domingo, outubro 17, 2021

Para os amigos e amigas de Vigo

 



Despois dun tempiño sen colgar nada dende aquí, dende o  Pé do Galiñeiro e como non me podía esquecer dos amigos e amigas viguesas, aínda que o libro xa dese unas voltiñas nestes case seis meses de andadura, pero por unas ou por outras aínda non se presentara na cidade, alá vai. O martes 19 de outubro, ás sete da tarde (19h.) na biblioteca da EMAO, Escola Municipal de Artes e Oficios (García Barbón, 5) presentaremos as Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor (Laiovento) en xenerosa acollida dese fervedoiro de iniciativas que é o Ateneo Atlántico.

E como a ocasión ben o merecía terei unha compañía de luxo. A comezar pola amiga, compañeira dende os ben recuados anos de Fonseca e dalgúns menos, pero tamén moitos de departamento nas Escolas Proval, a historiadora Rosa Pascual Abal e o amigo de conversas e xantares, o poeta, narrador e farturento imaxinador,  Xosé María Álvarez Cáccamo. E como de memoria se trata acompañaranos o presidente da Asociación Viguesa pola memoria do 36, o admirado activista Telmo Comesaña Pampillón.

Por se vos vai ben e vos presta acudir o martes que ven ás sete da tarde na biblioteca do EMAO.