A idea levaba tempo dándome voltas.
Puxen, hai dúas semanas, este titulo encabezando un documento de texto. O resto
en branco. Ata que chegou o Tempos de novembro. Alí estaba,
encabezando o artigo do Antón Bahamonde. Decidín mantelo por coincidir co
primeiro anaco do artigo. O Antón sempre foi un pesimista, isto é, un
racionalista, un gran pensador; pola contra eu sempre fun un voluntarista, ou,
como di el, un deses cándidos e inexpertos que caen en “enganos de libro”.
Levamos moitos anos discrepando amigablemente e botando unhas risadas cando,
infortunadamente poucas veces, coincidimos nalgún acto ou polas rúas viguesas.
Discrepo en cualificar de “frustrante” o papel do nacionalismo nas últimas
décadas, eu deixaríao nos últimos anos, pero coincido en que “como sempre, non
perdemos a oportunidade de desaproveitar a oportunidade”.
O mellor sería esperar e ver... pero
a un, agardo, os anos e non ter “mochila” coa que cargar deberíanlle permitir
poder dicir algunhas cousas. Probablemente debería estar calado, sería o
prudente, pero teño a sensación de estar ante un deses momentos aos que se
refire Fernando Pérez-Barreiro no seu excelente libro de memorias1,
ás veces sorprendente, cando di: “A historia non será irreversible, pero hai un
prezo que pagar polas oportunidades que se deixaron perder e o tempo que se
deixou de empregar debidamente”. Pois iso, para min, que imos ter que pagar un
prezo por non arriscarnos, por temor ante a oportunidade incerta, por xenreiras
de barallocas e por ter moita xente seguidora de “House of Cards”. Claro que os
que imos ter que pagar un prezo somos os que nos reclamamos da nación, da
nación cidadá dos galegos e das galegas. Aos outros, e outras, impórtalles un
pito.
Hai uns días, en dous xornais
dixitais distintos, publicáronse senllos artigos que na miña opinión expresan
posicións tan distantes que temo nos afasten durante tempo. O primeiro, “unha
análise concreta da situación concreta” como ás que nos ten acostumado o rigor
de F. Rodríguez
http://www.sermosgaliza.gal/opinion/francisco-rodriguez/catecismo-incautos/20151127133822042763.html; o segundo,
un exercicio literario de A. Dobao.http://praza.gal/opinion/2970/suxeito-galego-de-ruptura-unidade-e-as-eleccions-xerais/.
O primeiro, á parte do infeliz
título de “Catecismo para incautos”, advírtenos do bipartidismo corrixido posto
en marcha polos poderes mediático-económicos para manter a unidade de España, a
Europa dos mercadores e o control da “guerra perpetua” por parte da OTAN, pero
non nos orienta sobre como colarnos polas regañas do réxime, de como acumular
forzas, de como avanzar...; o segundo preocúpase dunha tartufa disputa pola
“hexemonía” interna no espazo tradicional nacionalista, aínda que el non se
considere tal, como tampouco que teñamos que ser “apocalípticos” pois aínda que
“Galicia atravesa unha crise dobre”, a das clases populares e a de ser
“periferia da periferia” (suponse que periferia da España periférica), “a súa
existencia non periga”. Mentres algúns, quizais birollos, ollemos, unhas cantas
décadas máis, unhas Cortes cunha cativeira vociña, alá, no poleiro; cando
poderíamos ter un Grupo Parlamentario propio, ben amplo e nutrido; pero ca, a
unidade non era o “reagrupamento nacionalista”, certo, pero non pode haber
unidade sen contar cunha organización política presente en todo o país e
conformada por persoas que, unhas veces con acerto e outra errando coma mulas,
partíronse a cara en defensa dos intereses populares e os dereitos da nación.
Ámbolos dous preocúpanse de poñer a
venda antes da ferida; o primeiro “por se servir para alertar incautos”; o
segundo pedindo “abstéñanse profetas do fracaso”.
Despois disto temos que regresar
desgraciadamente ao Antón de Vilalba: “as reviravoltas dos dous últimos meses,
foron unha diversión que enzoufou aínda máis o ambiente e complicará aínda máis
o futuro”; coa puntualización de que para moitas persoas non foi un
“divertimento” senón a frustración dun sincero desexo.
Sobre o proceso da candidatura. Nos
respectivos extremos das dúas bandas había quen non a quería, pero sabían que a
palabra “unidade” era a consigna agardada. Uns tiñan creto, despois de AGE, a
pesar da súa desfeita, e das chamadas Mareas; outros tiñan que facerse cribles.
A metodoloxía converteuse na arma arreboladiza. Os que tiñan creto perdérono
desprezando as “metodoloxías” para asegurar o acordo a tres e os outros
cumpríronas, con aparente escrúpulo, co fin de aglutinar as súas forzas e a
aquelas persoas que no proceso se foron decantando por unha candidatura galega.
Quen se impuxo e a impediu foron os “aparatos” dunha e doutra banda e, en
ambas, pasoulle o que ao Papa Francisco que foi quen de abrir a igrexa ás
mulleres, aos gais e aos divorciados pero encallou coas finanzas.
Nin o BNG inmóbil, nin o
lampedusiano, teñen máis percorrido que o de contemplar o seu fulgurante
devalar cara á irrelevancia política ante o novo marco do bipartidismo corrixido
que, tamén en Galicia, veu para quedar, cando menos unha longa tempada. Un BNG
ao que lle limitaron a mantenta a súa capacidade para congregar cidadanía,
baixo a pauliña do frontismo e a teima de agochar a esquerda democrática; un
BNG, e por extensión o nacionalismo, ensarillado en si mesmo, dando voltas
arredor de si como o can na procura do rabo. E que cando quixo acordar era
tarde de máis e tivo que apandar cos desplantes.
Ora ben, tampouco Anova ten un
futuro resplandecente. Do seu papel fulcral no éxito de AGE pasou a actriz de
reparto en En Marea. Non foi quen de configurarse como alternativa organizativa
do nacionalismo e andou atoutiñando, xogando en curto, ben é certo que en
circunstanciais político-sociais ben inestables. De cualificar a Podemos como
“incógnita” pasou a consideralo “imprescindible”. Tivo o valor de romper coa
inercia e saír do porto pero a chalana terá, xa non se trata só de escapar das
rochas, que decidir o rumbo: ou diluír o seu carácter de Irmandade Nacionalista
no previsible éxito de Podemos ou reafirmarse en que o federalismo de
inspiración liberal-progresista ou de esquerdas, pode ser un aliado, mesmo
necesario, pero non irá nunca máis alá de ser un conto de fadas, unha lenda
fantástica para engaiolar as periferias nacionais.
Oxalá os corruptos, e os aprendices,
os que recortaron os dereitos sanitarios e educativos, os defensores do
capitalismo salvaxe e os herdeiros da transición do franquismo sexan derrotados
nas urnas o próximo día 20. Pero o nacionalismo galego, a esquerda en Galicia,
ten unha materia pendente. Non albergo esperanza en que ningunha das dúas
forzas estea, non por non querer, senón por non poder, en disposición de
superala. Algo novo terá que nacer para asaltar democraticamente San Caetano.
Pérez-Barreiro
Nolla, F.: Amada liberdade, Xerais, 2012
Magnífico. Vou partilhá-lo no meu Fb
ResponderEliminarGrazas Foz. Unha aperta
ResponderEliminar