da Casa dos Correa, actual casa do concello de Baiona.

Na actualidade atópase moi alterado conservando só en bo estado o portal brasonado que forma co cruceiro un aquelado, e descoidado, conxunto. O portalón, de clara inspiración barroca, componse dun amplo muro, coroado por seis remates piramidais no que se abre a porta de acceso en arco de medio punto sobre o que se conserva o escudo de armas dos Piñeiro. Nun engadido ao  portalón áchase un magnifico brasón dos Araúxo.

Escudo dos Araúxo
O conxunto complétase cun cruceiro que, segundo a inscrición do pedestal, dataría do ano 1583. Reconstruíuse en 1778, segundo figura na base do fuste: “Benito Araujo. Teniente Coronel. Provincia de Tuy”. A plataforma de catro chanzos octogonais sobre o que se asenta un pedestal de base cadrada e cantos biselados serían os elementos que ficarían do cruceiro primitivo do s. XVI.

Como chegar: Dende o cruce da Areíña na estrada Vincios-Nigrán, pola  esquerda, unha vez superada a igrexa de Santiago de Parada, na mesma man está o Pazo.

OUTEIRO DOS MOUROS OU CASTELO ROCHEDO

Outeiro dos Mouros, onde estivo o castelo de Parada
Mouros enfeitizadores e belicosos guerreiros mestúranse na mole rochosa que coñecemos como Monte Castelo ou, se vostedes queren, lendas populares e historia. O de mouros infórmanos de que foron xentes antigas os seus autores. O de castelo que alí houbo tal construción.

Entre os moitos miradoiros dos que podemos gozar no Val de Miñor, o Couto ou Outeiro dos Mouros é un dos mellores. No curuto rochoso houbo un importante castelo medieval. Dende a cima desta atalaia, en día claro, contémplase o castro de Chandebrito, as terras altas de Priegue e Camos, Monteferro, as Cíes, as Estelas, a Boca  da Groba ou a Chan do Cereixo, a entrada da ría de Vigo... Unha vista para non perder.

Rebaixes no Outeiro dos Mouros
Fican escasos restos da antiga fortaleza. Na parte superior do lombo pétreo pódense percibir rebaixes, buratos de poste, chanzos e marcas dos distintos espazos do castelo rochedo que, segundo testemuños orais, aínda era visíbel ata ben entrado o pasado século.

A documentación histórica infórmanos de que se coñecía como castelo de Santa Helena transcrito de diferentes xeitos (Senlle, Santel, Santiella, Santella, Sanctenia, Santena, Sancta Helenam e  Sancte Elaie) e viña sendo un dos principais da Terra de Miñor, na vella  Terra de Turonio, como ten sinalado o infelizmente hai pouco finado arquitecto Xaime Garrido que o estudou con intensidade, como os outros da provincia de Tui. Entre a moita documentación recollemos esta de 1217 cando Afonso IX asigna a dote ás súas fillas Sancha e Dulce e relaciona os catro castelos da Terra de Toronio, os de “Entenza, Soveroso, Sanctenia et Tevura”, isto é Entenza, Sobroso, Santa Helena e Tebra.

O primeiro documento no que se menciona data de 1106. Trátase da doazón de posesións de Vilaza por parte de Raimundo de Borgoña e dona Urraca a Pelagio Godareiz e a súa muller. Mais o seu momento de fulgor será durante o  s. XIV, unido á figura de Sueiro Eanes de Parada. A finais do s. XV ou ben foi derruído polos Irmandiños, ou ben  como consecuencia da Orden de demolición dos castelos rochedos, 1482, dos Reis Católicos.

 
Vista dende o Outeiro dos Mouros
Como chegar: O máis doado é, dende a estrada Nigrán-Vincios, á altura do cruce  da Areíña, seguir as indicacións de “Mirador Monte Castelo”. Ao superar o viaduto sobre a autoestrada continuar sen desviarnos pola pista forestal, uns 900 m. ata a área de lecer. Estamos ao  pé do Outeiro dos Mouros, só resta subir os chanzos de pedra para gozar da espectacular vista.

Publicado en Cousas de, nº37, outono 2019


        



sábado, novembro 23, 2019

Manifesto solidario con Bolivia


O pasado día 16 unha serie de persoas asinamos un Manifesto solidario con Bolivia do que escasos medios de comunicación recolleron pequenos extractos pero que a Revista de Historia Murguía publicou una súa integridade e da que vos deixo o enlace por si é do voso interese http://www.revistamurguia.com/?p=2596

venres, novembro 22, 2019

Momentos galegos do Zé Mario Branco


      Moito agradezo aos compañeiros e compañeiras-camaradas de ESQUERDA, o xornal dixital do Bloco de Esquerda, que acollesen nas súas páxinas o meu artigo “Retrincos galegos do Zé Mario Branco”, publicado en 2016, no magnifico dossier JOSÉ MÁRIO BRANCO, A VOZ DA INQUIETAÇÃO que sobre o noso admirado músico e loitador están a publicar por mor do infeliz falecemento do noso admirado cantor.
         Deixo para as persoas interesadas o enlace
         Obrigado

A saúde da memoria


O Toni Mascato conserva una boa memoria, que é a saúde das persoas e dos pobos. 
Aquí lembranos ao Zé Mario Branco no dossier de esquerda.net





mércores, novembro 20, 2019

Caraveis na memoria para José Mario Branco




Souben polos xornais do seu falecemento por causa dun ictus, aos 77 anos. Nalgúns recantos duns poucos medios  recollese a triste nova. Déixovos  o enlace co Público de Lisboa que abre cunha  imaxe súa a edición impresa e unha ampla reportaxe na dixital.
Hai tempo, en 2016, deixei unha entrada neste blog sobre algunhas anécdotas galegas co Zé Mario Branco que agora recupero para quen teña interese.