“Distingo
(...) los buenos españoles de los malos, y no se crea que es mi intención
confundir el criminal con el inocente; aunque por otra parte es positivo que
todos los que han venido a América con ideas de mando y autoridad, han sido
unos tiranos, ingratos y desconocidos; lo que nos sirve de lección, para que
los recibamos siempre con la más severa circunspección.” Así se expresaba Francisco
de Miranda o 5 de xullo de 1811 no
Congreso Constituínte de Venezuela que declarou a Independencia. Van alá máis de douscentos anos.
O
líder americano non foi tan despectivo
como Cánovas del Castillo. Segundo se di, cando Manuel Alonso Martínez, presidente da
comisión redactora da Constitución de 1876, lle transmitiu que non atinaban co
xeito de definir aos que eran españois, o presidente do consello de ministros
espetoulle: “Pongan ustedes que aquellos que no pueden ser otra cosa”. Don
Antonio era raposo fino e foise relevando con Sagasta na condución dos restos
imperiais cara ao chamado desastre de 1892. Fraga intentouno patrimonializar
cando se cría destinado a ser o reformador do franquismo, e o ínclito José
María Aznar pretendeuno elevar aos altares patrios.
Aquela
Constitución, a máis duradeira das españolas, e paréceme que vai seguilo sendo,
definía os españois como aqueles nacidos neste territorio (incluídas as
chamadas provincias de ultramar), os fillos de pai ou nai española, os estranxeiros
naturalizados e, aquí debería vir a chanza canoviana, “los que sin ella hayan
ganado vecindad en cualquier pueblo de la Monarquía”. As constitucións
posteriores, a republicana e a actual, deixaron a cousa nunha referencia ao que
estableza a lei.
Andan
os medios de comunicación, e os políticos, enleados en profundas reflexións
ante a insondable cuestión presentada por Domenech, o portavoz dos comúns e
delegado territorial de Podemos no Principado; cando lle preguntou ao
presidente “en custodia” Torra que pensa dos cataláns que se senten españois?.
A tal “questiuncula” sumouse con lostregante rapidez a alcaldesa de Barcelona e
con ela “tutti quanti” teñen gañas de amosarse como máis patriotas españois que
ninguén. O interrogante semella máis o resultado dunha estratexia madrileña que
dunha práctica socrática. O caso é darlle ao presidente formal da Generalitat,
máis ben xefe do goberno, xestado en prolongado parto e ameazado con non moi
duradeira data de caducidade ben por misión cumprida ou encarceramento preventivo. Andan os
preocupados por gobernar España con xogos de patriotas bailando ao son dos
cidadáns extremos. Os comúns aceptan un papel subsidiario en Cataluña e
pretenden presentarse como o posibilismo de esquerdas en Madrid. Caneíños en
curto que non resolven nada; para iso precísanse políticos e intelectuais dos
que non hai.
Sóame
un retrouso musicado “o sentimento é libre”. E non vai ser. Que se pensa dos
cataláns que se senten españois? Que se pensa dos cataláns que non se senten
españois?. Un quixera agardar que non se pensase nada, simplemente se
respectasen eses sentimentos. Cada un sente o que sente e o que quere sentir.
Cando os deputados de Cs non cantan Els Segadores en sede Parlamentaria, será
porque non senten o himno nacional catalán, porque non se senten cataláns. Son
tan libres como cando os xogadores rusos respectan en silencio os acordes do
himno monárquico español. Outra cousa é que os cataláns, polo menos cando ían á mili, tiñan que cantar os himnos patrios ou
que os rusos obrigasen os españois a entoar o canto estepario.
E
se os chíos do xefe do goberno, que o presidente está en Berlín, lexitimado
pola sinatura da súa maxestade e do presidente do goberno español en diario
oficial, poden ser de maior ou menor gusto, ao igual que algúns dos seus
artigos, máis que dicir dos inflamados discursos patrioteiros emitidos por
radios e televisións (mesmo con petición de bombardeos) ou dos iracundos
artigos de prensa entre os que salientan as firmas locais de Barreiro Rivas e
Blanco Valdés.
A solución dos conflitos políticos atópase no
territorio da democracia e non no espazo da sentimentalidade. E Torra, por non
sentirse español, por sentirse catalán e por coidar que a alternativa para o
seu país a estas alturas é a independencia, non é nin xenófobo, nin
supremacista. Iso sería impoñerlle a quen non queira ser español que se sinta
español, como pode pretender a actual constitución.
Por
certo, Estat Català, un partido co que parece que expresou a súa identificación
Torra e polo que se sataniza, tiña, en 1936, como secretario xeral a Joan
Cornudella, quen nos anos corenta formou o Front Nacional Català, o primeiro
partido independentista baixo o franquismo, e terminaría sendo deputado no
Parlament nas bancadas do PSC. Aínda máis, de Estat Català, xa nos anos trinta,
escindiuse un grupo Estat-Català-Partit Català Proletari, un dos grupos
fundadores do PSUC, o partido dos comunistas cataláns, que anos despois
promoverían Iniciativa por Cataluña que hoxe forma parte de En Comú-Podem que
fala por boca do historiador Xabi Domenech autor da “questiuncula”. En fin, as
voltas que dá a vida. Pola súa banda
Torra é identificado tamén con Acció Catalana,
un partido que poderíamos encadrar na esquerda liberal e que formou parte das
candidatura da Fronte Popular en febreiro do 36.
En
fin, descoñezo as publicacións de Torra, xestor empresarial, editor, xestor
cultural..., non podo opinar, pero todo semella unha operación de derribo para
ver de mandalo a Estremera.
Volvo
recuar; 1863; cento cincenta anos: “Ben din que todo neste mundo está
compensado, e ven así a sofrir España dunha nación veciña que sempre a ofendéu
a mesma inxusticia que ela aínda máis culpable, comete cunha provincia
homillada de que nunca se acorda, como non sexa para homilla-la aínda máis.
Moito sinto a inxustizas con que nos favorecen os franceses, pro neste momento
casi lles estou agradecida, pois que me proporcionan un medio de facerlle máis
palpabre a España a inxusticia que ela á súa vez connosco comete”. Isto está no
prologo de Cantares Gallegos , Mais
adiante na composición 29, A Gaita Gallega, a IV estrofa di: “Pobre Galicia,non
debes/ chamarte nunca española,/que España de ti se olvida.../.
A
nosa Rosalía debía ser tamén unha supremacista como Torra ou quizais era simplemente unha
chorona por galega, pobre, infeliz y sucia...
·
Publicado en A Nova Peneira, maio
2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario