Nós
que habitamos con e
contra o capital1
Plumas de Ícaro. Rodríguez Pazo. Óleo sobre lenzo 50x50 |
Vén todo isto con motivo da
lectura do último libro, en castelán, do vello profesor Fontana7 sobre
o futuro como ese incerto país estraño no que o poder xa non o controlan os
políticos; no que a política carece de poder para cambiar as cousas; no que só
hai unha idea, a de que para resolver os problemas sociais hai que incrementar
o consumo, nun planeta de recursos limitados, cada vez máis limitados; no que é
impensable estender os niveis de consumo dos países desenvolvidos ao resto; no
que as xeracións máis novas teñen as mellores expectativas e ningún futuro; no
que semella que o apocalipse anunciado polos Sex Pistols (No future) e por
Margaret Thacher (There is no alternative) se prolonga nun estado de guerra
permanente; no que non é doado albiscar máis que a patolóxica privatización da
política e do propio estado que apunta a unha sociedade da desigualdade...
O libro de Fontana podémolo
considerar un apéndice da súa grande obra8,
inmediatamente anterior, á que lle dedicou 15 anos de investigación, que é xa
unha referencia para entender os acontecementos históricos posteriores á
segunda guerra mundial: creación do estado do benestar, a guerra fría, a
coexistencia, a distensión, a expansión norteamericana, a crise da URSS e o
proceso que, tomando a expresión de Krugman, denomina “gran diverxencia”9,
isto é, a gran involución que dende finais dos setenta sufrimos en dereitos,
benestar social e democracia.
De novo, como xa nos ten
acostumado, Fontana acompaña o texto cunhas amplas notas bibliográficas nas que
fai un alarde exhaustivo de coñecementos e emprega fontes documentais e
referenciais de todo tipo. Como botón de mostra, escribe: “Non menos
interesante resultaría, dada a súa orixe, a crítica de Jeremy Grantham, un
financeiro que dirixe un fondo de inversión que administra 97.000 millóns de
dólares, quen manifestaba, nunha carta de febreiro de 2012 dirixida aos seus
inversores, que “o capitalismo fai un millar de cousas mellor que os outros
sistemas, e que normalmente só falla en dúas ou tres”, pero que
“desafortunadamente para nós, un só deses fallos pode arruinar o capitalismo, e
a nós con el”. Ao que engadía que “o sistema capitalista actual ten nos Estados
Unidos feblezas fatais en potencia” que só poderían curarse cunha política
ilustrada que o regulase, “o que é imposible que se produza mentres non diminúa
a influencia do gran diñeiro no Congreso, e moi especialmente nas eleccións”10 De
onde saca esta carta? E como ela outros centos de documentos e referencias
tomadas, sobre todo, de The Economist, The Guardian, The
New York Times e dunha inmensidade de libros. Pois alí está, entre as
máis de 70 paxinas de “Notas Bibliográficas” a referencia á carta de Grantham
co link incluído11.
Mais hoxe quixera limitarme
estritamente a comentar as páxinas introdutorias nas que desenvolve esa idea,
filla da ilustración pero tamén da Historia como saber científico, do
permanente e constante progreso da humanidade, tanto no aumento da produción de
bens, dende a revolución neolítica ata a industrial, como na mellora das
liberdades e dos dereitos sociais, dende o escravismo ata a revolución
francesa; esa visión optimista do devir humano como un proceso indisolublemente
unido ao progreso. Cita a Gibbon e a Cordoncet. Para o primeiro, cada idade do
mundo aumentou a riqueza, a felicidade e o saber; para o segundo, a capacidade
de perfección do home é indefinida e os seus progresos serán máis ou menos
rápidos, pero nunca serán un retroceso. Por certo que o marqués de Cordoncet
escribiu o seu “Bosquexo” nun agocho tras ser condenado por traizón polos
xacobinos; detido aos poucos meses, apareceu morto na súa cela. En vez de este
xirondino, introdutor do concepto de “laicismo” e defensor do voto feminino,
puido citar Fontana a Turgot, fisiócrata, ministro de Luís XVI, amigo e
protector do marqués, que no seu celebre discurso pronunciado, sendo un mozo de
23 anos, en 1750, na Sorbona dicía: “A masa total do xénero humano, con
alternativas de calma e de axitación, de bens e males, marcha sempre, aínda que
a paso lento, cara a unha perfección maior.”12
Ben é certo que esta construción
ideolóxica podémola xa intuír entre as elites do renacemento pero non será ata
o desenvolvemento do capitalismo cando virará na expresión da ideoloxía
dominante que se asentará definitivamente, na segunda metade do XIX, cando o
imperialismo europeo estenderá a súa idea de civilización e progreso por todos
os recunchos do mundo. É na cultura occidental onde calla, de forma explícita,
esta idea de que a historia da humanidade pode concibirse como un constante
avance na procura da perfección, aos poucos, a través de forzas inmanentes ata
que nun futuro remoto poida atopar unha condición próxima á perfección, para
toda a humanidade.
Desta visión de permanente
ascenso cara ao sol que lle derreteu as ás a Icaro tamén participou o marxismo,
herdando esta perspectiva tanto da ilustración como da filosofía alemá previa,
da kantiana “lei inmanente do progreso”, da “forza oculta” e do “fío condutor”13 e
da hegeliana concepción da Historia Universal como progreso necesario e
racional do espírito cara á conciencia da liberdade14.
O marxismo participa tanto da idea do permanente aumento da produción de bens:
“O proletariado utilizará o seu dominio político para despoxar paulatinamente a
burguesía de todo o seu capital, para centralizar todos os instrumentos de
produción nas mans do Estado, é dicir, do proletariado organizado como clase
dominante, e para incrementar a masa das forzas produtivas o máis rapidamente
posible”15;
como da mellora das liberdades: “No lugar da vella sociedade burguesa, coas
súas clases e os antagonismos de clase, establécese unha asociación na que o
libre desenvolvemento de cadaquén é a condición para o libre desenvolvemento de
todos”16.
Na simplificación destas ideas baseouse a colectivización do período
stalianiano, ou a industrialización forzada, previa e posterior á segunda
guerra mundial, ou o delirio khruxnoviano da construción do socialismo ou non
menos ilusoria concepción brexneviana do “home soviético”.17
Fontana lémbranos que deberiamos
repensar cando menos dúas cuestións cruciais. Unha, que ao longo da historia o
crecemento económico foi mínimo e só se acelerou, de forma superlativa, nos
últimos 250 anos; non será pois un fenómeno excepcional?. Outra cuestión, cal é
a relación entre crecemento económico e calidade de vida?. Na primeira
globalización (XVI-XVIII) houbo un gran desenvolvemento da economía europea
mais os estudos sobre a estatura humana, dato que se considera estreitamente
relacionado co nivel de vida18,
infórmannos de que nese período houbo un retroceso da estatura nas zonas máis
avanzadas de Europa, é dicir houbo unha relación inversa entre desenvolvemento
económico e calidade de vida. A distribución da riqueza non depende pois nin
dunha construción ideolóxica como o progreso, nin dos avances tecnolóxicos, nin
da xenerosidade das clases propietarias, senón das loitas das clases
proletarias que ao longo do século XIX e no primeiro terzo do século XX
aterrorizaron a burguesía que acabou cedendo dereitos (dende a xornada laboral
ata o salario mínimo) e empregou o estado como intermediario. Non é preciso
abundar na situación destes dereitos sociais na actualidade.
A Gran Guerra foi un punto de
inflexión que provocou a reacción represora (medo á expansión da revolución
bolxevique de 1917) do fascismo para deter a loita social e poñer en cuestión a
democracia liberal. A “alianza, insólita e temporal, do capitalismo liberal e o
comunismo para facerlle fronte a ese desafío permitiu salvar a democracia, pois
a vitoria sobre a Alemaña de Hitler foi esencialmente obra (non podería ser
doutro xeito) do exército vermello19”
A partir de 1948 iniciouse un período de redución das desigualdades e de
futuros prometedores que, seguindo a Hobsbawm, denominamos “idade de ouro” que
remata coa crise do petróleo de 1973. A tese que incorpora Fontana é que nesa
altura, nos anos setenta do pasado século, foi cando Ícaro comezou a súa
prolongada caída cara á perda de dereitos sociais, da liberdade e da paz. Non
estariamos pois ante unha crise económica, a de 2008, da que nos poderiamos
recuperar aforrando durante máis ou menos tempo, argumentación das políticas de
austeridade, senón ante unha crise social encetada nos finais dos setenta e
agudizada pola derrota dos sindicatos e a ausencia da ameaza revolucionaria;
“as clases dominantes non dormen tan tranquilas como dende 1789” afirmou
Fontana nunha ocasión20.
Nestes tempos nos que Bauman nos
ten que advertir dos perigos do “activismo de sofá”; Fontana conclúe que: “A
gran lección que cómpre deducir desta experiencia é que ningún avance social se
consegue sen loita: sen unha confrontación que só pode ter éxito cando se basea
na conciencia colectiva de que non é licito resignarse a unha situación
inxusta...”21.
Fontana pretende, seguindo o seu mestre Pierre Vilar, “pensar historicamente”
para que a historia sexa practica, pois: “Este é o modo no que intento ser
socialmente útil: amolando. Acostuma provocar reticencias , pero se non che
importa, resulta máis satisfactorio: non lle gustas, pero respéctante”22
1 Varela
Pérez, I.: Do outro lado das portas. Instituto de Estudos Miñoranos,
Gondomar, 2015 (p. 87)
3 Heroe
ou divindade? “(…) do deus Lug, un dos Tuatha de Danann, un dos xefes deses
deuses bos, deses deuses da luz e da vida… (p. 93), D'Arbois de Jubainville,
H.: El ciclo mitológico irlandes y la mitología céltica. Visión
Libros, Barcelona 1981.
4 Lug;
Lugos (Galia); Lugh (Eire); Llen Llaw (Gales). Segundo as fontes irlandesas, a
sociedade divina estrutúrase do mesmo xeito que a sociedade humana, e a
organización dos Tuatha Dé Danann (as
xentes da tribo de Dana) está xerarquizada en tres clases funcionais: a
sacerdotal, a guerreira e a artesanal. Lug non pertence a ningunha delas en
especial xa que pode asumir todas as funcións, así declárase sucesivamente
carpinteiro, ferreiro, guerreiro, poeta, meigo, pousadeiro e broncista… ;
ten pois certa semellanza con Dédalo.
7 Fontana,
J.: El futuro es un país extraño. Una reflexión sobre la crisis social
de comienzos del siglo XXI. Pasado&Presente, Barcelona, 2013. Sobre
esta obra Borja de Riquer ten escrito: “Con este libro, asume un reto que pocos
historiadores tienen hoy día la capacidad de afrontar, el de explicar cómo fue
posible que la gran ilusión surgida tras el desastre de la II Guerra Mundial de
construir un nuevo orden mundial guiado por el entendimiento y el progreso
colectivo se frustrase, y que siete décadas después nos encontremos ante un
desorden económico sin precedentes y con no pocas dificultades para que la
democracia predomine en el planeta.” e sobre o traballo de Fontana como
historiador: “un historiador más documentado y ambicioso que Eric J. Hobsbawm,
y tan lúcido, innovador y sugerente como el malogrado Tony Judt. Esta obra
monumental ratifica a Josep Fontana como un historiador de categoría mundial”.
Verhttp://elpais.com/diario/2011/12/03/opinion/1322866812_850215.html
8 Fontana,
J.: Por el bien del imperio. Una historia del mundo desde 1945. Pasado&Presente,
Barcelona, 2011.
9 Outros
economistas como Dani Rodrik teñen usado este termo para referirse ao resultado
dos dous últimos séculos de globalización nos que se provocou unha gran
diverxencia a escala global: “Non foi sempre así. Ao comezo da Revolución
Industrial, a diferenza entre as rexións ricas e as rexións pobres do mundo era
da orde de 2:1. Na actualidade, a mesma ratio está en 20:1. A diferenza entre o
país máis pobre e o máis rico tense ampliado ata aproximadamente 80:1. Rodrik,
D. : La paradoja de la globalización. Antoni Bosch editor,
Barcelona, 2011 (p. 156). Outros como Lant Pritchett teñen empregado a
expresión “enorme diverxencia” para referirse ao mesmo que Rodrik.
11 Sobre
este dato e moitos outros pódese consultar o texto das conferencias que
pronunciou Fontana en febreiro de 2012 https://marxismocritico.files.wordpress.com/2012/02/mas-allc3a1-de-la-crisis-j-fontana-3-de-febr-2012.pdf
12 Turgot: Cuadro
filosófico de los progresos sucesivos del espíritu humano. Pódese
consultar enhttp://www.ub.edu/histofilosofia/gmayos_old/PDF/TurgotCuadrosFilos%F3ficosProgreso.pdf
13 “Octavo
Principio.- Pódese considerar a historia da especie humana no seu conxunto como
a execución dun plan oculto da Natureza para levar adiante unha constitución
interior e, a tal fin, exteriormente perfecta, como o único estado no que pode
desenvolver plenamente todas as súas disposicións na humanidade (...) Noveno
Principio.- Un intento filosófico de elaborar a historia universal
conforme a un plan da Natureza que aspire á perfecta integración civil da
especie humana ten que ser considerado como posible e ata como elemento
propiciador desa intención da Natureza” en Kant. I.: Ideas para una
historia universal en clave cosmopolita y otros escritos sobre Filosofía de la
Historia, Tecnos, Madrid, 1994 (p. 24).
17 “Os
dirixentes soviéticos tentan mobilizar todos os esforzos posibles. Khruxov
asegura no XXI Congreso que a URSS inicia a construción do comunismo, e no XXII
Congreso anuncia a realización do comunismo para 1980” (p. 86). “Era a
consecuencia inevitable de dúas constantes no “corpus doctrinae” soviético: non
había máis patria que a propia clase social e a medida que se constrúe o
socialismo desaparecen as diferencias nacionais, dando lugar a formacións
historicamente novas” (p. 104) en Rios, X., Pellitero, L., Méixome, C.: Rusia.
Das orixes á crise dun modelo. Ir Indo, Vigo, 1996.
18 Recentes
investigacións consideran que o estudo da estatura, ademais da esperanza de
vida, fornece datos fundamentais para coñecer a saúde media da poboación pola
influencia que ten sobre ela a alimentación. Un estudo do CSIC, dirixido por
Julio Pérez, dinos que a estatura media dos varóns adultos nacidos en España en
1982 (176cmts) é 10cmts máis que a dos nacidos en 1910 (166cmts), mentres que a
media da estatura das femias é de 7cmts máis (155cmts fronte a 162cmts). http://www.csic.es/web/guest/buscar?
22 Ver:
“El historiador debe ayudar a la gente a pensar” en http://blog.udllibros.com/wp-content/uploads/Babelia-20-julio-2013.pdf
Ningún comentario:
Publicar un comentario