venres, agosto 03, 2018

Divagacións tanxenciais aos pensares de Villares


Presentáronlle a Pierre Vilar unha espiñenta cuestión: Cataluña é ou non unha nación? O historiador francés retrucou cunha aparente contradición, non exenta de medida ambigüidade: “non creo que sexa unha nación, senón que o penso”. Lémbranolo Ramón Villares en Identidade e afectos patrios (Galaxia,2017).

Pensar, reflexionar e non crer é o que se propón o autor neste mangado de ensaios, que tomaron forma ao  longo dos últimos quince anos, enfiando tres novelos: “Identidades”, “Invencións e símbolos”,“Afectos patrios”. Aínda que dilatados na escrita e na reflexión, trátase dun conxunto moito máis ensarillado do que se podería supor.

Estamos ante un feixe de achegas culturais sobre a historia de Galiza en referencia invertida ao “Ensaio” oteriano de 1939. Diso se trata, de “historia cultural”, nomeadamente no primeiro dos traballos ao que nos referiremos máis adiante. Unha colectánea de textos para  comprendérmonos  tanto a cidadanía que nin se reclama da nación-cultura ou ben permanece na fase de “fuga”; mais tamén aquela outra con interese en “desvelarse”, en “descubrirse” na “inventio” da nación-cultura, como lle ocorreu ao heroe oteriano no seu “retorno”. O autor achégase, ao longo destas páxinas, unha e outra vez á  obra de Otero Pedrayo como xa fixera polo miúdo na Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista (Fundación Otero Pedrayo 2007) na que se corrixe e amplía o seu discurso de toma de posesión como académico.

Mais tamén é unha boa seitura, en especial para os que, identificándonos co concepto de nación-cultura argallado por Ramón Villares, queremos pensarnos, ao tempo, como nación-política e, xa que logo, como nación-soberana; por moi dispostos  que esteamos a fragmentar soberanías e compartilas.

1.- O permanente estado de funambulismo.-

Útiles  as achegas villarianas para aqueles que nos movemos no permanente funambulismo da construción bretemosa da nación. Balanceándonos entre o determinismo dun carácter nacional preexistente e a liquidez da identidade contemporánea; entre a insomne angustia das elites patrióticas e a desconfianza nas propias forzas; entre o pesimismo dun relato nacionalista, dende Faraldo á UPG, pasando por Castelao e a excesiva confianza na fortaleza dunha personalidade que só precisa “lavrar” (en expresión de Paz Andrade) a súa imaxe para proxectarse cara ao futuro; entre a permanente tensión da bandeira ergueita na croa do castro e o posibilismo de expresións políticas sempre desexadas pero que nunca emerxen. Deslizándonos entre o fungar permanente do “non nos entenden non”, a incerteza masoquista do que estaremos a facer mal e o acougado sosego de botarlle a culpa a caciques, prensa, estado... timoratos e traidores, en especial a estes dous últimos. Sempre nese remuíño, nese pozo negro, nese rodopío entre existencia e dilución, entre esencialismo e voluntarismo, entre preexistencia e construción, entre identidade feble, pero que sobrevive séculos, dúctil e maleábel, e a insuficiente resposta social. Sempre nese extenuante “arredor de nós”.

É preciso “re-pensar” a nación e procurar  unha aquelada mestura entre vontade cívica  e esencia étnica, cando menos tan reactiva, tan precisa, como o punto exacto de inestábel equilibrio entre a nación “imaxinada” polaselites intelectuais, “abandonada” polas económicas e políticas, e a“gardada” polos sectores populares.

No segundo e terceiro capítulo achégase, o autor, ás invencións e símbolos (celtismo, Idade Media, invención de Santiago, himno e bandeira) e aos afectos patrios (o controvertido Xelmírez, o bardo Pondal e os mártires de Carral). Temáticas todas visitadas en innumerábeis  ocasións. A novidade está no xeito de abordalas e a non facerse dende a análise causal ou factual senón dende os efectos simbólicos, culturais e afectivos que eses acontecementos proxectaron. Deslea o novelo de como se modulou o “celta” como cerna da identidade ata ser relegado pola lingua;  como se forxou a inicial influencia do medievalismo faraldiano, o seu posterior esquezo e a lenta recuperación actual,  a pesar dos esforzos dalgúns dirixentes nacionalistas (C. Nogueira, F. Rodríguez); do tránsito dende a segunda “inventio” de Santiago, a arqueolóxica do cardeal Payá e López Ferreiro, ata o desprazamento do mesmísimo Apóstolo polo turístico Pelegrín; e o “encargo americano” do himno e da bandeira xa que a comunidade  afastada  precisa afectos simbólicos que teñen que ser imaxinados antes de comprendidos.

Non se atreveu, é un dicir, coa colorista incorporación da estrela vermella á diagonal azul que lle proporcionou  á bandeira unha imaxe forte, non só para as manifestacións reivindicativas senón tamén para campos de fútbol, concertos musicais, camisolas..., chegando mesmo a ocupar no proceso imaxinario o espazo que lle corresponde ao emblema institucional;   nin do reiterado grilar da gaita, labor patriótico estendido entre os urbanitas desta cidade estarricada en paralelo á costa; nin do gabarse dos xantares pantagruélicos;  da fachenda da mellor cervexa do mundo ou de pillar o avión para vir a fin de semana á casa pois, como me dixo unha vez unha alta executiva de empresas multinacionais:  “hai que ter raíces”. Aínda que, para a nosa desconfianza e desespero da nostalxia, todos estes sinais identitarios se emitan só parcialmente, moi parcialmente, na nosa lingua, a nosa gran marca, pero non, nin moito menos, a única. Como escribiu David Harvey: “Para que os movementos políticos poidan ter un efecto significativo a longo prazo, deben deixar dun lado a nostalxia”. Aínda que este sentimento sexa tan difícil de coutar en cada un de nós. A sociedade galega parécese ben pouco xa non á de hai cincuenta anos senón á de hai só vinte.

É prudente o autor, ao fin e ao cabo historiador,  en non enlearse no “presentismo” xornalístico, ou político, e marcar a distancia temporal.

2.- Os símbolos: memoria e territorio.-

Recórdanos  tamén Villares a Cicerón: “A vida dos mortos é a memoria dos vivos” para achegarse á elaboración do “lugar de memoria” de Carral, onde foron glorificados os heroes do liberalismo español, despois esquecidos e finalmente recuperados no transito do XIX ao XX, pero mutados en mártires da causa galega. Unha reelaboración cultural tan radical como a que se realizou con Pondal, asociando o bardo celtista a posicións políticas ben afastadas do que el (federalista, iberista e unitarista español) admitiría nunca, mesmo ata o extremo de que a primeira e máis relevante asociación arredista, fundada na emigración platense, incorporou o nome do poeta á súa denominación.

Mais para reviravoltas a dun dos principais persoeiros da nosa historia. O máis controvertido. Visto por uns (Vicetto, Castelao) como responsábel de que Galiza ficase illada do seu espazo natural; por outros (Murguía, Otero) como o creador do esplendor románico compostelán, da súa conversión en centro da cristiandade e da nosa incorporación, a través de Cluny e Roma, á cultura europea. Xelmírez aínda se remexe entre nós. O contraste de pareceres entre persoas contemporáneas e participes do mesmo ideario é un bo exemplo do noso permanente exercicio de funanbulismo.

A permanencia na memoria dos vivos de Xelmírez, dun príncipe da igrexa, é tamén expresión da preeminencia desta na composición da identidade galega. Dende Martiño de Dumio corrixindo rústicos e organizando parroquias e os primeiros monacatos difusores das técnicas de labranza e novos cultivos, pasando polo esplendor románico de Compostela e a fartura barroca dos mosteiros preñados de millo, a igrexa soubo adaptarse e condicionar as relacións entre os vivos e os mortos. Só as desamortizacións e o proceso de laicización do último medio século foron quen de ir coutando este exceso de presenza.

Sendo certo o anterior non o é menos que a institución eclesiástica perseguiu o priscilianismo e á vez adaptouse a el; foi a responsábel da escisión política do espazo nacional ao tempo que construíu o seu centro; e argallou toda caste de impedimentos para a consolidación de institucións propias e, sempre, lle deu as costas, coas correspondentes excepcións, á “nación-cultura”. Un predominio que segue a exercer cando é quen de convocar, no mesmo día e a poucos metros, dunha banda da catedral apostólica, o Día da Patria, instaurada en 1919 na II Asemblea das Irmandades da Fala, e da outra a festa patriótica de España, coa ofrenda real instituída polo monarca Filipe V. É evidente que o fillo de Zebedeo acolle a uns na súa morada e a outros déixaos á intemperie da Quintana dos mortos; mais a diferenza de trato non é máis que resultado da ventura política.

Enfronta tamén o autor a cuestión miñota, aínda que esta non deixa de impregnar o conxunto,  nun artigo inserido no primeiro feixe de traballos titulado: “As dúas beiras do Miño. Fronteiras políticas e muros simbólicos”. Nese territorio, ao norte e ao sur do Miño,  creouse unha unidade lingüística orixinaria que denominamos, por simplificación, galego-portugués, e que por mor da fragmentación posterior tivo unha evolución diferente. Na banda do sur fíxoo libremente e absorbendo fonéticas e verbas das terras polas que se expandiu; na banda nordés, co paso dos anos ficou baixo dominios políticos que a reduciron a fala popular e aínda así, por circunstancias diversas, pero tamén como mostra de ferreña vontade, resistiu.

As terras que durante séculos foron un continuo, durante moitos outros viviron de costas. Semella que poden volver a achegarse por mor da desaparición das fronteiras  económicas e as mudanzas nas comunicacións, mais os valados simbólicos seguen presentes. Para a cidadanía portuguesa Galiza é unha anécdota; nin se albisca un chisco de “irredentismo” cultural, xa non falemos de político. A actitude galega foi virando dende a aparencia  e paifoca superioridade de hai anos ao respecto, e mesmo admiración, entre sectores de clases medias, polo civismo, o coidado do patrimonio público e a potencia das dúas grandes urbes portuguesas. Mais o labor de achega non foi máis alá de tímidos acenos que para pouco máis serviron que para suavizar incomprensíbeis receos.

A autonomía política tróuxonos un agasallo empezoñado: o debate normativo.O fío non resistiu o peso dos equilibristas e partiu, xerando unha das fendas máis ineficaces, perdurábeis e incomprensíbeis dentro da“nación-cultura” contemporánea. A incomprensión social converte o reintegracionismo nun instrumento tan ineficaz como a pitoña renuncia ao mundo lusófono do isolacionismo. Na tradición da construción da nación-cultura o achegamento á lingua portuguesa na procura da restauración das pontes destruídas pola historia foi sempre un devezo expreso; coutalo foi unha das consecuencias máis perversas da autonomía.

Sen dúbida a mellor representación deste desvarío colectivo é que un ano máis Carvalho Calero seguirá sen Día das Letras. O debate normativo segue envelenando a “nación-cultura”. Mentres uns amosan con Portugal un entusiasmo ás veces risíbel outros afástanse de calquera contaminación lusista como se fose a peste. A esquizofrenia escenifícaa o actual presidente da Xunta dirixíndose en castelán ao presidente de Portugal.

O encoraxamento da confrontación é unha excrecencia perversa do rol primordial, ás veces entendido ata como exclusivo, que lle deu á lingua a “Xeración do 16”, o grupo Galaxia e o nacionalismo contemporáneo. Un predominio que simplifica en exceso a identidade galega e ameaza con apropiarse simbolicamente dela. A incorporación da materia de lingua e literatura, de forma exclusiva e insistente, ao sistema educativo ao mesmo tempo que se desbotaron como materias obrigatorias a xeografía, a historia ou a economía, redundou neste perigoso reducionismo, empregado polo nacionalismo español no combate político.

Villares chámalle “filoloxización” da identidade, tamén poderiamos denominalo “literaturización”. Restaurar o fío rompido e acadar un novo equilibrio semella tarefa urxente para seguir labrando a nación-cultura.

Escribe Xosé Constela no limiar do seu O colapso territorial en Galiza (Galaxia, 2018): “Resulta, ademais, certamente paradoxal que sendo Galiza, como é, un país no que o territorio desempeñou un papel imprescindíbel na súa construción social e económica e que, en boa medida, foi un elemento indiscutíbel da orixe do galeguismo, ficase relegado e esquecido na imaxinación de alternativas de cambio nos últimos decenios”.

No lle falta razón ao noso amigo xeógrafo. Quizais o mellor exemplo sexa lembrar que na emerxencia social do nacionalismo galeguista no tardofranquismo ocupou lugar protagonista a defensa da terra, da propiedade comunal e de conservación ecolóxica (As Encrobas, Baldaio, Xove...). Tamén na actualidade  a resistencia contra leis facilitadoras de explotacións mineiras e doutros recursos convoca importantes mobilizacións sociais. Emporiso no relato identitario o territorio, o espazo,  só estivo presente con intensidade nos traballos do Seminario de Estudos Galegos e, con especial forza, nos de Otero Pedrayo sobre a paisaxe.

A lingua apropiouse da narración da nación-cultura. As achegas da historiografía, da etnografía, da xeografía ficaron arrombadas e mesmo as propostas económicas, que tiveron especial intensidade nos anos sesenta e setenta do pasado século, viron minguada a súa presenza na elaboración do universo simbólico.

Hoxe, arrodeados por lumes que devoran hectáreas abandonadas, difusamente concentrados na beira costeira, asemella ben necesario matinar, propoñer, unha ordenación do territorio que coute a despoboación do interior, a homoxeneización dos cultivos e da paisaxe agraria e free o estrago da terra que non por ser un problema a nivel do planeta deixa de ser central na forxa da identidade galega.

3. A nación-cultura.-

A cuestión identitaria é afrontada en especial en dous traballos: “Trazos históricos dunha nación-cultura” e “Pensar Galicia: identidade e cultura”. Neste último o autor non deixa de subliñar un hipotético desaxuste entre os “deberes cumpridos”, nas distintas fases do nacionalismo, polas minorías intelectuais, e tanto na limitada audiencia social das súas propostas como na case inexistente representación institucional. Na súa visión houbo un desequilibrio entre a elaboración ideolóxica e a  representación política por mor dunha feble organización cívica mobilizadora.

Poderiamos enxergar tras esta apreciación unha certa fachenda intelectual. Non están no mesmo plano o desenvolvemento programático e a posta en marcha dun movemento social. A reflexión teórica depende do esforzo e valía intelectual, da difusión das ideas e apertura a influencias externas....; a proxección social dese esforzo é unha suma incerta de organización de elites, de masas, de recursos, capacidade comunicativa, activismo militante, egoísmos expresos ou ocultos, sacrificios persoais e familiares, marcos político-económicos mutables, resultados electorais inmediatos...

A xeito de exemplo, Brañas brillou co seu El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario (1889) e converteuse no referente do galeguismo. O libro publicouse en Barcelona e lérono, en especial, os da Lliga que un ano antes da súa publicación presentaran no Xogos Florais o segundo “memorial de greuges”. O esforzo intelectual do galego enxertou ben no movemento cívico catalá pero non no seu país.

Sendo evidente a crise de expresión política da última década, houbo momentos nos que a nación-cultura estivo a piques de se converter nun gran movemento social: co PG durante a II República e co BNG na década “gloriosa” dos noventa. Mais tamén é certo que a expansión socialnunca foi tan constante nin intensa como a achega intelectual de Rosalía, Murguía, os Villar Ponte, Risco, Otero, Castelao, Piñeiro, Paz Andrade, Beiras, Nogueira, Rodríguez... Mais seguimos sen ter explicación doada para o exceso funanbulista.

No primeiro dos traballos, o máis extenso, o autor procura “os factores que explican que Galicia mantivese a súa condición de nación-cultura e pola contra non se convertese en nación-estado, ou cando menos, nun país cunha conciencia nacional maioritariamente asumida pola súa poboación e nomeadamente polas súas elites tanto no pasado próximo como no presente máis inmediato”. Realmente sorprende a supervivencia da nación sen estado propio a non ser que turremos desta denominación ata o extremo de confundila con formas patrimonialistas do poder medieval. Só nos queda procurar explicación nunha granítica identificación entre marco territorial e creación cultural, xunguidos por unha mesma e persistente denominación a través dos séculos nunha auténtica exhibición de “precocidade histórica”, resalta Villares. Nunha especie de fusión nuclear na que núcleos lixeiros van forxando un máis grande e pesado e que nunha primeira e externa ollada pode considerarse un espazo unitario pero que segundo achegas o microscopio decátaste da complexa diversidade policéntrica, da intensa humanización do mesmo e tamén da escisión, mesmo dende os tempos de Roma, en dúas realidades , a lucense e a bracarense. Escisión que rematou por consolidarse no transcurso dos séculos. Dende principios do XII, o espazo lucense e unha parte do bracarense ficou bloqueado entre o Portu-Cale de Afonso Henriques, que non recolleu o nome de Bracara, e o reino de León e Castela, que tampouco acolleu o, central en orixe, de Galiza. O espazo ao norte do Miño virouse  excéntrico ao ritmo no que as elites galegas, que se seguían considerando primordiais ata comezos do XVII, eran derrotadas ou se desprazaban a novos centros de poder ata ser substituídas pola nobreza eclesiástica. Nun caso e no outro, na construción dunha nación-estado ao sur do Miño e dunha nación-cultura por riba del,  o papel dos poderes relixiosos foi determinante. No noso caso, co tempo, acabarán por ocupar o espazo institucional case en exclusiva.

A substitución das vellas elites laicas polas servidoras ao divino fin superior; a fragmentación da fidalguía, a orixe foránea das primeiras elites burguesas, xeraron tanto unha feble vertebración política como unha incapacidade para crear un relato que fose máis alá dun localismo muxidor de votos para intercambialo no mercado político. Cantonalismo que nin a existencia, despois de tantos séculos, de institucións representativas do conxunto foi quen de superar. Mesmo poderiamos entender que se agravou nestas últimas catro décadas coa consolidación de dúas cidades enfrontadas no económico, no discursivo e ata no futbolístico e a mutación do núcleo relixioso-universitario nun novo centro político-administrativo-simbólico que reforza o noso policentrismo característico. A persistencia da fragmentación semella unha maldición histórica se é mal interpretada ou unha bendición se fósemos quen de aproveitar as súas potencialidades e deixar de laiarnos de non ter unha gran cidade de referencia.

Durante séculos o campesiñado constituíuse, case en exclusiva, como protagonista da nación-cultura. Segundo o autor, por dous mecanismos complementarios, a posesión duns dereitos sobre a terra, o foro, que lle permitían unha situación de certo privilexio, en termos comparativos, e, por outra banda, unha forza solidaria e comunal, que lle concedía certa solidez política e fortaleza cultural. O resultado foi que na primeira metade do século XX desapareceron foreiros e caseiros, formados nas desamortizacións, e reconvertéronse en propietarios, empoleirados pola enxurrada migratoria aliviadora do exceso de xente e remesadora de aforros. A Galiza campesiña converteuse en protagonista absoluta da identidade. Mais as mudanzas da segunda metade do século (éxodo rural, desenvolvemento acelerado dos “anos dourados” da segunda posguerra, políticas orientadas á  redución das explotacións agrarias polas políticas comunitarias...) provocaron a máis rápida desagrarización coñecida en calquera país europeo. Nun século pasouse do predominio do mundo campesiño á práctica desaparición do mesmo. En catro décadas os activos agrarios reducíronse á  metade. Mais, como ben sabemos, as mudanzas culturais son lentas. A mentalidade labrega segue chantada nas mentes dos novos urbanitas. O sentido da propiedade conseguida, con esforzo e tardanza, a comezos do pasado século segue marcando os comportamentos sociais.

Dende finais do século XIX e a diferenza do modelo pactista escollido polas elites catalás ou do de confrontación escollido por parte da sociedade vasca,  as elites galegas xurdidas da fidalguía, a pequena nobreza e das profesións liberais optaron por participar na construción do estado-nación español. A contribución das elites de territorios máis sometidos aos gobernos centrais dos estados nin é un fenómeno tan estraño nin ningunha anormalidade histórica. No noso caso o relatorio de nomes é  longo. Podémolo resumir no “consabido ministro gallego”.

Mais o rodopío de mudanzas non se detén. Na última década a rixidez do unitarismo español fixo mudar a actitude destes nacionalismos. Os pactistas agora confrontan mentres que os que antes enfrontaban restauran forzas. Mentres, e aquí non hai troco, a debilidade institucional e a baixa conciencia nacional seguen a caracterizar a sociedade galega.

4.- A ausencia.-

En escasas ocasións o galeguismo foi quen de propoñer ou participar en fórmulas alternativas ao modelo unitarista español. Nos tempos de Galeuzca e no breve período da Declaración de Barcelona. Unha cousa é ser consciente desa necesidade e outra a posibilidade de concretala. Tan evidentes son as dificultades como que as posibilidades de reformulación do Estado pasan por un entendemento galeuzcano capaz de formular unha reforma constitucional que recoñeza as tres identidades nacionais hoxe negadas. Non semellan viábeis nin a vía unilateral nin pensar que facéndolle cóxegas á esquerda española esta vai adiar o seu poderoso universo simbólico unitarista forxado no traumático 1898 e fixado na guerra de España como na loita antifranquista.

A carencia tanto dun discurso propio sobre o xeito de inserción de Galicia na política española como a escasa forza social do rexeitamento frontal do marco estatal poden explicar, en parte, a ausencia de Galicia nos actuais tempos de mudanzas. Eiva ameazante para o futuro perfil político propio e que explica tanto as dúbidas, a respecto de recoñecer ou non unha expresión institucional da nosa identidade, das elites españolas no momento da transición como nos seus, perversos pola súa aparencia, esquecementos actuais. Mais entenderse tamén como expresión tanto do escaso apoio que as correntes federalistas acadaron dentro da proposta galeguista como de que o liberalismo progresista español foi sempre subalterno a respecto do nacionalismo conservador, católico e autoritario, e cústalle comprender a necesidade de esgazarse da matriz monárquica para competir co nacional-catolicismo. As dúas veces que o intentou (1873, 1931) fracasou.

Castelao, o gran construtor da nación-completa,  non se evadiu nunca de intervir, mesmo asumindo un ministerio no goberno do exilio, na vida política española. Mesmo, nun xeneroso esforzo e sabéndose “entusiasta ata o lirismo”, formula, ao regreso da xeira parisiense, no verán de 1947,  a proposta que a saúde non lle permitiu desenvolver, coa que remata o Sempre:  “Non temos ningunha fe nos hespañoes; pero témola en nós mesmos e nas ideas que profesamos. Estas ideas poden concretarse nos catro principios seguintes:

a)            Autonomía integral de Galiza para federarse cos demais pobos de Hespaña, b) República Federal Hespañola para confederarse con Portugal, c) Confederación Ibérica para ingresar na Unión europea; d) Estados Unidos de Europa para constituír a Unión Mundial”.

Consolidada a política de bloques e asegurada a supervivencia do franquismo, a proposta de Castelao ficou esquecida, non só polo seu “lirismo” senón tamén porque, tras a súa morte, os do “interior” escolleron, ou, sendo xenerosos, adaptáronse, o camiño saudoso-literario que denominamos comunmente “culturalismo” ou “piñeirismo”, que se ben acadou éxitos no ámbito editorial e literario fracasou tanto no seu proxecto central de galeguización da democracia cristiá e da socialdemocracia europeísta como nas súas teimas antimarxistas.

Andando o tempo o galeguismo nacionalista veuse obrigado a formular alternativas á política española, ao marco estatal, a facer propostas, deseños. E tamén o soubo facer. No mes de abril de 1976 o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG), constituído polo Partido Galego Socialdemócrata (PGSD), o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Pobo Galego (UPG), presentou unhas “Bases constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal”. Nese texto programático propúñase un pacto federal en plano de igualdade “dos representantes lexítimos dos pobos das diversas nacións hoxe integradas no Estado español, según veñan determinados polos seus respectivos procesos constituíntes”. Pacto que non podería “reducir as facultades de autoorganización e autogoberno da nación galega, agás nos aspectos libremente consentidos polos seus lexítimos representantes” e que os “órganos federás que se establezan, tanto lexislativos como executivos e xudiciás, integraránse sobre a base de representación por nacións, en igualdade numérica independentemente da poboación e territorio de cada unha delas”. Advertíase do que despois se denominou “café para todos” e que tolleu o modelo autonómico,  xa que non podería relativizarse “o peso político das nacións nos órganos federás mediante a concesión de igual representación neles ás rexións integrantes de calquera das nacións” e que “a eventual integración da Federación en orgaismos supranacionás de carácter político ou económico, deberá ser refrendada polos lexislativos de tódalas nacións federadas”. Poderiamos definir aquelas “Bases” como unha proposta inestábel entre Federación e Confederación pois todo dependería da maior ou menor fortaleza do Estado central.

Mais non houbo ruptura co franquismo. A monarquía personificou a continuidade e a reforma lexitimouna. As nacións ficaron diluídas no café para todos e a integración europea fíxose dende unha concepción unitarista do Estado. Nesas seguimos. A realidade post-franquista arrombou as “Bases” no baúl dos recordos, mais tamén  ficaron esquecidas porque non eran practicas nas disputas ideolóxicas dun galeguismo nacionalista inspirado no anticolonialismo terceiromundista, en versións simples do marxismo e rixideces estruturalistas pero sobre todo polo  pánico obsesivo, rareza do nacionalismo do próximo pasado e actual, herdanza das súas premisas ideolóxicas, de que non houbera alguén máis “gauchista”.

Cando se precisou facer propostas ao marco estatal ninguén se acordou de Castelao ou da Bases Constitucionais, dominado o escenario pola emerxencia social da crise de 2008, a depresión post-bipartito e a posterior fractura no galeguismo nacionalista, a máis relevante e duradeira dende a asemblea de Monforte de 1922 e o seu posterior corolario de illas. Mesmo poida que entre esta e aquela non haxa tanta disimilitude.

O nacionalismo contemporáneo non seguiu a tradición da ORGA, do PG ou de Castelao e, sempre no balancín, moveuse entre o desprezo risquiano á acción política no marco estatal e a  actual supeditación a estratexias foráneas. Durante dúas décadas a presenza do nacionalismo galeguista na política do Estado reduciuse á defensa da identidade e á reclamación de dereitos económicos, na tradición transaccionista dos nacionalismos vasco e catalán pero coas limitacións evidentes de non ser forza decisiva. A situación agravouse na última lexislatura, e na setemesiña anterior, na que ata desapareceu o “presencialismo”da bandeira ergueita, substituída por unha disimulada disolución en proxectos da nación española e a que algún deputado ou deputada faga, cando lle deixan, algunha referencia a Galicia.

A ausencia dunha proposta federal, dende o marco conceptual do nacionalismo galego, é unha eiva evidente e o remate do Sempreou as “Bases” ficaron sen  descendencia.

A cuestión é, unha proposta federal, dende os postulados da nación galega, pode servir para algo máis que para un brinde ao sol? Ou simplemente é posíbel unha proposta Federal en España?, cando o federalismo de inspiración liberal-progresista ou de esquerda española entendeu, de sempre, o federalismo como un estupefaciente,  unha fantástica lenda para engaiolar periferias.

Michael Ignatieff, profesor en Toronto, ex de Harvard, durante algúns anos líder parlamentario do hoxe gobernante Partido Liberal do Canada, férreo opositor ao independentismo quebecois  e de longa traxectoria federalista, como o seu partido, considera que o federalismo ten un problema conceptual que o imposibilita.  Para Ignatieff (Sangre y pertenencia. El hombre de TR3S, 2016, Barcelona) este é só un xeito de compartir o poder político entre os diferentes pobos dun estado. Na súa visión, baseada no bilingüismo e no multiculturalismo, considera que non é preciso ter un estado propio para autodeterminarse; que os pobos que comparten certas tradicións, proximidade xeográfica, un mesmo espazo económico... poden poñerse de acordo en compartir un mesmo estado se este é compatíbel cun importante grao de autogoberno en cuestións esenciais para a identidade, procurando conciliar o “principio da etnicidade” e o “principio de civismo”. Ou o que é o mesmo, que os pobos poidan ser gobernados de por si e os que son de fóra poidan  vivir en igualdade.

Pero, sinala Ignatieff, o federalismo ten serias dificultades para consolidarse  no Canadá, e se non pode funcionar aquí, recoñece, é moi probábel que non poida facelo en ningún outro sitio.  O problema principal da federación canadense, engade,  é que, dende sempre, os quebequeses identifican Quebec como a súa nación e Canadá como o seu estado; mentres que os anglófonos identifican o Canadá como a súa nación e como o seu estado. Esta confusa identificación, intencionada entre nación e estado, lastra o federalismo. Por iso ten tantas dificultades, porque unha das partes non só non se recoñece como nación senón que nega, na práctica, a existencia da outra. Polo que a nación que non é recoñecida en igualdade tenderá a constituírse en estado en canto poida.

Se hai dificultades no caso canadense, no español o federalismo é, a día de hoxe, unha quimera. De feito nunca existiu como proxecto político de estado,  porque nunca se considerou antagónico co nacionalismo español de matriz imperial castelá. De feito, nun exercicio extremo do que Michael Billig denominou “nacionalismo banal, os nacionalistas españois nunca se consideran tal por estar absolutamente convencidos da eternidade da súa nación porque, como escribiu Renan, danlle creto a certos teóricos políticos que consideran  que “unha nación é ante todo unha dinastía, que representa unha antiga conquista, aceptada primeiramente e despois esquecida pola masa do pobo”. Os nacionalistas son sempre “os outros”.

5.- A identidade.-

A identidade non se presenta, para Ramón Villares, dun xeito simple, dun ser ou non ser, dun decidir entre  ser valentes ou apoucados, de escoller entre a lucidez e a escuridade. A identidade non está determinada por trazos orgánicos constituíntes nin fundamentada no pasado, pero é sobre eses trazos consolidados no tempo como se imaxina, como se inventa; no dobre sentido de crear de novo e desvelar o oculto. O debate entre organicistas-esencialistas-historicistas- primordialistas-deterministas dunha banda, e modernistas-voluntaristas- plebiscitaristas-comunitaristas da outra, a controversia sobre nación e nacionalismo está ben lonxe de estar rematado. Pola contra, segue a agravarse a súa complexidade nas sociedades actuais nas que a tensión entre o global e o local é cada vez maior, mais tamén porque ambos conceptos perderon o seu carácter antagónico, ficaron desprovistos dos trazos excluíntes doutras épocas. Non é doado definir ningún proceso histórico similar á construción de Galicia en termos excluíntes dunha identidade única, dun carácter nacional exclusivo, pero tampouco é posíbel diluíla nunha mistificación de valores universais e cosmopolitas.

En 1983 Benedict Anderson escribiu no seu célebre libro: “A realidade é evidente: o “fin da era do nacionalismo”, anunciado durante tanto tempo, non se atopa nin de broma á vista. En efecto a nacionalidade é o valor máis universalmente lexítimo na vida política do noso tempo”. E iso que cando Anderson redactou o seu Comunidades imaxinadas (FCE, México, 1993), aínda non saltaran polo ar nin a URSS, nin Iugoslavia, nin Checoslovaquia...

Dani Rodrick falounos do paradoxo da globalización, do trilema político. En resumo, necesariamente simple, pero na procura de ser fieis ás súas palabras, diriamos que non podemos pretender xuntar hiperglobalización, democracia e autodeterminación nacional. Debemos escoller dúas das tres opcións. Isto é, se queremos hiperglobalización e democracia, temos que renunciar á nación Estado; se desexamos manter a nación Estado e hiperglobalizar a economía teremos que esquecernos da democracia e, finalmente, se pretendemos combinar democracia con nación Estado temos que limitar a hiperglobalización. Para Rodrick, e de seguro que para moitas das persoas lectoras destas liñas, é esta última a renuncia que lle parece máis acaída para unha prosperidade equilibrada e sostíbel e, en expresión de Piketty, regular o capital no século XXI.

Os modernistas-voluntarístas fan unha lectura simplificada en exceso do “plebiscito cotián” de Ernest Renan. O sabio francés é todo menos simple. Na súa celebre conferencia do 11 de marzo de 1882 na Sorbona, despois de reflexionar sobre a raza, a lingua, os intereses comúns, a afinidade relixiosa, a xeografía ou as necesidades  militares conclúe  que estes factores non chegan para constituír unha nación xa que ademais é preciso unha alma constituída por dous aspectos que son un: o pasado e o presente; a posesión común dun farturento conxunto de recordos e o desexo de vivir xuntos. Ámase a casa que se construíu e se transmite, dixo Renan.Foi fermoso vivir coa ilusión de estar axudando a restaurar a vella casa común, encanastrada por alleos e alleeiros, para despois enriquecela con novas construccións”, así comeza o último paragrafo das Décadas de TL, nas que Tobío exerce a súa memoria. O parágrafo continúa coa ilusión desbordada “vendo con gozo como sigue a traballar e loitar a xente moza na mesma dirección, a que sinalaron os nosos devanceiros desde o Rexurdimento”. Mentres que a visión primordialista de afirmación previa da nación, “a nación existe”, ten que ser a cotío matizada, reafirmada,  polo esforzo cívico continuado “para facer valer a herdanza recibida”, apuntaría Renan. Unha nación é, seguindo ao historiador francés, unha gran solidariedade, constituída polo sentimento dos sacrificios (...). Supón un pasado; non obstante, resúmese no presente por un feito tanxíbel: o consentimento, o desexo claramente expresado de continuar a vida en común”, que no caso dunha nación velada poderíamos, con Tobío, substituír, polos desexos de continuar a construción común.

Sen deixar a Renan, neste tempos de tensións xurídicas, exilios e cárcere para dirixentes cataláns, non me resisto a reproducir un anaquiño do seu discurso: “Na orde de ideas que vos expoño, una nación non ten, como tampouco o rei, o dereito a dicir a unha provincia: “Perténcesme, tómote”. Para nós, unha provincia é os seus habitantes; se neste asunto alguén ten o dereito a ser consultado este é o habitante. Unha nación no ten xamais un verdadeiro interese en anexar ou en reter un país contra a súa vontade. O voto das nacións é, en definitiva, o único criterio lexitimo, aquel ao  cal sempre é necesario volver”.

6. Tres retallos finais.-

Sempre me preguntei por que os hispanistas británicos son quen de publicar libros de Historia que se len con entusiasmo e se converten en éxitos editoriais. Hai uns cantos exemplos, falando só de hispanistas,Gerald Brenan, John H. Elliott, Raymond Carr, Henry Kamen, Hugh Thomas, Paul Preston, Gibson (irlandés)... a lista alóngase: Hobsbawm, Thompson, Judt, Eagleton... aínda que nos limitemos só aos contemporáneos e máis coñecidos.  Poderiamos argüír varias explicacións. A primeira, evidente, que escriben ben. A segunda, que coñecen os temas que tratan. Coido que é o resultado da sabia suma de liberdade creativa na redacción e un indiscutido rigor.

Pola contra na historiografía española, e por influencia na galega, este último aspecto cómpre demostralo, reiteralo, afirmalo...  cunha interminábel restra de referencias, citas e datos... a fin de desmarcarse da invasión putrefacta que, apoiados en determinados medios de comunicación, infectaron o ensaio histórico, nomeadamente nas cuestións referidas á II República, a guerra, o franquismo e o destino imperial da unidade española. En definitiva os británicos escriben pensando no público lector e non nos circuítos académico-universitarios.

Villares empata con esta tradición. Non só escribe ben senón que gusta de facelo. Procura a narración aquelada, traballa frases e expresións consciente de que non só se trata de contar ou reflexionar sobre uns feitos senón, tamén, de como se relata. Aínda que afastado do barroquismo torrencial oteriano, o gusto pola literatura e polo optimismo histórico do de Trasalba, que non persoal, de quen se consideraba un espectro do século XIX, séntese ao virar as páxinas. E tamén se percibe a apertura ao mundo e o esforzo por estar ao día das achegas foráneas; trazo tamén característico das  xentes do grupo coñecido como “xeración Nós”.

Un segundo retallo poderiámolo albiscar a xeito, esaxerando o termo, de autocrítica ou, sendo máis sensato, como unha viraxe metodolóxica, unha “ruptura epistemolóxica” que diría Althusser, coas distancias do autor a respecto das grandes escolas historiográficas nas que se formou a súa xeración, desde o cuantitativismo ao marxismo, dende o determinismo das “forzas produtivas” e o desprezo ás “cuestións superestructurais” ata a obsesión pola conversión da historia nunha disciplina científica.

Villares camiña agora, xa comentamos que o monllo de textos agrúpase ao longo de quince anos, sobre os procesos de construción temporal dos acontecementos e de como estes acaban por ser percibidos pola sociedade, da forma na que o pasado volve ao espazo próximo, ao presente, na liña  sinalada intuitivamente por Croce ou Gramsci de que a historia é sempre contemporánea ou, en coincidencia inversa, por Marc Bloch: “... sen contemplar o presente é imposíbel comprender o pasado...”, A estraña derrota, 1940.

Esa viraxe metodolóxica apunta na liña de Anderson, Hobsbawn ou Nora  de aproximarse ao pasado privilexiando os compoñentes simbólicos e culturais sobre os acontecementos políticos, organizativos ou económicos, preocupándose menos dos feitos e máis da recepción social dos mesmos.

Remato cun terceiro retallo. Nalgún momento referímonos á escasa presenza  institucional  da expresión nacional. Vén de rematar o autor unha xeira dunha ducia de anos á fronte do Consello da Cultura Galega, unha institución emanada do Estatuto de Autonomía e rexido por Lei do Parlamento de Galicia. Un dos máximos niveis de representación institucional. Afeitos a que as institucións, non falamos só das actuais, que tamén, viren as costas á  cultura nacional imaxinada e que os poderes públicos e privados a neguen e xibaricen, reducíndoa a un asunto literario, é de agradecer esta ousadía de pensar e facelo dende a presidencia dunha alta institución autonómica. Trátase dun mangado de ensaios atrevidos e útiles para pensar a nación, a cultural e a política.

Gondomar de Miñor, entre xuño e xullo de 2018




Ningún comentario:

Publicar un comentario