mércores, decembro 06, 2023

 


DICCIONARIO BIOGRÁFICO DE EDUCACIÓN

No Dicionario Biográfico de ducación deixei dúas breves recensións sobre dous mestre miñoráns.  O seu tempo levou pero a Sociedad Española de Historia de la Educación déixanos unha ferramenta ben útil.

https://www.um.es/diccionariosedhe/index.php/search/node

Victoriano Taibo

https://www.um.es/diccionariosedhe/index.php/node/101

e Eladio Ferreiro Otero

https://www.um.es/diccionariosedhe/index.php/node/94

xoves, novembro 16, 2023

Quen escribirá a miña historia?


    


 Conta Iria Morgade que foi o diaño o que construíu, nunha única sesión nocturna, a ponte de Martorell, tras o pacto cunha muller anciá que cruzaba a diario o Llobregat, para ir á fonte da outra beira. A vella choutaba de laxe en laxe, coas conseguintes cuadas, molladuras e perigos.

    O diaño fíxolle a oferta de erguela a cambio de quedar coa primeira alma que a cruzase. Coidaba que ía ser ela. Todos coñecedes algún destes pactos do demo a cambio da  alma da persoa beneficiada, comezando pola gran literatura. Non son novidade; nin os endemoñados, nin aqueles que algúns consideran maléficos, só por considerarse prexudicados e de contado caen na tentación de purificar os impíos.

    O refraneiro lémbranos que sabe máis o diaño por vello que por diaño. Este da ponte de Martorell debía ser un novato ou, polo menos, sen a experiencia da vella. O caso é que cando a anciá se achegou á ponte, e o demo xa se relambía, uliscando unha nova alma perdida, tirou do zurrón un gato negro e acirrouno para que a cruzase. O diaño ficou composto e sen alma. Ou non tanto, pois tivo, segundo o optimista relato, divertimento, xa que nos refire que o demo se enleou na xogueta co fermoso michiño durante séculos; e daquela é como as xentes puideron seguir cruzando, como o seguen a facer hoxe, dunha beira a outra.

    Quizais o diaño non é tan diaño, e o mal só é unha creación humana como ten estudado o profesor de psicoloxía de Stanford,  Philip Zimbardo no seu El efecto Lucifer,[1] no que pescuda sobre o porqué da maldade, sobre que é o que fai que unha persoa boa obre con maldade, como se induce a unha persoa moral para que proceda de maneira inmoral, onde está a liña que afasta o ben do mal, quen é o que corre o perigo de cruzar esa liña.

    Zimbardo, baseándose en exemplos históricos e nas súas propias investigacións de laboratorio, amósanos como a forza da situación determina o estoupido do mal, por exemplo, no caso de xenocidio organizado, isto é, do delito contra a diversidade humana, como diría Anna Arendt; ou como a dinámica de grupos pode converter homes e mulleres, en inicio decentes, en auténticos monstros; quen non lembra a Abu Ghraib? Á cuestión tamén se ten achegado o psiquiatra ourensán Santiago Lamas, en Lisboa e o mal .[2]

    Viñéronme  ao maxín estas vellas lecturas ao bater co personaxe de Laureano Pintos Estévez, o contraditorio garda civil de moral diletante ou quizais demasiado humano, que acompañou, e participou, nas sacas dos detidos no mosteiro -campo de concentración-  e na matanza do grupo que pretendera fuxir do mesmo. Aquel home que actuaba en representación do mando militar que ordenara as matanzas e premeu o gatillo á beira da “escuadra del amanecer” do Rubio, supoño que alcume inspirado no do goianés, Gumersindo Alonso Carrera.

    Como Eichmann, actuaba baixo mando, e non matinaba en, como diría Arendt, que cometer a inxustiza é peor que sufrila; ou quizais, en aparente contradición humana, foi iso o que o empurrou a descubrir a verdade no momento da “transición”, pero como todos calaron, el tamén o fixo.

    Fuxidos os anos, só un día antes da morte a acción perseverante da moza investigadora arrincoulle a verdade do acontecido, da historia, do relato, do conto... daquel que “salio para el sementerio”. O garda civil é a personificación do desacougo, da loucura, de quen sabe que executou o mal. Hai quen se salva, agochándose baixo as ordes recibidas ou das dadas, pero executadas por outros.

    Nalgunhas ocasións e en varios lugares, o vello Hobsbawn recomendou, a literatos e literatas, empregar máis a súa imaxinación e recorrer menos á tan abondosa da historia. Non o dicía por chancearse nin faltarlle ao respecto aos autores, por exemplo, da denominada “novela histórica” ou a outras persoas que fan o mesmo aínda que non o digan, senón porque, concluía, a ausencia de distinción entre historia e ficción pode provocar a confusión do lector. Infortunadamente, este recurso segue a empregarse, mesmo coidamos que con máis intensidade que nunca.

    Desta tentación fuxiu con habelencia Iria Morgade. Como investigadora de raza, evitou confundir historia e novela. Con convicción. Sabemos que hai un mosteiro convertido en campo de concentración,  pero non sabemos onde é; que hai uns presos, pero nada coñecemos das súas historias, agás dun memorial testemuño riscado na parede; recoñécense unha serie de personaxes que en ningún momento son nomeados, nin postos en situación histórica. E todo isto porque a autora pretende ofrecernos unha obra literaria, unha boa obra literaria, coidada, traballada, con personalidade, estilo complexo; literatura da frase curta, contundente, que bate como puñadas sobre a mesa, como reclamos morais de verdade.

    Os coñecementos da autora, froito das súas lecturas e investigacións, dos acontecementos ocorridos na área baixomiñota, latexan tras o relato, fannos chegar o seu eco, pero o único nome real foi o que dixen hai un chisco, que ela non cita polo seu nome real, se é que nalgún intre pensou nel ou se simplemente o alcume resoou no intre da creación literaria. Só sabemos que un mozo de 18 anos, chamado Eugenio Blanca, saíu para o cemiterio o 16-4-39. Ningunha outra cousa sabemos del.




    A formación académica da autora faille estar alerta aos procesos de continuidade e ruptura no tempo histórico para denominar con datas (1936, 1975, 1939, 2005, 2020) á maioría dos breves capítulos que forman cada unha das sete partes nas que dividiu a novela e que tamén designa en función do proceso histórico (pacto, memoria, verdade, reconciliación e novo pacto inconcluso, pois a xustiza segue a ser conculcada). Sobre o concepto de pacto constrúese o relato. O inicial, o da transición de 1978, realizado polos fillos, ou superviventes, dos protagonistas de 1936, que denominamos pacto de silencio; e o novo pacto, o da xeración dos netos e dos bisnetos, fundamentado no amor de Alba, a investigadora, que en inicio cede á presión do seu mozo, Manuel, quizais nunha imposición patriarcal, para chegar ao acordo, ao novo pacto, non só para desvelar a verdade, senón para preguntarse pola xustiza. Pero para eses detalles deberedes ler a novela.

 

    Outro historiador, neste caso especialista en historia cultural, Peter Burke, referiuse, hai anos, a que os historiadores deben despregar un estilo narrativo que lles permita dar a palabra aos moitos actores sociais, un estilo que permita describir e explicar as diferenzas de opinión existentes nun determinado período histórico; necesidade que se agudiza cando se relata un conflito como a guerra de España. Cómo podemos explicar o acontecido sen reconstruír  a colisión de opinións das que xorde a historia?, pregúntase Burke.

    Certo é, e, sen pretender ningunha caste de equidistancia a respecto da orixe do mal -o golpe de estado do 18 de xullo de 1936-, cómpre apuntar a cuestión central de que Manuel, o mozo da investigadora, descoñecía o que pasara, non sabía o que fixera o seu avó, porque os historiadores e os cidadáns só coñecen unha parte da verdade, que, ademais, estaba, e está, terxiversada por lecturas heroicas dos sublevados, adobiadas en canda momento para facelas máis dixeríbeis, tras catro décadas de ditadura e outras tantas de esquecemento. Por iso falamos da xeración dos netos, os que comezaron a saber, tras o paulatino agretarse do silencio amnésico da Transición e por iso temos que seguir afirmando que, a pesar dos esforzos de investigadores e asociacións memorialistas, o relato predominante na España de hoxe é o relato franquista, que segue a sustentar a forzas políticas con amplo respaldo de voto popular.

Á fin, o garda civil desacougado deu a coñecer os seus folios amarelos. Puido saberse a verdade. Mais Joana, agardou décadas ao pé da ponte do diaño polo seu Eugeni, e non soubo que non sobrevivira ao horror desatado polo mal que se estendeu aquel verán de hai 87 anos, ao xenocidio, memoricidio ou ideoloxicido, ou o termo que queiran aplicarlle. Manteñamos a caixa de Pandora ben pechada.

 Goián, 10 de novembro de 2013





[1] Paidos, Barcelona, 2008.

[2] Elcercanoediciones, Ourense, 2017.

 

 



 

martes, agosto 29, 2023

Portecelo, 26 /8/ 2023

 

Foto Simón

Amigos e amigas, activistas da memoria do Baixo Miño, da Louriña e do Condado. Permitídeme este inciso inicial pois quixera lembrarlles aos activos e activas da “Comisión” que quizais no seu quefacer diario non se deteñen a considerar o enorme valor das súasintervencións. Non só para que non nos amoleza a pérfida Lete, divindade do esquecemento, nada do Éris, a deusa da discordia e, din algunhas fontes, irmá de Ares, deus da guerra, de Hipno, do sono, e de Tánato, da morte. Lete, aquel río na Grecia clásica que percorría os Campos Elíseos, como tamén alcumaron os primeiros xeógrafos o noso río protector, que camiña en imaxinaria diagonal paralela ao Miño, o Limia ou Lima,que lle din os da outra marxe, o que desafiou, ben parapetado nas lexións imperiais, Décimo Xuño Bruto para someternos, poñéndonos nome, e aínda hoxe, dous mil trescentos anos despois, seguen a chamarnos igual.E digo que non só por impedir que o cancro da Lete mitolóxica nos destrúa, senón por sinalar o presente e construír o futuro coa materia humana máis xenuína: a memoria. Ben sabemos a dor que produce a súa perda, semellante á de cando se esvaece a memoria colectiva. Así que vos ofrezo os meus máis sentidos parabéns.

Moi bo día a todos e a todas.

É para min un orgullo que me convidásedes,de novo,a dicir unhas palabras nesta homenaxe, aquí nas abas de Sanxián, onde tivemos a oportunidade de participar na exhumación e devolución ás súas familias dos restos de tres miñoráns,pois os outros dous cadáveres que desenterramos seguen a ser, non uns descoñecidos para nós que vimos a realidade física dos seus restos, pero, quizais para os seus familiares, uns “desaparecidos”, ese termo que tan pouco empregamos, pois parece de uso case exclusivo da tipoloxía vitimaria das ditaduras suramericanas, pero que tan ben serve para reflectir a realidade do acontecido durante a persecución franquista en Galicia.

Sergio, fillo de Abilio Araújo, un dos asasinados en San Xián. F: Simón


E estar hoxe aquí, en Portecelo, a uns centos de metros dos cons da Angoeira onde, aquel 25 de agosto de 1936, ficou esnaquizado pola besta o corpo de Manuel Noia Gil, o corpo, que non a súa idea, que segue vizosa nas novas xeracións. A besta elaborara en conclave de paparota e alcol, no restaurante do Trega, baixo a presidencia  do capitán da GC Joaquín Teresa Pomares e o tenente de carabineiros Salvador Buhigas Novo,a longa lista moura que os militares esixían para considerar limpa a retagarda guardesa. Seica o que puxeronos sublevados na alcaldía,Paco Moreno, logrou rebaixar o número.Foron os primeiros cinco fusilados, recollidos en acta baixo o eufemismo de “encuentro con la fuerza pública”. Esa “fuerza”, dinnos Noia e o investigador Urís Guisantes, estaba formada por Severo Sobrino Vicente, Anselmo Fernández Estévez, “Fernandito” Jiménez Varela, Severino Fernández, Óscar Rodríguez González  e algúns máis. A listaxe, segundo Urís Guisantes, fora elaborada “pola Falanxe Local que presidía Manuel Franco Cadilla”, o grupo inicial da Falanxe guardesa xuntouse derredor do cura Cándido Rodríguez, pero quen acabou dirixindo a actuación da “Escuadra do Amencer”, dende Tui, foron José Mª Salgado Méndez-Núñez e Miguel Saez Mon, apelidos ambos de moito “ringorrango”. A estes dous últimos entregoulles o comandante militar de Tui, capitán Eduardo Rodríguez González, a Manolo Noia para arrincarlle o agocho do seu irmán Xoán, e máis de Antón Alonso Ríos e Guillermo Vicente de Santiago. As torturas e vexacións que lle fixeron e o seu asasinato aterrorizaron as xentes do Baixo Miño e hoxe convócannos aquí, 87 anos despois, porque non hai forma de arrincar a raíz do pensamento.

Mais non quixera rememorar o horror que todos e todas probabelmente coñezades e que gravaron para a súa persistencia na memoria colectiva o seu irmán Juan Noia e mais dona Josefina Segret no seu Abaixo as Ditaduras que agora podedes ler vertido ao galego, con acerto como sempre, por María Alonso Seisdedos.

Quixera determe un pouquiño en dúas datas de hai xustamente cen anos. Primeiro, no 29 de abril de 1923, día de eleccións. Uns días antes achegárase ata Tui nada máis e nada menos que Mariano Ordóñez García, os nomes como os apelidos teñen o seu aquel, o fachendoso Ministro de Graza e Xustiza que ficou  na historia como prototipo de cacique “cunero”, despectivo cos electores. Non viña don Mariano nin a desculparse cos seus votantes, que levaban anos reprochándolle a desatención en que tiña o distrito que representaba nas Cortes, entre eles o doutor Alejo Diz Jurado, que fora alcalde de Tui polo seu partido e trece anos despois será fusilado na explanada de tras do instituto de ensinanza media. Nin moito menos a pedir perdón polo masacre argallado polos seus gardas civís ao mando do terríbel tenente Ramón Merino Morales, que deixou sobre o campo de Sobredo os corpos sen vida de Cándida Rodríguez González,  de Joaquín Estévez Besada “O Choco”, e máis o do presidente da agraria de San Estevo de Budiño, Venancio González. Non pasaran nin cinco meses da matanza.  Tampouco,  aínda menos, viña retractarse da persecución que se promovía dende o xulgado municipal ou dende o de primeira instancia, onde argallaba dende había tempo Pablo Bugarín Domínguez e ordenaba o xuíz López Nieto. Viña porque se convocaran eleccións e estaba disposto a gañalas por todos os medios, legais ou ilegais, e humillar os que se atrevían a facerlle fronte e degoraban sacarlle un escano que durante décadas pertencera aos conservadores e ao seu apelido familiar. Os que intentaban botalo eran un agrarismo, que no distrito electoral tudense, que se correspondía case co partido xudicial, levaba anos de irreprochable loita antiforista. Escribiu daquela o presidente da Federación Agraria do partido de Tui, Enrique Jaso:

Suave y ondulante, al agrarismo no le falta la austeridad socialista, la tenacidad sindicalista, la elevación teórica y libertaria y, sobre todo, la ternura del cristianismo primitivo en toda su pureza. Con estos bellos atributos, entra el agrarismo decididamente en la lucha de clases- no hay otra- para conquistar la sociedad integral de la tierra y de la conciencia

O agrarismo víase coas forzas precisas para disputarlle a acta por Tui ao aparato caciquil, conservador e monárquico. Barallaron para iso dous nomes ben soados. Nin máis nin menos que Basilio Álvarez, o crego de Beiro, alma do agrarismo dende os primeiros anos do século, ou o mesmísimo Manuel Portela Valladares. Ao final foi este quen asumiu o reto, ao fin e ao cabo tiña asegurada a súa acta polo distrito da Fonsagrada, ben saben aquilo do carallo do 29, que, non habendo máis candidatos que os postos a cubrir, non se celebraban eleccións, así o que había que facer era impedir que alguén se presentase. A don Basilio aconselláronlle presentarse polo distrito da capital ourensá e ficou a velas vir. Don Manuel presentouse á batalla de Tui.

Por alí andaba mesturado entre as xentes agrarias o xastre Manuel Noia e mais o seu irmán Xoán e outros. Manuel argallaba obras de teatro para explicar o programa agrario e activar conciencias, contaba como actriz cunha culta muller que chegara do Brasil sendo unha mozota, Rufina Domínguez, filla de Tío Rafael das Amarelas, que fixera fortuna no Brasil cunha tenda de “secos e molhados”, un dos salvadores de vidas, tamén da de Xoán Noia.

A campaña foi quente e rabuda. O día da batalla aínda máis. Houbo bastonadas para todos, colexios pechados, tiros, manifestacións, presos, furnas cheas antes de se abrir os colexios e outras que desapareceron antes do reconto, presidentes de mesa que enfermaban a media xornada e 14 pistoleiros, capitaneados por “Pepe el Negro”, un quebrafolgas de Vigo, circulando polos arredores das mesas electorais. Ollo, non confundir este personaxe con José Alonso Martinez, alcumado do mesmo xeito, o home de Evangelina Jaso, xenro de Enrique Jaso, cuñado de Enriquiño Jaso. Os catro asasinados pola besta.

No Calvario do Rosal houbo ata tiros, os da garda civil e outros que non se sabe ben quen os pegou, pero si quen penou. Prenderon veciños e abríronlles causa por agresión e insulto á Garda Civil. La Integridad, o xornal do bispado tudense, describe un momento nun colexio electoral, dicindo que chegou Ramón Salgado, o avogado agrarista tan amigo de Xoán Noia, cuns cantos “sastrecillos”, lembrade que Manuel era xastre, aos que acompañaban “una turba de mujeres, niños y portugueses”. Entre a turba estaba Rufina Domínguez Trigo e Amalia Dorna Treinta e Eduardo González Álvarez e máis o home de Rufina, Domingo Iglesias, que, acusado de pegar algúns dos tiros, acabou marchando para a Arxentina. Aos catro abríuselles causa, cando menos instruída por un militar. Cumpriría estudalo.

O pucheirazo foi soado. Oficialmente, datos da web do congreso dos deputados, Ordóñez obtivo 3.262 votos dos 4.024 emitidos, sobre un censo de 5.991.Algúns xornais, como La Zarpa ou Galicia, falan dunha abafante maioría da candidatura agraria.O dous de maio de 1923 Portela Valladares asinou un longo escrito que recolleu a prensa, denunciando o roubo electoral. Pero Ordóñez asegurara o seu escano.

Por certo que Portela Valladares é personaxe a re-interpretar, máis aló do que del dixeron algúns galeguistas, aínda que tamén é certo que Castelao deitou sobre el parágrafos ben comprensivos.

As elites conservadoras, católicas e monárquicas colleron medo. Medo dabondo, aos agrarios de aquí e a enfermidade que viña do leste de Europa, a revolución social. Dentro duns días será o seu centenario. É a segunda data que quixera recordar. Non vos preocupedes, que poucos medios de comunicación o lembraran. O 13 de setembro o capitán xeneral de Cataluña, en acordanza co rei, ambos a un tempo, ciscáronse na súa propia constitución e deron un golpe de estado para salvar España. O presumido xeneralote e o vaidoso borbón quixeron coutar o pensamento, garantir a orde e a propiedade, e instauraron a ditadura imitando vergoñentos o seu heroe Mussolini.

No declive da xeira ditatorial, uns meses antes de que o Borbón tivese que refuxiarse nas faldras de Mussolini,   no Teatro Principal de Tui, ateigado de publico entre o que intuímos os irmáns Noia, houbo un mitin pola amnistía. Foi por setembro de 1930. Abriu os discursos Gumersindo Rodríguez Costas, “Gumersindo, o panadeiro”, o líder máis destacado da Federación Obreira Local de Tui, tal e como Manuel Noia o era da federación guardesa. Gumersindo era moito máis que un líder local, era o teórico da conxunción entre os “obreiros de taller” e “obreiros do campo” que tanta forza deu ao anarcosindicalismo ceenetista no distrito durante os anos republicanos, e esta conxunción agrario-proletaria é a que explica a fortaleza frontepopulista e mesmo a capacidade de resistencia aos sublevados.

Aquel era un mitin de dimensión extra tudense. O segundo orador foi José Villaverde Velo, o líder da CRG-CNT. Púxolle o ramo nada máis e nada menos que ÁngelPestaña, o líder máis prestixiado da CNT ao que a mosca non lle deixaba de zunir tras da orella. Dixo:

(...) un solo hombre desenvainó un buen día el sable, se calzó las espuelas y cabalgó sobre veinte millones de españoles. Más de seis años ha durado el oprobioso régimen y hay que evitar que se repita un hecho histórico que denigró a nuestra nación ante el mundo entero, porque pudiera darse el caso de que una dictadura todavía peor y más duradera viniera a humillarnos de nuevo.

Non sei se Pestaña se adiantaba a corrixir a Marx cando encetou  o seu Dezaoito de Brumario con aquilo de “Hegel di, nalgunha parte, que todos os grandes feitos e persoeiros da historia universal aparecen, é un dicir, dúas veces. Pero esqueceuse de engadir que unha vez como traxedia e outra como farsa”. Neste caso, á sentencia de Marx habería que darlle a volta polo forro e considerar a ditadura de Primo como unha farsa que anunciaba a gran traxedia da sublevación de xullo de 1936.

Eran ben conscientes do perigo. Non os colleu de sorpresa, pero si indefensos. Juan Noia ben lembraba aquel abril de 1923, é por iso que abriu a primeira páxina do seu xornal El Nuevo Heraldo Guardés de 11 de xaneiro de 1936, a un mes das decisivas eleccións do 16 de febreiro, reproducindo, na súa integridade, o manifesto que Portela Valladares asinara o 2 de maio daquel ano. Revelador. Di na súa entradiña coa que introduce o texto porteliano: “de la inconsciencia de las llamadas gentes de orden, que el año 23 falsearon villanamente el sufragio popular”. Lembrade que Portela era na altura xefe do goberno.

Vou rematando. Cómpre non esquecer, hoxe aínda menos, que os procesos locais están enxertados en procesos máis xerais ou mesmo globais. Non se pode explicar a guerra de España, que lexitimaron os apelados por Noia, aquelas mesmas “gentes de orden” que consentiron o “pucheirazo” de Ordóñez e aplaudiron con frenesí o golpe de Primo, se a disociamos do contexto europeo e mundial, se non a consideramos dentro do marco do ascenso dos fascismos despois da Gran Guerra.

Non eran alarmistas nin Ángel Pestaña nin Juan Noia. Quixera equivocarme nos meus temores ante o ascenso da dereita máis extrema por toda Europa e da ameaza, do perigo, de que un imperio en decadencia se sinta tentado a provocar unha catástrofe, poñernos a todos e todas en perigo, entregarlle anacos do planeta a Ares, antes de perder o exercicio exclusivo do seu predominio económico e político-militar.

Mais pasemos da esfera planetaria a Cerdedo. Seica hai uns días alguén difundiu na entrada dunha igrexa de Cerdedo un folleto que dicía:

Señor Jesús, luz del mundo y Rey del Universo:

Guarda a España de todo peligro y fortalécela frente a toda adversidad, guía a los españoles al fulgor de tu luz, protege a nuestras Fuerzas Armadas, defiende a nuestras Fuerzas de Seguridad, preserva la unidad de la nación y ampáranos bajo el manto de Nuestra Madre Inmaculada y con la intercesión del apóstol Santiago, patronos del pueblo español.

Líbranos de sus enemigos, confunde a sus adversarios y convierte a nuestra patria España e una antesala da la patria celestial.

Por Jesucristo Nuestro Señor. Amén

Preguntábase o historiador Dionisio Pereira na súa páxina de facebook que é de onde a tiramos: É iniciativa persoal do vicario ou dos seus superiores? Preguntas aqueladas, pois o folleto ten un retrouso, a provocación de tempos republicanos que parecen ben lonxe e agardemos que alá sigan. Seica quen o espallou foi o vicario de Quireza.

Recuncando na esfera local, teremos investidura, non confundamos co que fan os touros que en castelán soa parecido pero non é o mesmo, por vontade do Borbón, non porque o obrigue a constitución; senón porque quere darlle carta de vantaxe aos seus e xogar cos tempos. O vacuo comunicado da Casa Real di que como o partido do Sr. Feijoo foi o que obtivo o maior número de escanos, e como, co paso dos anos, fíxose costume encargarlle intentar formar goberno ao que máis escanos tivese, e, aínda sabendo que non ten os apoios necesarios, parécelle que non é razón para cambiar tal costume. E a presidenta do Congreso achanta. O que pretende o monarca é intervir en política, saltándose a súa propia constitución e poñendo en marcha o “reloxo constitucional”, cando podería, e debería, agardar a que alguén reunise os apoios suficientes. Pero non é iso o que pretende, senón  outorgarse un poder executivo que non lle dáa Constitución, pois esta explícita que os actos do rei carecen de validez sen o referendo do representante democrático. O mesmo artigo 99 no que se basea o comunicado da Casa Real di que o rei, previa consulta aos grupos, a través do “Presidente do Congreso”, proporá o candidato. Pero o Borbón quere intervir e ao propoñer a Feijoo e ao acatalo a Presidenta, ademais de reforzar o candidato da dereita fai que despois do previsíbel fracaso da investidura fiquen dous meses ata a disolución das Cámaras. Apura así os tempos para unas negociacións que se prevén complexas e que a dereita, tras presentarse como solución, agarda que fracasen e forzar novas eleccións.

Unha mexadiña do Borbón actual, non tan cheirenta como a do seu bisavó en setembro de 1923, pero a min ficoume nos miolos a entradiña de Xoán Noia referida a que as “gentes de orden” alteraron “villanamente el sufragio popular”.

Nota: Como é evidente non é isto o que dixen en Portecelo, senón algo parecido e xaora moito máis breve, pero as notas estaban feitas e deille forma por se a alguén lle puidera interesar.

xoves, xullo 27, 2023

Aviso importante "Lectura Poética no Bosque da Lingua"

 Prezados amigos e amigas.

Por mor da previsión de choivas para mañá pola noitiña acordamos cambiar a data de “Lectura Poética” no “Bosque da Lingua” da Comunidade de Montes de Couso (Gondomar) para o domingo á mesma hora. Isto é ás 20:30. Manténdose o mesmo programa de actividades

https://pedogalinheiro.blogspot.com/2023/07/lecturas-poeticas-no-bosque-da-lingua.html

e por suposto no mesmo punto, que por se houbese problemas de localización  indicamos de novo

https://maps.app.goo.gl/E1EAtbykqeWWji4S8

Por se vos presta, agardámosvos.

venres, xullo 21, 2023

LECTURAS POÉTICAS NO "BOSQUE DA LINGUA" DA COMUNIDADE DE MONTES DE COUSO



Algunhas das voces poéticas que nos últimos meses se xuntaron na Fonte de Zeta, ao pé da taparía A Mini, volverán a facelo o vindeiro venres 28 de xullo ás 20.30h, no Bosque da Lingua, ese fermoso proxecto ecolóxico e cultural promovido pola Comunidade de Montes de Couso. Neste espazo natural esparexidos entre carballos e castiñeiros, camelias ou abruñeiros, teixos, bidueiros e unha manchea de árbores diversas chantáronse postes de madeira que, sobre unha placa instalada na parte superior,  recollen uns poucos  versos dalgunhas das mellores composicións poéticas da nosa lingua.  Pódese acceder a través dun código QR que nos achega o texto completo, lido ás veces polos seus autores e autoras e noutas ocasións por persoas que lle prestan a súa voz a quen xa non a ten.   

Nesta data incorporaranse á selección poética do “Bosque da Lingua” textos representativos de Gonzalo Navaza e Marta Dacosta, ambos veciños de Gondomar, así como de Xabier Rodríguez Baixeras e de Xosé María Álvarez Cáccamo, ademais dos dedicados a Eduardo Pondal e Xosé Luis Méndez Ferrín.

Na lectura poética que se celebrará no pequeno e ben xeitoso anfiteatro, ollando a posta do sol, que argallou a modélica comunidade de Montes, participaran os poetas Xabier Rodríguez Baixeras e Xosé María Álvarez Cáccamo ademais de Manuel Forcadela e Cristal Méndez, e as voces miñoráns de Fran Fernández Davila e Soledad García Riveiro.

No mesmo lugar poderase degustar algún petisco acompañado dalgunha bebida para refrescarse.

Preténdese así promover e divulgar este fermoso proxecto sobre o que podedes informarvos en

https://montesdecouso.gal/campanhas/proxecto-bosque-da-lingua/

Se vos presta vémonos o venres 28 ás 20:30 no bosque da lingua de Couso (Gondomar) e para guiarvos podedes seguir o enlace

 https://www.google.com/maps/@42.097599,-8.748596,17z?entry=ttu

Cristal Méndez
 
Fran Fernández Davila

 


Soledad García Riveiro

Xosé María Álvarez Cáccamo
Xabier R. Baixeras

Gonzalo Navaza

Manuel Forcadela


mércores, xuño 14, 2023

Coincidencias

 


    Por una serie de coincidencias, nos últimos meses volvín ás aulas. Andei por varios institutos e un CPI. Cousas que ocorren por amigos ou amigas argallantes. De todo o que máis ilusión me fixo foi volver ás miñas vellas Escolas ProVal, a aula que, nun tempo lle dicían de galego, na que impartían sabedoría os amigos desta materia e unha amiga que perdura na memoria. Nin tan mal... iso si cansa eh...

    Seguiremos falando de recuperar a memoria, aínda que queiran derrogala e decretar o esquecemento.

domingo, xuño 04, 2023

LUZ PICHEL PÓN O RAMO ÁS LECTURAS POÉTICA NA MINI

 


    Amigos e amigas:

    Todo vai chegando ao seu remate. En xuño poñemos punto final ás “Lecturas poéticas na Mini” que coordinou Xosé Mª Álvarez Cáccamo.

    Ao longo deste “curso pasaron pola Fonte de Zeta, coas súas propias lecturas poéticas ou doutras persoas, Anxel Huete, Fernando Casás, Marta Dacosta, Maurizio Polsinelli, Xabier Boubeta, Camiño Noia, Xabier Xil Xardón e Pepe Pintado.

    Remataremos o curso aproveitando o regreso de Luz Pichel a Alén, á súa lugar natal, no concello de Lalín, a onde regresa polos veráns ou cando pode.

    Filóloga, catedrática de Lingua e Literatura española, reside en Madrid onde exerceu como profesora en diversos institutos ata a súa prexubilación.

    A súa primeira obra El pájaro mudo é de 1990. Entre 2002 y 2009 combinou o labor docente coa  dirección, na compaña de Guadalupe Grande, do “Centro de Estudios de la Poesía, de la Universidad Popular José Hierro” de San Sebastián de los Reyes.

    En 2004 gañou o Premio Juan Ramón Jiménez e dous anos despois o Premio Esquío con Casa pechada, a súa primeira obra en galego. En 2013 publicou unha persoal reescritura desta obra en castrapo, lingua de fronteira, co título de Cativa en su lughar. A súa última obra publicada é Alén Alén (2021).

    A súa poesía traspasa os lindes do código lingüístico a través dun discurso heterodoxo que non renuncia á emoción comunicativa e que está conseguindo un grande éxito de crítica e de lectura.Deixámosvos o enlace dun breve vídeo para que vos poidades achegar á obra de Luz Pichel

https://www.google.com/search?q=luz+pichel&rlz=1C1AVNG_enES716ES716&oq=luz+pichel&aqs=chrome.0.0i355i512j46i512j0i512j0i22i30.3187j0j7&sourceid=chrome&ie=UTF-8#fpstate=ive&vld=cid:b1c712e7,vid:R-iDa3SA7KI

    Se vos presta escoitar a súa voz poética, será este sábado 10 de xuño e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura, A Mini abrirá as súas portas ás 12h.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, ao pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso realizarase no interior da taparía.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Luz Pichel podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

 

domingo, maio 14, 2023

CIENCIA E POESÍA NA “MINI” CON PEPE PINTADO VALVERDE

 


    Amigos e amigas:

    Nesta ocasión quixemos dar un chimpo nas nosas lecturas poéticas, aínda que preferimos facelo con rede, protexidos pola contrastada experiencia do proxecto Neuston que formulou o noso conveciño da Ramallosa e científico titular do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, Xosé(Pepe) Pintado Valverde.

    Tomando como metáfora o neuston, que define a comunidade de organismos que viven asociados á superficie, na interface auga aire, este proxecto explora a interface ciencia-arte, suscitando un diálogo na contorna do mar e das ciencias mariñas en Galicia.

    O Proxecto Neuston, proposto como un experimento transdisciplinario, estableceu a colaboración entre quince científicos do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e quince artistas plásticos ou literatos. Tomando como punto de partida unha publicación científica, o investigador expuxo ao artista un aspecto concreto do seu traballo, que serviu de inicio a un diálogo a partir do cal o artista realizou a súa proposta.

    Para que vos fagades unha idea máis concreta do que se vai amosar e escoitar o sábado 20 de maio na “Mini” deixámosvos un enlace no que podedes botarlle un ollo ao proxecto (https://doi.org/10.4000/midas.896).

    Acompañando a Pepe Pintado estarán tres dos 15 artistas que interviñeron no proxecto os poetas Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Gonzalo Navaza e o escultor Fernando Casás. Ademais poderase contemplar imaxes do Proxecto Neuston.

    Se vos presta escoitar o relato deste innovadora mestura entre ciencia e arte argallada por Pepe Pintado, alí estaremos.

    Será o sábado 20 de maio e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12h.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Pepe Pintado podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

 

xoves, abril 27, 2023

De Compostela ao exilio interior. Unha biografía de Paco del Riego

 


    De Compostela ao exilio interior. Unha biografía de Paco del Riego

    Mañá venres 28 de abril, será todo un pracer acompañar ao amigo de vello e longo percorrido, Antón Mascato, na presentación da súa biografía De Compostela ao exilio interior que con tanto esmero acaba de publicar a Editorial Alvarellos.

    Paco del Riego para Antón Mascato foi sempre o faro que marcaba a dirección no traballo editorial e no compromiso de nación. Tratouno durante décadas e foi un dos seus primeiro biógrafos, xa na altura de 2002. Daquela ambos coincidían polo Miñor, Paco cos seus paseos de verán por Lourido; Antón indo e vindo do Grove ou de Vigo a Gondomar.

    Bo coñecedor pois, Antón Mascato, da persoa a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Eu que tamén o tratei nas súas estancias miñorás sempre admirei o sentido da disciplina do militante político que foi Paco del Riego.


    Se vos presta saber algo máis de quen foi e que fixo Paco del Riego, non deixedes de acudir a presentación e, en especial de ler o libro de Antón.

A. Mascato. Foto: C. López
    Será ás 20.30h. na Aula Ponte de Rosas; sede do Instituto de Estudos Miñoráns.

luns, abril 24, 2023

LECTURA POÉTICA NA MINI: CON XABIER XIL XARDÓN

 


    Amigos e amigas:

    Se as últimas lecturas poéticas caracterizáronse, en certa medida, pola presentación pública, en canto á poesía, de novas voces, nesta ocasión teremos a un poeta novo de longa mais de longa traxectoria, que gusta da palabra dita e escatima a escrita, pois tennos dado menos libros impresos dos que desexaríamos.

    Tratase de Xabier Xil Xardón, da colleita dos primeiriños anos oitenta e ben regada polas augas do Limia.Estudou Filoloxía Galega na U. de Vigo e exerce como profesor no ensino secundario.

    Dende os anos estudiantís participou en certames da universidade e gañou os premio Antón Tovar (2007) e Eusebio Lorenzo Baleirón (2008, este co poemario Cando menos a derrota (2009, Sotelo Blanco Edicións).

    Así entre o berro reivindicativo e o asubío da retranca foi construíndo a súa obra poética Detéxtonos (2018, Positivas), O contaxio (2019, Urutau), mentres non deixaba de participar en publicacións colectivas e en grupos poéticos como as “Redes Escarlata” ou a “Hostia en Verso”.  

    Se vos presta escoitar a voz potente e telúrica de Xil Xardón, alí estaremos.

    Será o sábado 29 de abril e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12h.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Xabier Xil Xardón podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

xoves, abril 13, 2023

 


Este sábado 15 de abril, a Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña organizamos un ato simbólico nun dos escenarios chaves da represión franquista no Baixo Miño, o Mosteiro de Oia.

    Por el pararían case 5000 represaliadxs de distintas orixes, ideais e condicións, entre o ano 1937 e o 1939.

    Para dignificalos e lembralos contaremos con dous dos mellores historiadores do país sobre a temática; Carlos Méixome e Kiko Paz Antón.

    Previamente, ás 11h30 farase un pequeno percorrido polo Mosteiro, visitando concretamente a parte dos "Presos do Mosteiro". Para esta visita fará falta facer inscrición previa no 605789915, xa que as prazas son limitadas.

    Achégate e difunde!

    Pola memoria republicana e libertaria!

mércores, abril 12, 2023

Vermellos e laicos e Os mestres mortos daquel verán

 


    O próximo venres, 14 de abril, ás 20h na Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), será todo  un pracer acompañar ao amigo e compañeiro Narciso de Gabriel na presentación dos seus dous últimos libros Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés (2021) e Os mestres mortos daquel verán (2023) nos que se achega tanto aos alicerces do nacional-catolicismo escolar como á mecánica do proceso depurativo do maxisterio ou á tipoloxía das sancións, así como a unha serie de historias de vida como as do seu admirado Arxmiro Rico Taboada ou as das mestras María de Miño e Mercedes de Monelos, brutalmente maltratadas e asasinadas, ou do miñorán de vida durante anos, el e a súa familia, Víctor Fraiz Villanueva.

    Conmemoraremos así o día da República que non deixaron ser.

    Por se vos prace.

martes, abril 11, 2023

Os aires republicanos

    Andei estes días pasados polas terras occitanas que abeiran os ríos Lot e Garonne. En calquera recanto podías deterte ante a fachada dunha igrexa católica, ou protestante, que ben sufriron aquelas terras chás polas disputas relixiosas, marcadas coa lenda revolucionaria; facer un alto, no centro de Agen, para retratar un lanzo de memoria da II República; achegarte a Montauban para facerlle unha visita á tumba de quen quizais mellor personifique a xeira republicana; mercar, en librarías de vello, algunhas memorias intimas de La Guerre d´Espagne ou de súpeto bater coa familiaridade da espiritrompa, da lingua das bolboretas que imaxinara Rivas e puxera en imaxes o ribeirao de adopción e vida, José Luís Cuerda.

    Todo semellaba insistir, naquela semana laboral para os franceses e de exhibicionismo nacional-católico en España, que nos sete días seguintes ficara comprometido para participar en varios actos. O primeiro, e por partida dobre, o mesmo día da conmemoración republicana, o venres 14,  quizais na estela do mestre don Gregorio e do cativo Moncho, quedara de acompañar ao amigo, dende a vella Compostela, dunha Fonseca que se   esmiuzaba en anacos mentres os estudantes nos pechabamos nela con reiteración, Narciso de Gabriel, para que nos presente os seus dous últimos libros Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés (2021) e Os mestres mortos daquel verán (2023) nos que se achega tanto aos alicerces do nacional-catolicismo escolar como á mecánica do proceso depurativo ou á tipoloxía das sancións así como a unha serie de historias de vida na que nos podemos volver a aproximar ao seu admirado Arxmiro Rico Taboada ou ás mestras María de Miño e Mercedes de Monelos, brutalmente maltratadas e asasinadas ou ao miñorán de vida durante anos, el e a súa familia, Víctor Fraiz Villanueva. Será pois un pracer acompañar, o venres, 14 de abril, ás 20h na Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13),  a Narciso na presentación dos seus libros.


    Pero unhas horas antes será para nós ben grato participar no xantar da República, no “Cupo sen fundo” de Goián, argallado como de costume pola dinámica e sempre atinada “Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña” que este ano homenaxeará a Raúl Francés, eu dígolle pai, para distinguilo do amigo homónimo dende os tempos de Narciso en Compostela. Os Francés foi unha das familias máis perseguidos polos facciosos sublevados nas terras do Porriño e da Louriña e a fronte da súa memoria, de José, Eleazar, Antonio, Asunción, Eladio... estivo e continua sempre Raúl, o fillo de José, asasinado en Tui o 27 de agosto de 1936.

    E ao día seguinte, sábado 15 de abril, de novo por iniciativa da “Comisión pola memoria” participaremos, xunto ao tamén amigo, o músico e investigador, Quico Paz Antón, na homenaxe aos presos que padeceron no Campo de concentración de Santa María de Oia toda clase de penurias. Será a partires das 11,30 despois dunha breve visita á parte do Mosteiro que ocuparon os presos. Para esta visita é preciso ao haber limitación de prazas, no 605 78 99 15.

   Moito pesar me queda por non poder acompañar aos amigos e compañeiros Suso (Xesús Andrés López Piñeiro) e Foz (Luís Gonçalez Blasco)  na presentación dos seus libros,Castelao. Plástica e pensamento (1903-1916) e Celso Emilio Ferreiro, naacionalista galego, na “quedada” anual á que tampouco poderei asistir. As datas, ás veces non son doadas de casar.

    Por se vos prace, vémonos o venres 14 ou o sábado, 15, ou os dous días se queredes.