venres, maio 22, 2015

Incrédulos

Caravaggio (1571-1610)
A incredulidade de Santo Tomás ( Incredulità di San Tommaso)
1602. Óleo sobre lenzo, 107X146cm
Palacio de Sanssouci, Postdam, Alemaña



Pintou corpos e non espíritos. O seu realismo non era apreciado naqueles tempos tridentinos. O negror das tebras caracterizárono. Creou longa e farturenta ringleira de seguidores, máis duradeira que a súa curta vida e máis escura que a súa mente atormentada polo crime. Mais non puido fuxir do seu tempo; somos máis fillos do noso tempo que dos nosos pais, escribiu Marx. Os seus modelos apañados, entre borrachos e prostitutas, nas rúas inmundas de Roma e nas tabernas que frecuentaba convertíaos, sobre o lenzo, en apóstolos, santos, cristos ou virxes... como este incrédulo Santo Tomás. Ben sabe a persoa lectora, un apóstolo de Cristo que non cría na resurrección do seu líder e mesmo tivo que meter os dedos na ferida aberta pola lanza do soldado imperialista; como sabe tamén que a imaxe que se incorpora nestas miñas colaboración serven só para “iluminar” o texto sen outra pretensión.

E vén a conto o da incredulidade, agora, a unha semana dos comicios autonómicos e municipais. Os incrédulos van permitir, igual que sucedeu nas recén pasadas eleccións europeas, a supervivencia do réxime do 78. E de paso retocado. Un novo bipartidismo, con caxatas, albíscase no horizonte inmediato. O formal xogo dereita-esquerda inventou xa o seus respectivos contedores para acoller os desencantos respectivos en novas marcas para a política de sempre. Os soufflés iranse desinchando e os gripados motores dos aparatos, reparadas algunhas pezas, volverán tirar do carro. As minorías poderosas terán agora que facer máis chamadas telefónicas ou ter máis xantares de traballo, pero aí vai quedar a cousa.

Non foron quen as múltiples esquerdas, as reais, de axuntar vontades crédulas e as desconfianzas e intereses, lexítimos e espurios, impuxéronse á xenerosidade precisa para concitar alternativas amplas e diversas. Atenas non está no horizonte. Tampouco España é Grecia e sen concitar a confianza dos tres nacionalismos populares non hai posibilidades de construír alternativas de esquerda no estado. A cínica renuncia ás palabras dos dirixentes emerxentes nas pretendidas esquerdas é semellante á dos de hai tres décadas. En douscentos anos nunca houbo federalismo español que considere as nacións en pé de igualdade; os que así se denominan é só porque consideran que serve para acougar a vascos, galegos e cataláns que son os que, algúns, cren, con ilusión, nun proxecto federal. Nada novo, o 15/IV de 1922 Lois Peña Novo escribía nas páxinas d’A Nosa Terra. “A idea de federación supón a libre determinación dos pobos que queiran federarse para entrar nela; iste é un axioma que ninguén pode negar (...). Logo a ideia federativa supón denantes a ideia nacional; a federación ten que ser posterior ao trunfo do nacionalismo”. Outra cousa son as alianzas necesarias, precisas, en cada circunstancia.

No noso país, tocan municipais. Tamén os incrédulos se impuxeron. Ou mellor, nalgúns casos, os barallocas e bulebule; os cacholáns, remendafoles, camanduleiros e laretas; os palabreiros raposeiros e rexoubóns que de todo hai, tamén en feminino, foron levando proxectos, ab initio xeneroso, a calellas mortas e veremos, o vinte e cinco, cadáveres e zombis a esgalla. Tamén gañadores e gañadoras. Agardo que ese día uns e outros, refírome a mortos viventes e fachendosos/as triunfadores, sexan quen de facer o que ata agora non fomos quen: recompoñer, reformular, rexenerar... o nacionalismo e a esquerda, que no noso país son sinónimos, para afrontar unha nova etapa con ferramentas novas xa que as vellas non serven. Asunto ben complexo, é certo, pero necesario e urxente para a nación da cidadanía que corre o risco de desaparecer nos procesos electorais de 2015 e 2016.

Moita xenerosidade será precisa; segundo o noso himno diso temos abundancia, aínda que non se demostre. Un consello de forzas políticas para dialogar entre nacionalistas; unha asemblea para dialogar entre localidades e comarcas e apertura de miras para xuntar forzas. O asunto é querer!.

* Publicado n'A Peneira, 1ª quincena de maio de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario