Os estudosos da lingua e da literatura galega teñen
Diego Sarmiento de Acuña, 1º Conde de Gondomar
|
denominado
aos séculos XVI e XVII como “os séculos escuros”. Esta denominación
podería estenderse ao século das luces, aínda que neste se observen certas
mudanzas na mentalidade de sectores influídos polas ideas ilustradas.
Nestas centurias, a lingua galega escrita practicamente
desapareceu. O galego quedou reducido a unha lingua familiar e coloquial, xusto
no momento en que outras linguas romances comezan a substituír ao latín na vida
cultural, política e administrativa.
O proceso de penetración do castelán, foi selectivo e horizontal.
Esto é asentouse entre os sectores dirixentes e socialmente mellor situados,
mentres que a inmensa maioría da poboación, tanto rural como urbana,
practicamente ágrafa, continuou instalada exclusivamente no galego.
A castelanización das clases dirixentes viña de lonxe e veuse
agravada pola paseniña substitución da nobreza galega por outra forasteira. Nos
séculos XVI e XVII o poder en Galiza era exercido case en exclusiva por esta
aristocracia foránea e a baixa nobreza, escasa, que permaneceu no país foise
desgaleguizando con maior ou menor rapidez. Pola súa banda o aparello
eclesiástico favoreceu este proceso e os mosteiros galegos pasaron a depender
de centros casteláns e a Igrexa que tiña encomendada a función educativa
realizaba esta en latín e castelán ou. O mesmo pasaba na Universidade de
Santiago.
De a cabalo entre os dous séculos máis tristes do noso idioma
viviu o Conde de Gondomar. A afección de don Diego Sarmiento de Acuña á
bibliofilia e a conservar as epístolas que recibía, así como copia, ou cando
menos nota, das que enviaba, permítenos ter hoxe unha fonte única e de primeira
man. Entre estas atópanse algúns dos escasos textos que se conservan deste
período
Nas cartas recibidas por don Diego podemos observar, como mínimo
tres actitudes por parte dos remitentes. Unha, a daqueles que empregando o
castelán incluían galeguismos illados en termos ou expresións que no saberían,
ou non se poderían, traducir. Outra sería a dos membros da baixa nobreza ou
outros sectores letrados nos que o galego sae con fluidez aínda que o conflito
entre linguas está sempre presente.
Unha terceira actitude, de certa complicidade lingüística, sería
a que, por exemplo, adopta o parente do Conde de Gondomar, don Diego Sarmiento
de Sotomayor, señor de Achas e Petán, do que se coñecen dúas epístolas enviadas
a don Diego de Gondomar. Unha de abril do 1605 e outra de setembro do mesmo
ano. Na primeira o señor das Achas dille a don Diego “e que fixese isto
nesta lingoaxe pois e de v.m. tan estimada e por ela me troufe aquí que coela
despertaría v.m. do sono de coRexidor”. A outra responde máis á segunda das
actitudes comeza e remata en castelán. Nas cartas do señor das Achas observase
unha grafía moi próxima as formas portuguesas que debía coñecer ben pois “saom
Sarmento e criado a veira de Portugal”.
* Publicado
en Novas do Eixo Atlántico, abril 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario