mércores, agosto 31, 2022

Portecelo 27.8.22

 

Familiares das vítimas. (F: S. Baz)

Existimos mentres alguén nos recorda. Tras o ocaso máis fermoso, como os que se poden contemplar dende as laxes do portiño de Portecelo, ata o amencer máis espantoso, como o que padeceu Manolo Noia naquel agosto de 1936, uns poucos metros máis adiante, en dirección Oia, nos cons ou na pedra Aghoeira, hai un renacer constante que nos recorda, aínda que sexa entre os pesadelos do horror, aquel que enunciaba, con espantosa reiteración, Marlon Brando en Apocalypse Now. O horror que nos arrepía, que nos estremece cada vez que relemos o Gólgota, o Calvario de Manuel Noia, por eses cumes da Groba, arrastrado como un can, tal cal fixeron os torturadores de Abu Ghraib, seguro que o lembrades, seguro que retedes aquel pavor agonizante que nos causaron os corpos sanguinolentos das pinturas do colombiano Fernando Botero en denuncia da bestialidade. Digo que arrepía reler as paxinas de Fuxidos do seu irmán Juan Noia, no que relata a súa tortura e morte. Nese excelente libro de memoria, minucioso, preciso, organizado de lembranzas forxadas na experiencia organizativa obreira, na disciplina proletaria, na axitación agraria, na explosión cultural, na paixón galeguista, que as xentes guardesas, ou baixomiñotas, ou galegas, ou de calquera parte do mundo, non deberían nunca esquecer. Menos filosófica, e quizais menos literaria, que aquela outra xoia memorialística que é Siñor Afranio ou como me ripei das gadoupas da morte, coa que o Antón Alonso Ríos, que tamén andou por eses cumes agochado antes de se transmutar no esmoleiro que o salvou, nos brindoudo seu relato, tecido e retecido, durante anos, durante décadas, nos cafés de Bos Aires, como sempre nos lembraba o Mario Rodríguez, impulsor, xunto ao Lito Oliveira e outras persoas que están hoxe aquí connosco, desta Comisión da Memoria que nos convoca, aquí, de novo, para sinalar un lugar de memoria. Un “Lieu de Mémoire”, por empregar o termo do historiador francés, pero non para rememorar un feito de Estado, de “Grandeur”, da “Republique”, senón un lugar de memoria das xentes do común, das xentes derrotadas, negadas, vítimas da violencia irracional dos que non soportan que se cuestione o seu poder sexa este político, relixioso ou económico. Aquí, hoxe, en Portecelo, fica chantado un menhir de memoria para lembrar crimes horríbeis. Todos os crimes o son. Quizais o de Manolo Noya nos arrepíe polo estoupido de sadismo co que foi cometido. Non quero luxar os vosos ouvidos dicindo os seus nomes, que aí están, no relato do seu irmán Juan ou no  non menos estremecedor de Josefina Segret, no seu ¡Abajo las ditaduras!, alí están os integrantes daquela “patrulla del amanecer”, daqueles que dicían de si mesmos “nosotros señoritos de corbata”, e  mesmo o  daquel que lle deu na Pena Aghoeira o tiro de graza ao guardés; guardés tamén de nacenza que paseou bastón de mando tudense e que, repito, non quero dicir o seu nome para non luxar os vosos ouvidos, nin este lugar, nin este acto.



A historiadora británica Helen Graham tense referido a que, despois do 18 de xullo de 1936, o “fogar” deixou de ser un lugar seguro. É preciso reiterar esta idea porque resume o acto fundacional do horror, do que veu despois, do que máis tarde se xeneralizou nos campos de Europa. Ese acto fundacional, perverso, foi o golpe de Estado; esa foi a cerna, a orixe da maldade. Que non nos falen da inestabilidade da república, das ameazas revolucionarias, de persecucións relixiosas, non, nunca podemos esquecer que a fonte nutricia do terror foi a sublevación dunha parte do exercito contra a legalidade constitucional e democrática da II República.

Algúns deses sublevados, dous Gardas Civís, viñeron un día matar, nesta mesma estrada, tres veciños de Gondomar. Non é preciso ser académica brillante para expresar esta idea. A min recordábama, unha e outra vez, Álvaro Araújo, cando recuperaba, do fondo dos seus espellos, aquela mañá de principios de marzo de 1937 cando estaba co seu pai,  podando as viñas,  e veu un daqueles “gardas cívicos” coa escopeta pendurada a avisalo de que tiña que baixar a Gondomar que o reclamaba o sarxento da Garda Civil para lle facer unhas preguntas. Nunca máis volveu!,  remataba. O fogar deixara de ser un lugar seguro. Despois, Álvaro, expresábame os seus dous desexos: saber onde estaba o seu pai e podelo traer ao nicho familiar en Chaín; ao fogar. Anos despois expresábame as mesmas arelas, entre a narración estrangulada das penurias familiares dos seus moitos irmáns e irmás, Ulpiano Iglesias. De novo, atopar os restos do seu pai, Joaquín de la Iglesia Portela, e traelos á casa, alá ao alto, ao nicho familiar de San Pedro da Ramallosa era o seu maior anhelo. Infelizmente nin Álvaro nin Ulpiano están xa connosco, pero unha das cousas das que estou máis orgulloso na miña vida é a de ter colaborado no cumprimento das súas arelas máis sentidas.

Non hai vítimas sen vitimarios. Durante anos ocupámonos en saber das vítimas. Aínda fican moitas ocultas. Agora avanzamos en desenmascarar os vitimarios. Aí están o seus nomes en negro sobre branco. Repito que non quero luxar este momento. Os nomes dos dous gardas armados de mauser e do “cívico” coa escopeta de perdigóns que lle tiraron a vida aos tres gondomareses: Abilio Araújo Barboza, Manuel Prudêncio do Rosario, ambos de orixe portuguesa enxertados no Val de Miñor, sen dúbida podemos albiscar nestas mortes unha compoñente racista, e máis o “palero de Laureana”, de orixe imprecisa e do que aínda non demos sabido da  familia. Aí están, escritos, nos mesmos papeis dos sublevados.

Se nada sabemos do “palero”, nada sabemos do compañeiro de morte de Joaquín de la Iglesia Portela, concelleiro de Nigrán, e que rematamos por denominar simplemente como “descoñecido”e que alí está, en San Fiz de Nigrán, agardando a que algún día se poida saber quen foi aquel home ao que lle furtaron a vida tras un golpe militar sanguinario que arrastrou os pobos de España á guerra e abriu a caixa de Pandora que estendeu o horror por toda Europa, e, ao cabo, por todo o mundo.

Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal (F: S. Baz)


Mais en ningún caso debemos, nin podemos, deixarnos levar polo desanimo e a desconfianza cos seres humanos. Por iso quixera rematar cunha gabanza das xentes rosaleiras, das xentes de San Xián, que, contan, deixaron ben patente a súa humanidade cando baixaron dos cumes da Groba para acudirlle aos náufragos dun barco que batera nestas rochas; por iso cando debuxaron os limites municipais deixáronlle este anaco de océano a quen se deita sobre a outra beira da serra, fronte ao río. O mesmo fixeron cando apañaron o corpo de Joaquín de la Iglesia e o seu compañeiro de morte, en pleno agosto de espanto; ás agachadas, ás presas, metéronos nunha apurada cova que fixeron no seu cativo campo santo, baixo a sombra dunha figueira, para transmitírnolo durante décadas. E, uns meses despois, polo mediados de marzo, recolleron de novo tres cadáveres, subíronos polas abas da serra, sobre unhas escadas reconvertidas en padiolas para darlle acougo aos tres gondomareses. As xentes de San Xián teceron e reteceron a memoria dos mortos para que chegase ata nós. Unhas voces dicían que un dos asasinados estaba mallando nos feixóns, metéronselle uns poucos nos petos da chaqueta e caeron ao chan. Pasados os meses, os feixóns brotaron e as súas fermosas flores emerxeron como a vida. Outras voces dinnos que o que acontecera fora que uns familiares trouxeran un ramo de belidas flores que pousaron sobre a campa; alí secaron, caeu a semente, brotaron ao ano seguinte e durante décadas. As voces discrepan, para unhas  a explosión floral foi no lugar de morte, para outras o estalido das cores aconteceu no lugar de soterramento. Pouco importa o detalle para quen quere transmitirnos a esencia vivificadora da memoria.

Beizón para as xentes rosaleiras de San Xián e beizón para as persoas activistas da Comisión que nos convoca e da de Montes que axuda.

Beizón para Ánxela, a alcaldesa do Rosal, pola colaboración e presenza; ao vello camarada Moncho Fernández, inaccesíbel ao desalento, a Lara Fernández por ilustrarnos ca linguaxe universal da música e do canto, e aos alcaldes de Nigrán e Gondomar que homenaxean coa súa presenza as vítimas dos seus concellos.

A alcaldesa do Rosal acompañada dos alcaldes de Gondomar e Nigrán e outros representantes municipais de Tomiño e Salceda (F: S. Baz)


E sobre todo beizón para as familias, hoxe amplamente representadas, que portades a dor das vítimas dos crimes da besta irracional da que volvemos sentir o seu alento.

 

PS1.- Cando teño que falar en publico, acostumo anotar uns puntos a tratar, a xeito de guión. Mais desta vez non foi posíbel.Matinando nas posíbeis ideas a desenvolver na homenaxe de Portecelo, o relato saíu e non o din coutado, colleu ritmo e non o din resumido, detívose cando quixo e dixo o que quixo; tiña autonomía a respecto da miña vontade. En Portecelo saíron algunhas notas do escrito, longo de mais para ler nunha homenaxe coral. Como colleu forma de relato escrito, aquí o deixo. E tamén o enlace a un video de Santiago Baz que recolle un anaco da miña intervención e a de Lara Fernández e Moncho Fernández,  e tamén o enlace a un video de Santiago Baz que recolle un anaco da miña intervención, da de Lara Fernández e da Moncho Fernández. https://www.facebook.com/santiago.bazlomba/videos/658988891825642

PS2.- Ao día seguinte, domingo, achegueime ata a casa do concello do Rosal para asistir á inauguración da exposición “Atopados” sobre as exhumacións das fosas de San Xián, en abril de 2009. Mais foi unha conversa cunha familia rosaleira asistente aos dous actos a que motiva esta segunda PD. Contábannos, a min e a Moncho, os da Buraca, protectores de fuxidos, o pai-avó, a filla e o neto-fillo, as tres xeracións, como a avoa, así lle chamaban á nai do pai-avó, nos últimos anos, nunha senilidade máis ou menos levadeira, de cando en vez, erguíase de súpeto alertándoos, ala… ala, bulide… bulide, para debaixo das viñas que aí veñen, ela tentaba de se erguer apurada e queixándose de que as pernas xa non lle rexían; noutras ocasións acordaba que había que levarlle de comer ou preguntaba se foran mercar o “patocrátor”, ou un crucifixo, para que cando viñesen buscalos,  o visen na casa, en lugar principal. O espanto metido no corpo emerxía, dominaba a mente, entretecido coa perda de facultades propiciadas pola idade da salvadora de vidas. Un flash cinematográfico veume ao maxín ao escoitalos. Aparecéuseme o rostro con signos de desvarío da nai de Olmo Dalcó, o campesiño de Novecento de Bernardo Bertolucci, advertindo temerosa ao seu fillo de que fuxise, de que se agochase, que viñan por el, que alá viñan… que o fogar non era xa lugar seguro.

 

 

 

 

                     

venres, agosto 19, 2022

Lugar de Memoria en Portocelo, O Rosal


    O próximo sábado 27, ás 20h en Portocelo, no Rosal, despois de Oia e camiño da Guarda, sinalaremos un Lugar para a Memoria de Manolo Noia e máis de Abilio Araújo, Manuel de Lucinda, do palero de Laureana, e de Joaquín, o carpinteiro de San Pedro da Ramallosa, e máis o cadáver dun descoñecido, que se exhumaron en abril de 2009 no cemiterio de San Xián. Alí estaremos. Sinaládeo na vosa axenda e gardade un anaquiño do voso tempo.

 


    E o día seguinte ás 12 inaugurarase a exposición “Atopados” sobre as exhumacións de San Xián en abril de 2009. Será nos baixos da Casa do Concello do Rosal.



luns, agosto 15, 2022

Por se vos presta

É todo un pracer recibir o convite do Centro Cultural de Peitieiros (Gondomar) para

 presentar o meu último libro, O terror nas Tebras e outras catas na memoria (Laiovento,

 2022)  entre as actividade que organiza na súa IX Semana cultural previa ao XXVIII

 Festival Folclórico Internacional. Alí estaremos, por si vos presta.




luns, agosto 01, 2022

Graciñas Pepe Álvarez

Déixovos o enlace de Pontevedra nos anos do medo, o blog de Pepe Álvarez, que tivo a xenerosidade de deterse nunha lectura miúda tanto do meu O terror nas Tebras e outras catas na memoria, como do libro dos compañeiros e experimentados francotiradores" Eliseo e Dionisio sobre A priemeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940), lectura na que ando encerellado e que vos recomendo con entusiasmo para seguir desmontando preconceptos

Obrigado Pepe.