Marea de octubre (2014)
Joaquín Martínez Cano
Óleo s/ lenzo, 81x81
|
Descoñezo,
é evidente, a opinión do Papa Francisco sobre a máxima ignaciana de “en tiempos
de tribulación no hacer mudanza”;
tampouco sei se considera que a Igrexa está en momentos
aflixidos. A sentenza, dirixida aos soldados de Xesús e non ao conxunto da
Igrexa, emitida polo fundador da orde na que milita o líder católico, inspirou, con
éxito, a persistente influencia da súa facción, durante case cinco séculos, nos
círculos de poder
da curia romana. Nestes meses últimos na esquerda galega, na nacionalista ou
non, seguiu a estar ben presente o espírito xesuíta de non moverse para non
arriscar. Todo o contrario do que, ao meu parecer, a cidadanía demanda.
O que si sei é
que cando a xente sobrevive como pode, nestes “tempos de desolación”, e contra
San Ignacio, a unha sociedade, calquera, ténselle que ofrecer algo máis que
remoer a súa aflición. Precisa coller folgos, decidir, afrontar, arriscar, sen
medo a errar por desprenderse do pasado e mudar, non porque “Se vogliamo che
tutto rimanga como é, bisogna che tutto cambi” senón porque é preciso,
necesario e urxente termar dun pais que se esfarela avellentado, coa mocidade
procurando polo mundo adiante as oportunidades que aquí non se lle ofrecen, cos seus sectores produtivos boqueando, coa
súa cultura esmorecendo, cun réxime carente do mínimo respecto polos máis básicos
principios democráticos, cunhas xentes sometidas á perda de dereitos sociais e
niveis de benestar que hai anos considerabamos imprescindíbeis.
Nin a inmobilista frase xesuítica, nin a
cínica expresión lampedusiana, nin a idealizante aseveración de “para mudalo
todo” semellan aqueladas para estes tempos de incertezas.
O 25 de setembro
a cidadanía está convocada a escoller un novo parlamento. Menos dun mes despois
será o 35 aniversario das primeiras eleccións ao órgano lexislativo. Neses seis quinquenios non
chegou nin a un o tempo no que a dereita postfranquista deixou agromar novos
xeitos e formas de gobernar. Será un mes de infarto político nun estado que é
probable siga sen goberno, con eleccións entre nós e no País Vasco e coa moción
de confianza nunha Cataluña na que as forzas soberanistas semellan querer
seguir mantendo o pulso. Máis suspense imposible.
Precisamos
mudar, con dúbidas, incertezas, remoendo, aflixidos, magoentos... pero
precisamos xuntar todas as forzas para demoler a brigada de demolición, para
desinfectar San Caetano. Cómpre concentrar todas as vontades da nación cidadá
nunha grande enxurrada popular.
* Publicado en Novas do Eixo Atlántico
Ningún comentario:
Publicar un comentario