martes, agosto 06, 2019

Choveu


No nº 180 da revista Terra e Tempo, xaneiro-xuño 2019, para ilustrar unha breve colaboración sobre a asociación cultural universitaria “ O Eixo” do amigo Bieito Iglesias Araúxo, recollese esta foto que un día me chegou en copia dixital e da que non lembro o seu autor, nin sequera quen ma enviou. En calquera caso beizóns aos dous.

As coincidencias fixeron que rebuscase na portentosa memoria destes trebellos de hoxe, e alí estaba. Debeu ser por finais de marzo ou comezos de abril de 1977, na “benvida” aos catro presos militantes da UPG que ficaran ceibes, tras a segunda amnistía, o 23 de marzo dese ano.

Aí están Lito, Manolo e Marisa e máis o Brañas, un avogado vasco,  a súa colega de profesión Teruca Conde Pumpido e mais eu, un pouco máis magro pero xa con luminosas entradas, franqueados por uns animosos camaradas de ERGA, aos que nunca esquecerei, dos que non poño os alcuños para que as persoas interesadas se entreteñan en lembralos. Choveu.

mércores, xullo 24, 2019

O último barco


O próximo mércores, 31 de xullo, ás 20:30h na libraría Libraida (Rosalía de Castro, 13 – 36380, Gondomar) estaremos de conversa con Domingo  Villar de arredor do último caso, despois de Ollos de auga e A praia dos afogados, do inspector Leo Caldas, e de O último barco (Galaxia) que vai para Moaña.

Agardámosvos. Non perdades a ocasión.

mércores, xullo 17, 2019

A unha e outra beira: o atlántico


Atinou Castelao ao empregar as figuras, tráxicas diría el, das irmás Castro como símiles do corpo colectivo da nación, en reiterada frustración,  encastada nun recanto entre Portugal e Castela. Lembremos. Dona Xoana (?-1374), a raíña por unha noite, soterrada no Panteón Real de Compostela, repudiada polo inestábel Pedro de Castela. Aquel que bandeaba de Cruel a Xusto segundo amañecese, mesmo á  custa de que quen, segundo certa historiografía con excesivo cheiro a invención  decimonónica, puxo no seu epitafio: “Aquí xace Fernán Ruiz de Castro, toda a lealdade de España” se enrabiase. Así foi, o Conde de Lemos, encabuxado polo trato real á súa irmá, cruzou o Miño,  asentouse en Monçao e desvinculouse, ante notario, da coroa de Castela. Despois Pedro pediría papas e o de Castro decataríase de que os seus intereses, e os da nobreza laica galega, defendíanse mellor apoiando a Pedro na disputa dinástica con Henrique, aínda que este último portase o título galego de Trastámara.

A media irmá Inés (1320 ou 1325- 1355), engaiolou outro don Pedro, o de Portugal, mais, poetiza Camões: “O velho pai sesudo, que respeita/ o murmurar do povo e a fantasia/ Do filho, que casar-se não queria/ Tirar Inês ao mundo determina,/ Por lhe tirar o filho que tem preso,/ Crendo co´o sangue só da morte indina/Matar do firme amor o fogo  aceso”. Ben saben a historia. Inés asasinada polos temores do rei e a nobreza portuguesa á  influencia perversa dos Castro e do “partido galego”. Rememora Camões, tamén de ascendencia norteña: “O caso triste, e digno de memória/Que do sepulcro os homens desenterra,/ Aconteceu da mísera e  mesquinha/que depois de ser morta foi Rainha”.  O engaiolado Pedro, xa rei, obrigou os nobres conspiradores a bicar o anel da raíña na man esquelética de quen reinou de morta. Prosegue Camões: “Do justo e duro Pedro nasce brando/ (Vede da natureza o desconcerto)/ Remisso e sem cuidado algum, Fernando,/ Que todo o reino pôs  em muito aperto;/ Que, vindo o Castelhano  devastando/ As terras sem defesa, esteve perto/ De destruir-se o reino totalmente;/ Que  um fraco Rei faz fraca a forte gente”. O fraco Fernando reinou en Galicia por aclamación nobiliaria durante tres anos. Quen devastaba era Henrique, o Trastámara. O “inconstante” Fernando e o magro irredentismo portugués, por temor a Castela, abandonounos. Dona Xoana,  aldraxada. Dona Inés, amada, despois de morta.

Mais Portugal aseguraría a súa independencia converténdose nun “azar inexplicado e inexplicable” en palabras de Sánchez Albornoz  no seu intento de desentrañar o “enigma” de España. As verbas de don Claudio incítanme a dúas reflexións. Primeira, semella que o nacionalismo español liberal-progresista (sempre subalterno a respecto do nacionalismo conservador, católico e autoritario) ten serias dificultades para esgazarse da matriz imperialista e castelanista; as dúas veces que o intentou (1873, 1931) fracasou. Estaremos nunha terceira tentativa ou só nun amago?.

Segunda, o simplismo da visión xeografía como base dun iberismo galante e natural, aínda que só ben visto se é condescendente co que se considera maioría territorial, poboacional e cultural. Portugal non é un absurdo político porque a aparencia de “continuidade” xeográfica non determina a historia, nin a xustifica, como, por poñer un exemplo, non explica que as chairas centrais europeas teñan que formar parte dun espazo político unificado, por moito que o pretendan as teorías dun “espazo vital” (Lebensraum) alemán.

Pola contra, no caso portugués, parece que a “situación” xeográfica pode servirnos para explicar a continuidade da nación política e, ao mellor, no noso caso, a redución a unha simple cultura e lingua primixenia, amada pero “mísera e mesquiña”. Somos unha terra de termo, dicía Otero, unha marca fronte ao  océano, unha fisterra europea. Volvendo a Camões: “Onde a terra se acaba e o mar começa”. Certo, como o é toda a franxa atlántica peninsular, con resultados ben diferentes a unha e outra beira da fronteira do Miño, esa puñalada psicolóxica persistente.

A medida que baixamos do Miño cara ao  cabo Roca, o punto máis occidental de Europa, e o Algarbe, temos unha costa aberta ao  océano, recta, sen aberturas, sen portos de abrigo nin illas, sen golfos, e aínda que o mar lle afecta a case todo Portugal, a vida económica dependente del amósase secundaria, cunha plataforma estreita, apenas 30km., e batida por fortes ventos; as condicións xeográficas non invitan a aventuras marítimas e pola contra “E se mais mundo houvera, lá chegara.  “Virou costas a Castela” e cando a revolución tecnolóxica do transporte llo permitiu botouse ao  impetuoso océano e asegurou a súa persistencia como nación. A poboación portuguesa atlantizouse.

No noso recanto fisterrán pola contra a liña costeira é unha permanente  reviravolta, unha constante e mansa, en gran parte, entrada do mar na terra, inzada de illas e magníficos portos de abrigo e unha extensísima plataforma mariña que augura toda caste da farturas. Mais as súas elites viráronlle as costas ao  océano liberador,  desatlantizáronse, e asumiron o estereotipo de ser a  fin do mundo, a  fin dun único camiño terrestre e non o principio de varios alternativos. Ollaron para León, para Castela, para o poder da monarquía e tras sucesivas alianzas erradas ficaron por converterse en nobreza cortesá para facer carreira política. Niso seguen.

Cando o desenvolvemento tecnolóxico o permitiu, as abundancias que auguraba o mar ficaron en mans adventicias que tardaron en diluírse no conxunto social e a aventura mariña virou de conquistar almas para Deus e tesouros para o rei a exportar man de obra para repoboar as Américas baleiras tras o exterminio indíxena.

Un deses nobres cortesáns foi don Diego Sarmiento de Acuña (1567-1626), Conde de Gondomar, que engadiu á  súa bibliofilia  a bendita teima  de gardar as cartas que recibía e copia, ou cando menos  apuntamento, das que enviaba. Hai entre as 40.000 cartas que conservou unha fonte de primeira man para  coñecer o devir político e social da monarquía católica no transito do XVI ao XVII. Nunha delas, dada a coñecer por Lois Tobío, don Diego Sarmiento de Sotomayor e Bazán (1535-1591), señor do Val de Achas e Petán [que non é o mesmo que o seu homónimo, parente e coetáneo, o señor de Salvaterra e Sobroso, Don Diego Sarmiento de Soutomaior (1570-1618), primeiro conde de Salvaterra], escríbelle ao  parente de ambos e futuro conde de Gondomar dúas cartas. Na primeira o señor das Achas dille a don Diego “e que fixese isto nesta lingoaxe pois e de v.m. tan estimada e por ela me trouse aquí que coela despertaría v.m. do sono de coRexidor.” Na segunda afirma de si mesmo: “saom Sarmento e criado a veira de Portugal”. Cando o señor das Achas lle escribía ao  de Gondomar, Portugal e Galicia pertencían á  monarquía católica dos Austrias.

Paseo polo lenzo da muralla da fortaleza de Salvaterra, erguida por militares portugueses, mesmo por riba das chamadas Covas de dona Urraca que reverberan, ao xeito popular, lendas dunha raíña argallando os ataques, coa asesoría do “pío ladrón”  Xelmírez, contra a súa media-irmá Tereixa, a condesa portucalense a quen tiña sitiada no castelo de Lanhoso. Imaxino a Pedro Madruga resistindo os mercenarios de Alonso II de Fonseca e, sitúome, menos de medio século despois da carta do señor das Achas, cando Rodrigo de Vasconcellos vadea o río para tomar a fortaleza, da que lle ía franquear as portas o mando militar que deixara o segundo conde de Salvaterra, Garcia Sarmiento de Soutomaior e Luna, que marchara había pouco para ser vicerrei no Perú.

Dende a altura da atalaia ollo para Monçao e lembro de novo a Castelao: “Na beira do Miño. O rapaz: ¿E logo os da beira de alá son máis estranxeiros que os de Madrid? (Non se soubo o que respondeu o vello)”.

*Publicado en Tempos Novos nº 226, xullo 2019

luns, xullo 15, 2019

Baiona, 1936


O próximo xoves 18 de xullo ás 20h. estarei na Capitanía Marítima de Baiona (Elduayen,20) para  falar do que aquel mesmo día de hai 83 anos saltaba esnaquizado para converterse en violencia e terror.

O 15 de abril de 1931, a Baiona, como ao conxunto do estado,  a Galicia e ao Val de Miñor, chegaba un  novo réxime político: A II República.  Como era a sociedade baionesa do momento?,  cales as súas principais forzas sociais e políticas?, cal a súa base económica?, que pasou naquel breve período?, por que aquel ilusiónante novo tempo rematou coa feroz violencia desatada o 18 de xullo de 1936? Que lle pasou ás autoridades municipais, alcaldes e concelleiros, e aos principais dirixentes sindicais obreiros, mariñeiros e labregos? Queremos saber destes pasados incómodos? Por  que non se converten en historia?

As persoas que o desexedes ficades convidadas.


mércores, xuño 26, 2019

O bacallau do Escocia




Levo uns días con gran peso entre as mans e enorme fartura no espírito. Dígoo porque ando ás voltas coas 1.331 páxinas do primeiro tomo da biografía de Castelao coa que Miguel Anxo Seixas agasallou as xentes da nación ferida. A cousa non fica aí, pois a editora (Galaxia) e mais o autor anúnciannos dous volumes máis que atenderán as dúas últimas décadas do rianxeiro, que para os agoniados, coma min, pola nación esvaradía, son os de máis interese, os de maior intervención política. O primeiro dos que virá, que é o segundo tomo, abranguerá de 1930 a 1940, isto é, dende os albores do Partido Galeguista ata a derrota da República democrática na guerra de España. O derradeiro volume tratará dos deambulares no exilio, persoal e político, dos meses de ministro en París e de acollida bonaerense na pretensión de asistir a respiración da nación. Haberá que agardar pois a súa publicación pois  o traballo está feito en forma de tese de doutoramento presentada no seu día na universidade compostelá.

O primeiro volume da biografía do construtor de nación, supoño que nos dous que agardan Seixas seguirá o mesmo modelo, é unha especie de anuario no que se vai debullando a vida do biografado dende o nacemento, 1886, ata 1930. É evidente que tantas páxinas non se enchen con datos referidos ao  protagonista, a súa familia e mesmo o amplo circulo de amizades de quen dende novo tivo unha intensa vida social, polo que Seixas nos ofrece, de paso, un retrato da sociedade galega, das súas clases sociais, das súas elites intelectuais e mesmo breves historias contemporáneas dos “locus amoenus” castelaoistas a comezar por Rianxo, a Pampa e Pontevedra; todo a través dun denodado esforzo de desentrañamento documental e unha excelente e minuciosa recuperación hemerográfica que non só deixa manifestas as habilidades historiográficas do autor senón os anos, de vinte  fálase, que o biógrafo leva escavichando na vida, obra e tempo do biografado.

Como é evidente foi nestes primeiros 44 anos da vida de Castelao cando se forxou a personalidade de quen rematará por se converter no gran mito da construción nacional. Vida curta que non puido poñer o ramo á súa obra. “Xa estamos fartos de arqueólogos, agora fannos falta arquitectos”, escribiu no artigo en 1918. Aí estaba a xurdir o Castelao construtor da nación. O prendido do pesado e potente motor diésel ou os primeiros pasos do lento boi pousón capaces de turrar da nación con constancia e sen diletantismos. No mesmo ano 1918 aquel home que participara da política conservadora do maurismo, da visión dunha Galicia reflectida nas páxinas reaccionarias de Vida Gallega, “renego da miña primeira mocidade”, escribiu, afástase do tradicionalismo para afirmar que “cómpre que as nosas xentes non vexan a política no noso ideal, inda que, dende logo o noso ideal é político” ou para preguntarse se cando chegue o bolxevismo este o fará en galego ou para comprender as reticencias do vello anarquista cando lle reclama o voto ou cando “optimista enxebre”, así titulou o artigo, confía tanto na medra xeométrica do movemento galeguista como na galeguización das cidades, “traballo doado”, onde florecerá a cultura galega. A esta altura Castelao está xa ben afastado tanto do conservadorismo como do tradicionalismo sendo capaz de propoñer o diálogo coas ideoloxías máis avanzadas no social e coas poboacións urbanas consideradas por moitos galeguistas como a anti-nación.

Castelao non foi o máis brillante intelectual da súa xeración, nin un gran pintor, senón un excelente caricaturista e creador dun estilo, particular, identificable, baixo o lema “As palabras han ser contadas e ben pensadas”. Non era nin o torrente oteriano, nin o requintado espírito risquiano, nin procedía da fidalguía  minorada;  senón que é un modelo ideal de compromiso, de honestidade e entrega que ollou, intuíu, elaborou, un proxecto galeguista que o empurrou a abandonar o seu proxecto vital de artista para converterse no dirixente político da nación galega, no mito, por riba de Rosalía, e transmitirnos  o traballo cumprido, sen ter a satisfacción de ver a obra rematada. Logrou, xunto con todo o galeguismo progresista, a grande obra do país, conseguir o estatuto de Galicia, sabendo dialogar, pactar e renunciar para acadalo. Logrouno e deixóunolo.

E as elites políticas galegas cando puideron usar o trebello, ben é  certo que con décadas en hibernación,  que eles construíran non souberon que facer con el. Uns porque xa non crían no instrumento, tras décadas de violenta obsesión unitarista, e moito menos no modelo de honestidade a el asociado. Tampouco as elites nacionalistas, enmarañadas na dialéctica da transición e nas ideoloxías universais do momento souberon deseñar un proxecto propio que continuase a obra. Infelizmente coido que seguen, ás probas me remito, sen ter claro o proxecto: acadar unha maioría para construír o pais, coas alianzas necesarias, dende o goberno que Castelao e os seus nos legaron.

E o bacallau? Unha anécdota. Como vía tan pouco, para camiñar pola rúa apoiaba a man sobre o ombro da súa muller Virxinia e esta presentábase: “Aquí veño co bacallau de Escocia”. Aquel reconstituínte do que tan pouco gorentabamos os rapaces da miña xeración. E que tanto ben lle faría hoxe ao  país.

*Publicado en A Nova Peneira, xuño 2019



luns, xuño 24, 2019

O meu tío-avó, o castelaoista


Os que o coñecen saben da afección do meu tío-avó Nilo a reparar trebellos, a fochicar entre ferros oxidados, a procurar polos interiores de caixóns inzados de parafusos de diferentes formas, condicións e tamaños, aquel que poida servir, cun aquelado trato, para o sorprendente arranxo do máis insospeitado aparello estragado pola obsolescencia programada da industria do consumo. Nada o detén, nin a máis aparente dificultade, con tino, acougo e días, matina e actúa ata atopar solución práctica á vella lavadora que escandaliza a  veciñanza, á neveira que deixou de arrefriar ou converte os bistés en pranchas de xeo, á aquela lámpada que gusta de estourar a cada pouco ou ao  triciclo estragado por ímpetos infantís. É o seu un espírito práctico que non se arreda ante atrancos aparentes nin inconstantes impaciencias.

Repare o lector que o alcuño que hoxe lle apoño ao  meu tío-avó vén inspirado pola lectura intensa e extensa (1.331  páxinas) da biografía que Miguel Anxo Seixas vén de encetar sobre o construtor da nación. Digo que acaba de comezar a súa publicación porque a obra (rematada como tese de doutoramento) non se completará ata a saída do prelo dos dous seguintes tomos, de similar extensión, dedicados ás dúas últimas década da vida do rianxeiro; as máis intensas no referido ao  combate político. Podemos gabarnos desta minuciosa achega biográfica que aínda que non clausure o campo de estudo si nos permite comprender e aprender de quen soubo converterse nun modelo ético e político, para o que cómpre ollar con atención por riba de fraseoloxías focas e rituais. O esforzo editorial de Galaxia que con estes tres tomos, e os seis das obras que publicou en 2000, é  digno de agradecemento.

Castelao era un home popular, un artista coñecido e recoñecido, como se desprende da lectura deste primeiro volume que nos achega os seus 44 primeiros anos de vida. Non foi o máis brillante intelectual da súa xeración, nin un gran pintor, limitado polas dificultades de visión, pero si un excelente caricaturista, un magnifico debuxante e un escritor de estilo, de palabras “contadas e ben pensadas”. Non era nin o torrente, na escrita e na fala, oteriano; nin o requintado espírito da lumiña vagaceira risquiana, nin procedía da tradición fidalga decadente dos Losada, senón que xurdiu da clase feita coas mans que topou fortuna no desértico cruce da sudestada, o zonda e o pampero.

O seu compromiso, honestidade e entrega permitiulle ollar, intuír, elaborar, un proxecto galeguista que rematou por sobrepoñerse ao  seu proxecto artístico e o converteu no dirixente, no construtor, no mito da nación. Logrou, xunto co galeguismo progresista da súa xeración, a grande obra de afirmar a nación, de acadar un estatuto para Galicia, de transmitirnos o traballo cumprido, sen a satisfacción de ollalo en marcha. Para atanguelo tivo que dialogar, pactar, renunciar e situar por riba das “miserias” humanas e intelectuais a vontade imaxinada da nación.

As xeracións seguintes, descontadas as machucadas polas botas militares, non souberon fedellar nos caixóns inzados de parafusos lañados para atopar aqueles máis axeitados para arranxar e adaptar o trebello.

A vontade de nación carece de proxecto para conxuntar a maioría construtora de país. Estou seguro de que habelos hainos, mais non se mirou ben.

*Publicado en Novas do Eixo Atlántico, xullo 2019