luns, outubro 24, 2022


 

Presentación en Baiona, no Multiusos Mercado de Sabarís, de “O terror nas Tebras e outras catas na memoria” de Carlos Méixome.



    É como o remate dun ciclo, despois de percorrer todos os concellos que arrodean o Val e algúns outros, e mesmo de facelo, nalgúns deles en varias ocasións, achegámonos neste andar do libro a Baiona, un pouco como fin da etapa que encetaramos a finais de abril en Nigrán. Toca agora facelo en Baiona, no Multiusos- Mercado de Sabarís, o venres 28 de outubro ás 20h. onde estaremos presentando, unha vez máis, O terror nas Tebras e outras catas da memoria, (Edicións Laiovento, 2022), xusto no remate dun mes en que a memoria recobra o seu protagonismo.

    Nas presentacións ademais da referencia ás pescudas locais (Tomiño, Oia, Mos, Val de Miñor) procuramos deternos en conceptos como “verdade, xustiza e reparación” e comprensión da dinámica represiva durante os anos da guerra e durante o franquismo ademais de procurar entender os mecanismo da memoria franquista que seguen pairando sobre as xentes de hoxe. Coincidirá pois esta presentación coa publicación  o pasado 19 de outubro da Lei 20/2022 denominada Lei de Memoria Democrática que abre certas expectativas ao movemento memorialista.

Para falar de todo isto estarei ben acompañado, con dous amigos de longo percorrido, na amizade e no traballo conxunto, Juan A. González Pérez, historiador e un dos iniciadores do memorialisno no Miñor, ademais de hoxe alcalde de Nigrán, e máis o músico e psiquiatra, asentado no Miñor dende hai décadas, Antón Seoane. Con eles os dous, presentados pola concelleira de cultura de Baiona Míriam Costas, falaremos sobre o libro, a memoria, a impunidade, a reparación...

Por se vos presta agardámosvos.

luns, outubro 17, 2022

NOVA “LECTURA POÉTICA” EN “A MINI” CON FERNANDO CASÁS

 



    Amigos e amigas

    Se na recuperación das “lecturas poéticas”, que coordina Xosé María Álvarez Cáccamo, o pasado mes de setembro, fixémolo con todo un acontecemento como foi o descubrimento da fasquía poética de Ánxel Huete, nesta ocasión darémoslle unha volta a este proceso de desvelo literario, case exhumación poética, que emporiso non perde o valor primixenio, orixinario, dunha primeira exposición pública da obra poética, repousada nas décadas, de Fernando Casás, o noso veciño de Gondomar, onde naceu, e ao que regresou, hai ben anos, dende o Brasil no que se formou e medrou como persoa e artista.

    Profesor na Escola de Belas Artes de Pontevedra é un dos precursores mundiais da corrente  que hoxe se denomina “Arte e Natureza”. Non imos sinalar as múltiples exposicións, publicacións ou recoñecidas obras que ten instaladas en espazos públicos, só imos citar unha que, tanto para o artista como para as xentes do Miñor, ten un significado especial, a árbore de bronce, mutilada, decepada, que instalou na Volta do Nove, en lembranza dos nove nosos veciños ao  que a sen razón fascista lle roubou a vida aquel 16 de outubro de 1936.



    Os textos que lera Casás dialogarán con algúns poemas que Álvarez Cáccamo escribiu baixo a inspiración de obras de Casás para un libro, inédito,no que ambos dialogan sobre arte, poesía, creación..., en fin sobre todo o que é humano.

    Será o sábado 22 de outubro e comezará ás 12.30h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12h.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

     Se vos presta alí estaremos.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Fernando Casás podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

mércores, outubro 05, 2022

Balbordo no Losada : Calvo e Primo en Ourense (4)

 

Antigo teatro Losada

    O éxito da convocatoria do “upetismo” en Ribadavia e no Carballiño non foi quen de agochar nin as protestas producidas nestas vilas, nin as fortes tensións provocadas na Coruña, Noia, Vilagarcía ou Cambados, só acougadas polos discretos actos celebrados en Vigo e Pontevedra. Temíase que acontecese algo grave; como así sería. O ministro da Gobernación, o militar Enrique Marzo Balaguer, emitiu duros comentarios sobre a xira dos “umenistas” que se cabrearon aínda máis coa alocución radiada do gobernador, Eduardo Garrido Castro, na que chamou á serenidade e respecto á liberdade para evitar a intervención da autoridade.

    La Región, entusiasta cos ilustres visitantes, relata con miudeza os acontecementos daquel venres 5 de setembro de 1930. A mediodía, os líderes, arrodeados de afiliados capitalinos e “grandes contingentes” procedentes do Carballiño e Verín, entre “vitores entusiastas” e calorosas ovacións, pero tamén entre manifestacións “hostiles”, visitaron a sede do partido para, de contado, desprazarse ao teatro Losada, ben protexido por infantería e cabalería da garda civil, axentes de seguridade e policía, no que se ía celebrar o banquete-mitin. Os incidentes foron en aumento a medida que os comensais se achegaban ao teatro, ata o punto de que a banda de música optou por retirarse sen interpretar ningunha peza e as forzas tiveron que actuar para que puidesen entrar os camareiros cos manxares. Cando comezou o banquete, grupos de “jovenzuelos y chiquillería” dirixíronse cara á rúa do Progreso, mentres o comercio ía pechando, e apedraron as instalación do xornal calvosotelista Galicia.

 

La Región, 6/9/1930

    O triunvirato dirixente (Calvo, Primo e Guadalhorce), Salgado Biempica, Celso Casar, xeneral retirado; o ex presidente de Abastos, Bahamonde; Benjumea fillo; “Joselín”, ex alcalde de Baiona; o xornalista Meirás e Ferreiro,  ex presidente, ao igual que Casar, do ente provincial, constitúen a mesa presidencial. Este último fixo o ofrecemento do banquete; seguiulle Biempica que se referiu a eses asalariados “por dos pesetas” e ao éxito dos actos do día anterior. Intervén despois Meirás e Medina Togores. Primo foi recibido cunha grande ovación.

    Calvo sinalou a “faz tabernaria” dos sopradores de chifres, o fracaso da protesta obreira e que algunha das sinaturas da folla esquerdista que se repartía era apócrifa, cando menos a dun señor que “se encuentra fuera de España” (en referencia a Vicente Risco), así como que algúns dos asinantes colaboraron coa ditadura ou mendigaron “secretarías y despachos”, e recomendoulle aos galeguistas que mirasen con quen se aliaban se non querían abandonar “los ideales del país”. Rematou o mitin Guadalhorce.

  

Arturo Salgado Biempica, xefe
da UP e do calvosotelismo

    Segundo se achegaba a hora de remate do xantar, a algarada ía en aumento e as rúas do centro enchíanse de xente. Segundo La Región, á fronte dos grupos alborotadores estaban dirixentes republicanos e algúns asinantes do “manifesto”. Os asubíos e apupos fixéronse enxordecedores cando os primeiros comensais, uns cincocentos segundo El Ideal, comezaron a saír. A policía tivo que ocupar o cruce das rúas para protexelos, pero iso non amainou o reparto de losqueadas e bastonadas. Os xefes “umenistas” agardaron no interior do teatro a chegada dos automóbiles, pero estes ficaron bloqueados polo inmenso xentío. Daquela, optaron, acompañados dun gran número de comensais, por saír no medio de labazadas e estacazos, pois a forza pública non daba coutado a xente. Nun momento, Primo tirou de pistola, pero a rápida intervención policial evitou que fixese uso dela. Entre pitadas e deostos chegaron ao Campo de San Lázaro onde quixeron subir a uns coches de punto, pero estes negáronse a levalos. Daquela comezaron a choverlle pedras. Guadalhorce, dominado pola excitación, encarouse cos agresores, pero os seus acompañantes refreárono e deu chegado á estación para coller o expreso cara a Madrid.  Coa mesma idea ía Otero Pedrayo para achegarse a Santander, onde a súa muller tivera un accidente de trafico. Os que protestaban contra a visita dos herdeiros da ditadura recoñecérono e puxéronse a aplaudirlle e  darlle vivas.

    Calvo e Primo foron dar a volta por Ribadavia, para evitar a estrada directa e eludir atrancos, e achegarse a Celanova, onde os actos transcorreron con calma, agás algunha chifrada que outra. Ao remate da verbena regresaron á capital.

    O xornal acantazado, o Galicia que dirixía Ginzo Soto, segundo El Pueblo inseriu unha nota na que aseguraba que Otero Pedrayo “persona de cultura y educación”, a pesar de que a súa sinatura figurase no manifesto, non estaba de acordo co seu contido e reprobaba o acaecido, polo que, sen dúbida, a “chiquillería” que lle deu vivas e aplausos debeuno confundir con algún “ravachol”. Á nova, tan ofensiva para Otero, retrucoulle a Irmandade Galeguista a través dun escrito asinado por Cuevillas (vicepresidente) e Monxardín (secretario), no que, autorizados por don Ramón, “podemos asegurar que carece en absoluto de fundamento a noticia publicada pol-o diario “Galicia” desta cibdade, respecto a súa suposta disconformidade co contido de unha folla qu´il firmou e que recientemente se repartiu n´Ourense”.

Publicado no suplemento “Coñecer” de Nós-diario do 1/10/2022

Déixovos os enlaces das eanteriores entregas da serie

https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/06/ribadavia-e-o-carballino-apoteose-de.html

https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/05/preparativos-da-tourne-ourensa-de-calvo.html

https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/03/entre-farsa-e-traxedia-tournee-galega.html