Presentación de "O Cruceiro de San Campio" no IEM. |
Esculcaba o Miñor dende os
socalcos da memoria tribal de Morgadáns. Juan, que non era Juan, que era
Antonio, pero que lle chamaban Juan. Antonio Valverde Alonso era Juan.
Regresara, hai uns anos, aínda que en verdade nunca marchara, ao seo nutricio
da Foz do Miñor, cando ficou reformado, como din en Portugal, país que coñeceu
ben e do que tomaba expresións para incorporar ao seu magnifico, maino, suave e
enxebre galego.
De alongada estirpe miñorá,
exercía a memoria e agasallábanos con ela, a mancheas, aos que tivemos o
privilexio da súa conversa. O seu amable sorriso, a súa mente aberta, o seu
fino gusto artístico, a súa franca gargallada para remate dun “conto” como
dicía, facían del un home enormemente atractivo.
Podiámolo atopar, sempre querido
por Toia, dando o paseo entre as Ramallosas, cara a Lourido ou polo
Gondomar infantil. Na zona cero do cruceiro de San Campio concentrou os seus
relatos sobre Carmen “a coxa”, José, “o dos fígados esfarelados” Xesús “arría o
galo”, o Cristo Loureiro, O mudo... esa panoplia de “toliños”, de boa xente,
que abunda no Val, por mor das nubes rastreiras segundo dicía o seu tío
Severino, o médico e masón que purgou en San Simón. Deixou escritos outra boa
chea destes contos que estou seguro custodia fielmente o prezado Miguel
Mouriño.
Nos últimos meses
comentaba riseiro: “Vivín ben, fun feliz, fixen o que me gustaba, que máis
quero!”.
Era o meu amigo. Dos que nunca
precisan xustificar a lealdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario