martes, xuño 28, 2016

Pesadelo Eichmann


     Na “foto finish” Alexander Van der Bellen superou, por algo mais de trinta milleiros de votos, a Norbert Hofer. O novo presidente, postulado como independente aínda que fora o anterior portavoz dos Verdes, superou o candidato do FPÖ, o Partido da Liberdade de Austria.

 
Victor Braumer (1934).  Óleo sobre cartón 22 x 16 cms.
      A presidencia austríaca é un cargo representativo. O que é de relevo é o escenario político esbozado: non só non gañase ningún dos dous grandes partidos (SPÖ, socialdemócrata, ÖVP, democratacristián) senón que ningún deles foi quen de chegar á segunda volta. Os dous repartíranse o goberno austríaco dende o remate da segunda guerra mundial en ocasións ao estilo Große Koalition; agora son actores secundarios.

      Non é novidade o apoio electoral do FPÖ. Xa dende cando o lideraba o finado presidente de Carintia, Jörg Haider, tanto socialdemócratas como cristiandemocrátas coquetearan con el. Naquela altura chegou a ser segunda forza (1999) e a exercer a vicepresidencia do goberno federal o que provocara sancións por parte da UE.

      O vello FPÖ fundouno en 1956 un afiliado ao partido nazi antes da Anschluss, deputado no Reichtag, ministro, membro das SS e defensor da Großdeutsche “Gran Alemaña”. Na actualidade, diríxeo Strache que, dende 2008, concita un amplo apoio electoral baixo o lema Wien darf nicht Istanbul werden (Viena non debe converterse en Istambul).

      Semella que na Europa do sur reclámaselle á esquerda a solución da crise de sistema (Grecia, Portugal, España), mentres que na Europa central estánselle a dar perigosas oportunidades ao antihumanismo (Francia (FN), Austria (FPÖ), Reino Unido (UKIP, que usurpou o Brexit), Suecia (SD), Hungría (Fidesz), Finlandia (Perussuomalaiset), Dinamarca (DF), Suíza (SVP), Países Baixos (Vlaams Belang), Serbia (SRS)...), adubadas co prebe Donald Trump mentres os da Alba Dourada agardan o fracaso de Syriza de Tsipras.

      Ao tempo, en Idomeni humíllase a humanidade; o Mediterráneo inza de caiucos múltiples que arroxan corpos sen vida de calquera dos “combates”; as Sturmabteilung diversas e Squadristi variados arrasan os centros urbanos da Francia futboleira e ocupan as gradas dos estadios; mentres alguén asasina unha deputada ao berro de Britain First!...

      Temos unha amarga sensación.

venres, xuño 10, 2016

Retrincos galegos do Zé Mario Branco


     Comezo a redactar esta nota o mesmo día (2 de xuño de 2016) que se vai estrear, nunha sala comercial lisboeta, o documental longo Mudar de Vida. José Mario Branco vida e obra realizado e producido por Nelson Guerreiro e Pedro Fidalgo. O filme seguindo o itinerario da vida e obra do músico do Porto ofrece un percorrido pola historia política e social do Portugal contemporáneo.

     Non pretendo nin glosar a obra musical nin a acción cultural, política e humana do Zé Mario. Inmensa. Só dar conta de tres anécdotas que vivín e deixan, na miña opinión, ben palpábel a enorme personalidade dun músico,
creador de múltiple expresión e inmenso home de escena así como o permanente compromiso dun loitador sen concesións. Ora ben, aproveito para presentarllo tal e como el mesmo fixo nese intenso alegado vital que é FMI; dicía: “Sou português, pequeno-burguês, filho de professores primários, artista de variedades, compositor popular, aprendiz de feiticeiro, faltam-me dentes. Sou o Zé Mario Branco, 37 anos, do Porto, muito mais vivo que morto, contai com isto de mim e para o resto”. E recomendar a que non o fixera aínda que poñan a orella e os ollos en cando menos Mudam-se os tempos, mudanse-se as vontades (1971), Margem de certa maneira (1973), Ser solidario (1982), o xa referido FMI (1982), e o seu último traballo en disco Resistir é vencer (2004). Coa primeira achega ao Zé Mario Branco procurarán saber do resto da súa obra.

mércores, xuño 08, 2016

Paseo compostelán*


      Gusto de Riveiro por que é garante dun texto coidado, puído, sen petulancias, que discorre cunha aparente sinxeleza, resultado da teimosía correctora que nos atrapa co seu persoal estilo de narrar, e tamén porque gusto, como Borges, de “gabarme daqueles libros que me foi dado ler”. Os elefantes chegan tras catro anos soñando e enfiando historias narradas como nun filme de grande orzamento cunha cámara nos ollos de cada protagonista. O autor responsabilízase da montaxe e imprímelle o seu carácter á obra.

    A nova entrega de Riveiro cheira a Santiago. Hai moitas novelas de ambiente compostelán, pero nesta a presenza da cidade é absoluta. A eufonía dos seus nomes domina cada páxina.

      Absolutamente contemporáneo, desenvólvese nos derradeiros días de 2012. Non é pola contra, un relato interxeracional malia estar presentes tres xeracións: a da guerra; a “reformista”, a da “transición; e a da nova cidadanía, a da protagonista. Esa xeración, á que lle roubaron as ilusións, percorre a novela da man de Janis e de Nela. A primeira, de brillante expediente académico, atende persoas maiores mentres agarda a convocatoria de oposicións. A segunda, desafiuzada cunha filla, sobrevive como música de rúa mentres procura alimentos nos contedores do lixo.

      Este é o pano de fondo sobre o que Riveiro Coello entretece unha manchea de historias contadas en primeira persoa e que chega, na miña opinión, a un elevado nivel literario na “terceira parte” cando seis personaxes describen dende as súas persoais perspectivas a cea de Noiteboa. Un pano tecido con catro fíos: a memoria, a culpa, a morte e o amor.

      Mais a novela ten o seu “Piece of my heart”, a banda sonora da infancia de Janis. Hai esperanza, aínda que limitada pola idade e o corazón de Constantino e sobre todo pola ausencia de perspectiva social, política, laboral e persoal da protagonista. O amor xorde inesperado pero intenso, cunha forte carga erótica, dominado pola incerteza, polo instante, pola brevidade, pola inexistencia de sólidos proxectos de futuro: “prefiro vivir un tempo aquí, contigo”.

* Publicado en Tempos Novos

sábado, xuño 04, 2016

Unha viaxe iniciática


- Quen es? - tremíalle a voz
- Szymo
- Eh?
- Son Szymo. É o meu nome.
- E que fas aquí – preguntou, desconcertada.
- Viaxo.” (p. 67)1

      Afirmaba Borges sobre o Poema de Gilgamesh: “Diríase que todo xa está neste libro babilónico”2. Afortunadamente o escritor arxentino sabía que ese “todo” podía reescribirse, unha e outra vez, e así o fixo, marabillosamente, unha e outra vez, volveu escribir sobre a morte, o heroísmo, a violencia, o amor, a lealdade, a traizón...

    
Arremedando a Borges poderiamos dicir que “toda viaxe está nun libro grego”; pero debémoslle agradecer a Núñez Singala que nos siga contando historias de viaxes, pois este Camiño na auga é a novela dunha viaxe, do descubrimento da vida, dun destino na memoria, da certeza da meta, sen importar o tempo que transcorra. “Cando emprendas a viaxe cara a Ítaca / prega que o teu camiño sexa longo/ cheo de aventuras, cheo de experiencias /.../ Que sexan moitas as mañás de verán / en que con pracer, felizmente / arribarás a portos que os teus ollos ignoraban /.../ Ten sempre a Ítaca na memoria /chegar alí é o teu destino / mais non forces a travesía / mellor que dure moitos anos”3. “Sentíase feliz, espido e só naquela inmensidade vexetal, ata o punto de que nalgunha ocasión chegou a cuestionarse a súa propia viaxe. Para que seguir na procura dunha vida mellor se xa se sentía feliz? Feliz e só. Pero forzando a sinceridade debía recoñecer que non lle gustaría quedar alí para sempre; como ía sobrevivir cando esgotase as provisións? So da pesca? E por outro lado o mundo debía ser moi grande, moi variado e moi interesante, e el quería coñecelo” (p.57)

     Mais quen é este Odiseo que nos achega Núñez Singala: “El ben sabe que é diferente aos demais, é dili. E por iso lle pasan estas cousas. A súa irmá tamén o era, dili. Aínda que non a súa nai. O que aínda ignora é que dili provén da adaptación local da palabra inglesa deal, negocio. Szymo é negocio porque é albino, e no sitio onde vive,(...), no corazón de África, (...), moita xente está convencida de que cos membros dos albinos pódense preparar beberaxes infalibles para atraer a boa fortuna (p.11-12) “ E duro ser dili. É difícil ser diferente nun mundo que parece suspirar do xeito máis absurdo pola uniformidade e no que se estigmatiza a diferenza, sexa esta a que for. É duro ter a pel branca no continente negro”. (p.13).

xoves, xuño 02, 2016

Os Beatles nas alfombras de Gondomar *


      Segundo nos conta, o intimo amador das palabras e amigo, Miguel Anxo Mouriño1, en 1959, un mozo, fillo dun garda civil, convenceu a outros rapaces da vila para argallar unha replica da decoración floral coa que en Ponteareas, anterior destino paterno, iluminaban as rúas no día do Corpus.

      Tal celebración católica, de extenso seguimento no sur de Europa e de América, celébrase o xoves posterior á festa da Santísima Trindade, que é o domingo seguinte a Pentecoste, polo que o Corpus Christi se celebra sesenta días despois do Domingo de Resurrección. Isto en linguaxe relixiosa. En linguaxe agrícola, no hemisferio norte, sería o noveno domingo despois da primeira lúa chea da primavera e en linguaxe asalariada, nada, que dende 1989 deixou de ser festivo e hai que ir traballar. Como en Ponteareas, as celebracións relixiosas gondomareñas teñen lugar o domingo seguinte. As alfombras florais levan o seu tempo e a xornada sabatina é a mellor aquela para tal fin.