O próximo venres, 31 de
maio, ás 20:00h na libraría LIBRAÍDA de Gondomar estarei acompañado o amigo
Xavier Rodríguez Baixeras na presentación do seu monumental Dicionario
da comida galega no que xuntou gastronomía, historia, filoloxía,
etnografía, receitas, magnifica literatura e moitas cousas máis, e tamén o
amigo César Lorenzo Gil, editor deste preciso volume magnifico, resultado da
colaboración entre a editora que dirixe Aira
Editorial e mais Engaiolarte,
a editora da que é responsábel o amigo Xan Carballa.
Teño moita ilusión nesta
presentación pois tamén estarei acompañando o meu fillo Roi quen como cociñeiro
nos achegará a este volume, convertido o pouco de ser publicado na gran
referencia da gastronomía e da cociña galega como ben se desprende do seu
subtitulo “Do abadexo á zorza”.
Trátase dun traballo único e
singular que consta de máis de 1.000 entradas sistematizadas alfabeticamente, 600 páxinas e 1.500 fotografías. Máis que un grande manual de consulta, o Dicionario da Comida Galega tamén é un
traballo diferente e de referencia para gorentarse cos sabores e os saberes,
polo simple pracer da lectura e a evocación e que é de obrigada consulta para
todas as persoas interesadas na cultura, a alimentación e a gastronomía.
Agardámosvos dispostos a
degustalo, o libro, e o que se poña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario