mércores, marzo 04, 2015

A República en Crecente




         
Crecente é un concello ben revirado, como o Miño, ao que se pega para acompañalo. Estarrícase dende Arbo ata Melón, deixándolle o monte para os da Cañiza, mentres mira con sosego para Melgaço e os concellos ourensáns da Arnoia, Cortegada, Padrenda e coido que algún máis. Non sei se lembran o debuxo de Castelao, no álbum Nós, o cativo requírelle ao avó: “E os da banda d'alá son máis estranxeiros que os de Madrí?”, engade o rianxeiro entre paréntese “Non se supo o que lle respondeu o vello”.

Das súas 11 parroquias, dúas fúndense neste libro: Sendelle e Angudes. Na primeira naceu o seu autor Perfecto Ramos Rodríguez, economista por formación, empresario en exercicio e historiador de vocación. Ramos leva anos en pescudas diversas sobre a historia das súas terras natais. Neses labores bateu con información oral sobre “O Tierra Libre”. Andou na súa procura durante moitos anos para recuperarnos non só un personaxe extraordinario senón páxinas cruciais da loita polo máis fondo e universal ideal republicano que agora nos ofrece nunha magnifica obra editada por Redelibros baixo o rótulo de “Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola República e o Agrarismo”. Aquí chegamos a Angudes por onde pasou Gómez Arias, onde se sublevou para proclamar a república, residiu, loitou, faleceu e ficou baixo a terra miñota.
En Angudes establecerase o seu irmán Segundo, e Marcelino casará cunha filla deste, a súa sobriña, coa que terá oito fillos con nomes tan laicos e eufónicos como Riego, Cervantes, Armonía, Floreal, Germinal ou Lealtad Amador. Os nomes dos fillos de Marcelino fixéronme lembrar a Domingo Páramos Núñez, un cerralleiro de Caldelas de Tui, concelleiro republicano, asasinado polos fascistas en outubro de 1936, que lle puxera aos seus moitos fillos nomes tan fermosos como Ferrer, Libertad, Aurora, Armonía, Verdad, Floreal, Progreso ou Espronceda. Domingo foi asasinado con 55 anos, os mesmos que tería Marcelino se chegase a vivir e semella probable que tería o mesmo fin.
Natural de Armeirín, Castropol, o mozo Marcelino, con quince anos, emigra a América: Colombia, Montevideo, Buenos Aires. Autodidacta, introdúcese no xornalismo e nos círculos republicanos españois. Con 23 anos participa, coas armas na man, na revolución uruguaia de 1904. Con gran acerto o autor incorpora o libro de Gómez Arias referido a estes feitos como anexo final.
No mes de setembro do ano seguinte Marcelino regresa a Angudes como parte dunha estratexia planificada, como demostra Ramos, e non da toleada dun espírito exaltado, para participar nunha sublevación republicana na que estaban implicados personaxes como Lerroux, Blasco Ibañez, Nicolás Estebánez ou Rafael Calzada e que foi abortada pola intervención do líder parlamentario republicano Nicolás Salmerón. Mais Marcelino Gómez Arias sublevouse en Angudes á fronte dunha ducia de homes e dirixiuse ata Celanova onde se lle deberían sumar outras partidas para dirixirse cara a Ourense. Foi a coñecida como “Intentona de Crecente” que agora Ramos recupera para a historia local pero tamén para a historiografía xeral. Gómez Arias consegue pasar a Portugal e refuxiarse na Arxentina.
Nunha ocasión Lois Tobío comentábanos que segundo pasaban os centos de horas lendo os miles de cartas recibidas polo Conde de Gondomar e as súas respostas, don Lois íase metendo na mente de don Diego, ou a deste na de Tobío, que mesmo chegaba a saber a resposta antes de lela. Esa identificación co personaxe estudado tamén se palpa na obra de Perfecto Ramos que nos presta o fío de Ariadna para que poidamos seguir a vida, obra e pensamento de Gómez Arias a través dos seus propios e abondosos escritos, tanto polos xornais que promoveu (La España Moderna, El Clamor Español, Tierra Libre ou El Amigo del Pueblo) como polos seus moitos libros publicados, algúns dos cales o autor non puido localizar.
Tras o fracaso da “Intentona de Crecente” establecerase en Tandil, onde seguirá a difundir os ideais republicanos a través do xornal La España Moderna e do Partido Republicano Español na Arxentina. Pero Marcelino é home de acción. A finais de 1908 está en Lisboa publicando La España Moderna, contactando cos republicanos portugueses e preparando unha nova sublevación en España. Nestes labores conta coa axuda de Antonio Vellozo de Miranda Pereira Barreto que o acollera na súa casa de Soutelo, Vila Verde, cando tivera que fuxir en 1905. Na capital entra en contacto cos tráxicos lideres republicanos, o doutor Miguel Bombarda e o almirante Cândido dos Reis, e asiste á proclamación da República o 5 de outubro de 1910. O que procuraba en España conseguiu vivilo en Portugal.
Ao ano seguinte dá un xiro na súa vida. Regresa a Angudes coa idea de establecerse definitivamente e cun novo proxecto na súa cabeza, a posta en marcha dunha explotación agraria innovadora que servise de exemplo para a mellora das condicións de vida dos labregos; denominaraa “Tierra Libre”, será tamén a cabeceira dun novo xornal, así será coñecido popularmente e permanecerá na memoria da veciñanza: Marcelino “O Tierra Libre”.
A nova xeira pouco ía ter de sosegada, tanto pola actitude dos poderes caciquís, que vían nestes emigrantes unha ameaza, como polo ánimo de loita e dignidade de Marcelino. Serán anos de combate agrarista, ao lado de Basilio Álvarez, contra os caciques do distrito da Cañiza (Crecente, Arbo, A Cañiza, Covelo) personificados tanto en Alejandro Mon (pai e fillo), deputados perpetuos do distrito (o apelido aínda segue nesas lides na actualidade), como nos seus axentes na zona, os Queimadelos, que controlaban, en beneficio propio, os orzamentos municipais que se recadaban basicamente polo imposto de consumos.
Detencións, maltratos, persecucións, ameazas, roubo, a destrución da explotación agraria... a saúde de Marcelino vaise deteriorando e falece, en 1924, con só 43 anos. A loita agrarista e anticaciquil fica descabezada no distrito da Cañiza. Os procesos xudiciais sempre rematan absolvendo os agresores por falta de probas como no caso do ataque á súa casa e a destrución do balado da granxa. O autor reduce a iniciais os nomes da maioría dos agresores aducindo que o fai “por respecto ós familiares e actuais veciños que nada teñen de responsabilidade do presuntamente feito polos seus antepasados”. Erra na nosa opinión Perfecto Ramos. Como no caso dos matadores do exterminio de 1936, non se deben ocultar os nomes e apelidos, de ter constancia deles oral ou escrita, mesmo pola razón que aduce o autor pois os descendentes nada teñen que ver coas accións dos seus antepasados.
Republicano, revolucionario, rexeneracionista costista, agrarista antiforal, anarco-comunista, autodidacta, ilustrado, anticlerical, anticaciquil, españolista... con moitos rótulos poderiamos cualificar a Marcelino Gómez Arias, pero por riba de todo tiña un alto sentido da xustiza e da dignidade humana.
Na memoria popular quedou fixado que Manuela, a muller de Marcelino, achegouse ata a súa campa, despois de proclamada a II República, e díxolle “Levantate Marcelino que llegaron nuestros tiempos”. Infortunadamente non por moito.

*Publicado en Novas do Eixo Atlántico, marzo 2015


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario