martes, agosto 11, 2015

A arte do disimulo



Disimulando. Paola Franco Sebal, Xilografía

Lin con atención, só inicial, un artigo1 da gran figura emerxente da política española, ameazado, con seriedade, na súa fortaleza explosiva. Os excesos non acaen ben á saúde, sexa esta política ou persoal.

O asunto máis principal, como diría o Conde de Gondomar, absorbeu a miña atención aínda que xa fose coñecido: unha nova transición que, segundo Pablo Iglesias,é posible despois de celebradas as próximas eleccións a Cortes,se os cidadáns se converten en protagonistas no canto das elites políticas e económicas.


O artigo dilúese en manidas consideracións sobre o réxime de 78, en quebra, segundo o persoeiro mediático, a partir da crise do 2008 (que, segundo el, fixo pagar os “platos rotos” ás clases medias) e, simbolicamente, dende o 15M de 2011. Do réxime, segundo o líder, só “gozan de relativa buena salud” as Forzas Armadas, a Monarquía e o PNV(?). Cousas veredes, Sancho.

O que si me interesou foi a coincidencia das prácticas pedagóxicas da figura escintilante coas que foron, ata hai uns meses, as miñas propias. Seica ambos lle proxectabamos aos alumnos o filme Queimada. Todo o mundo sabe que el impartía docencia na Complutense. Eu, humilde profesor de medias, poñíalla ao alumnado de 2º de Bacharelato que xa, coidaba eu, non sei se con acerto, tiñan desenvolvidos os mecanismos de compresión da mensaxe social e política propia do filme de Guillo Pontecorvo.

Recórdanos Iglesias a frase do axente británico William Walquer: “Ás veces 10 anos poden revelar as contradicións de todo un século”. Rotunda frase dita por un Marlon Brando, que andaba a deseñar a imaxe de galán maduro, presumido e algo estrafalario que repetiría, con grande éxito de billeteira, tres anos máis tarde en Last tango in Paris (1972), dirixido polo gran Bertolucci.

Iglesias, como bo comunicador, anota a sonora frase pero esquece o relato do filme no que o axente secreto, primeiro, axuda, con éxito, aos crioulos a independizarse de Portugal e despois convénceos para entregarlle a produción de azucre ás compañías británicas. Dez anos máis tarde, repite a xogada. Volve convencelos, de que o único xeito de abortar a revolta dos escravos, que el manipulara como “tontos útiles” contra o goberno portugués, é solicitar a axuda das tropas británicas, que unha vez alí xa ficarían, e impedir que a revolta contaxiase os negros das outras illas caribeñas. Tamén ten éxito.

A narración fílmica de Pontecorvo é de manual do antiimperialismo militante, cuestión sobre a que Iglesias disimula. Como tamén o fai con outra frase semellante que cita no artigo mencionado: “Hai décadas nas que non sucede case que nada e semanas nas que as décadas se precipitan”. Iglesias atribúe o dito a un “lúcido socialista ruso”, mais disimula e non o cita polo seu nome: Valdimir Ilich Ulianov “Lenin”.

Onde exerce con mestría a arte do disimulo o novo líder é en Cataluña. Por un lado concorda con que a cidadanía catalá poida decidir pero que como é natural deben decidir seguir sendo parte de España. Roland Barthes xa nos ten advertido de que a ideoloxía, a dominante, exprésase coa “voz do natural”; e Michael Billing que “nas nacións consolidadas parece “natural” supor que o nacionalismo é unha reacción afervoada que polo xeral é patrimonio dos outros”.

Mesmo, noutra reviravolta do seu disimulo, invalida a proposta independentista por burguesa, neoliberal, corrupta, austericida... e identifícaa, en aberto exercicio de cinismo, cun partido que xa nin existe e esquece as persoas que a encabezan unha das candidaturas e a presenza das CUP.

Con tanto disimulo o réxime do 78 ten serios visos de sobrevivir aínda que sexa con algún que outro remendo. As esquerdas diversas e plurais, tamén no nacional, non souberon artellar o dobre espazo de rotura: o antineoliberal e o dereito a decidir. Só o 27S mantén un, cada vez máis afastado, fachiño de esperanza.

1 Pablo Iglesias; El Pais 19 de xullo de 2015.


2 comentarios:

  1. Magnífico Meixo, vou ter que entrar mais no Pé do Galinheiro. O que se passa é que eu nao sou muito amigo de andar pelos blogues

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas Foz. Agardo que outras cousas sexan tamén do teu agrado. Apertas

    ResponderEliminar