O meu tío-avó Nilo era
ben rabudo coa rapazada. Sendo non moi lido en Freud, se o chegase a saber
chamaríalles tamén “perversos polimorfos”. Ora, era rexoubón cos de fóra; pola
contra coa súa manchea de sobriños-neto era consentidor, para desespero do avó
e da avoa. Alá nos deixaba agocharnos no medio das mazarocas do millo, facer
fochancas na herba seca, agatuñar polas cerdeiras ou mesmo subir aos valados do
camiño e tirar algunha que outra pedra solta. Ás veces mesmo tiña
comportamentos non propios da súa idade; sempre por resgardar a súa tribo.
Cando, case a diario, había tirapuxas entre a xente miúda e, xa que logo, saía
a lingua fora, o meneo de cu ou o chincha rabincha, o tío-avó Nilo non era quen
de coutarse e acababa metido no medio da barullada para defender os seus, os da
casa. Aquela conduta infantil supúñanlle enrabechadas ben grandes con media
parroquia, de xeito especial coas nais e/ou avoas dos e das protagonistas, que
tardaban días en esquecerse... ata a seguinte chincha rabincha.
Lembreime da súa
pueril actitude cando se me pasou pola mente imitalo por mor dos resultados do
pasado día 20. Explícome. Os medios de retransmisión ideolóxica afincados na
capital do reino levan dende o remate de setembro preocupados e iracundos
porque meses despois das eleccións catalás os “soberanistas” non dan formado
goberno e pode que se teñan que celebrar novas eleccións. Todo por culpa dun
perverso personaxe xurdido das cloacas do “pujolismo” en sintonía conspiradora coa
anti-España. “Los españoles dramatizan mucho” dixo nunha ocasión Enric Juliana.
É ben certo: “todo el poder a los soviets”, “una minoría anticapitalista decide
la suerte de Cataluña”, subtitulou El Pais a información en
directo sobre a decisiva asemblea das CUP.
Pois agora a
encerellada téñena para formar o goberno de España.
Na lóxica de Berlín e
Bruxelas non se entenden ben estes asuntos. Se a “Große Koalition” (12.746.223
votos) pode gobernar con absoluta tranquilidade, por que non se fai?, pregúntanse.
Non perciben que aínda estamos no postfranquismo político, que a cidadanía
española non comprendería un acordo entre os históricos polos opositores; mais,
ao tempo, unha parte significativa da sociedade española abandonou
definitivamente o postfranquismo como demostra o éxito electoral de Podemos que
acadou unha dimensión especial onde foi quen de establecer alianzas (Cataluña,
Galicia e o País Valenciano) ou, sen elas, onde existen reivindicacións
nacionais (País Vasco). Nestes catro territorios conseguiu case a metade dos
seus deputados (33) e 2.323.822 votos; mentres que Podemos só, no estrito
territorio español, fica con 36 deputados e 2.865.511. Así que o partido de
Iglesias está pillado por esa enormidade de votos periféricos que lle deron a
súa confianza para recompoñer a estrutura territorial do estado e que de non
facelo fuxirán, na súa maior parte, a outras alternativas (ERC, CDC, PNV, EH,
CC, BNG que suman 1.837.356; ou IU que acadou os 923.105). En números brutos,
dunha banda, o espazo do réxime da restauración (PP+PSOE+Ciudadanos: 16 millóns
de votos); da outra, no dobre espazo de ruptura (social e/ou nacional)
acumúlanse oito millóns de votos. O choio non parece doado: Podemos pillado, o
PSOE atrapado e o PP derrotado.
O PSOE pode morder a tentadora
mazá do réxime: apostar pola gran alianza, blindándoa por catro anos e unha
reforma electoral que reduza aínda máis a proporcionalidade para protexerse do
flanco emerxerte, ou absterse e deixar gobernar ao PP. Nos dous casos a
posibilidade do “sorpasso” e mesmo a ameza da “pasoquización” será real. No
segundo caso o proceso sería acelerado, pois o PP, tendo que gobernar en
minoría, non tardaría en provocar a convocatoria de novas eleccións e arrepañar
os votos de Cidadanos. Quédalle a terceira alternativa: un acordo con Podemos,
co inconveniente de non ser suficiente. Nesta opción o referendo que Podem en
Comú rescatou do fracaso de Pablo Iglesias nas catalás converteríase na mazá da
discordia. O asunto está entre un proceso “continuínte” ou a apertura dun, ou
varios, procesos constituíntes. É o momento da política, da de verdade, non da
de Marx, Groucho, que a entendía como a arte de buscar problemas, atopalos,
facer un diagnostico falso e aplicar as solucións erradas como veu facendo
parte do nacionalismo galego nos longos e tortuosos últimos anos. Agora tamén
haberá nacionalistas nas Cortes e Galicia terá grupo propio.
Cando estaba a rematar
estas liñas souben do “resultado indefinido” da asemblea das CUP. Ás veces peor
que tomar unha decisión, aínda que sexa mala, é non tomar ningunha. A división
quedou explícita. As posibilidades dun acordo de goberno en Cataluña é menos
doado e unha nova convocatoria electoral está máis preto, a unha ducia de días.
Os medios de reprodución ideolóxica da capital do reino cualificaron a
situación de “sainete”. Ao mellor alí supérano.
Mentres, o xefe do
estado exhibe o seu palacio.
* Publicado en Novas do Eixo Atlántico, xaneiro 2016
* Publicado en Novas do Eixo Atlántico, xaneiro 2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario