luns, maio 27, 2019

Do abadexo á zorza


O próximo venres, 31 de maio, ás 20:00h na libraría LIBRAÍDA de Gondomar estarei acompañado o amigo Xavier Rodríguez Baixeras na presentación do seu monumental  Dicionario da comida galega no que xuntou gastronomía, historia, filoloxía, etnografía, receitas, magnifica literatura e moitas cousas máis, e tamén o amigo César Lorenzo Gil, editor deste preciso volume magnifico, resultado da colaboración entre a editora que dirixe Aira Editorial e mais Engaiolarte, a editora da que é responsábel o amigo Xan Carballa.

Teño moita ilusión nesta presentación pois tamén estarei acompañando o meu fillo Roi quen como cociñeiro nos achegará a este volume, convertido o pouco de ser publicado na gran referencia da gastronomía e da cociña galega como ben se desprende do seu subtitulo “Do abadexo á zorza”.

Trátase dun traballo único e singular que consta de máis de 1.000 entradas sistematizadas alfabeticamente,  600 páxinas e 1.500 fotografías.  Máis que un grande manual de consulta, o Dicionario da Comida Galega tamén é un traballo diferente e de referencia para gorentarse cos sabores e os saberes, polo simple pracer da lectura e a evocación e que é de obrigada consulta para todas as persoas interesadas na cultura, a alimentación e a gastronomía.

Agardámosvos dispostos a degustalo, o libro, e o que se poña.


xoves, maio 16, 2019

Depois de Marte


O próximo sábado, 18 de maio, o chamán Fernando Casás viaxa máis alá de Marte e inaugura exposición no Museo Internacional de Escultura Contemporánea no Museo do Abade en Santo Tirso.

Alí estaremos, xunto os seus, para acompañalo.

luns, maio 13, 2019

Bieito Iglesias en Biosbardia



O amigo Bieito Iglesias iniciou en https://biosbardia.wordpress.com/, o magnifico país dos libros en galego que goberna con sabedoría o amigo César Lorenzo Gil, unha serie de entregas, coido que serán seis, iluminadas con suxestións fílmicas, visuais ou musicais mais por riba de todo enxertadas na literatura. Déixovos o enlace dos dous primeiros relatos por si son do voso interese.

Emily Dickinson en Libraida



   O próximo xoves, 16 de maio, ás 20:00h na libraría LIBRAÍDA de Gondomar estarei acompañado a amiga e veciña Marta Dahlgren e ao tamén amigo Manolo Forcadela na presentación de Herba abraiada, a escolma e tradución que fixeron dos poemas de Emily Dickinson e que a Editorial Rinoceronte publica en coidada edición bilingüe que inclúe poemas de todas as épocas, tamén dos derradeiros anos, cando a súa obra se torna máis depurada e de difícil interpretación.
   
   Acompañaranos Elena Gómez Dahlgren, ilustradora da cuberta.