xoves, marzo 14, 2024

Roturiñas


    Como un xa vai virando décadas, o ano que ven agardo gañarlle o pulso a outra, ás veces emerxen do fondo dos espellos do corredor, como dirían o Ferrín, ou Borges, palabras perdidas, baleiras do vello significado e mesmo de significante.

    Hai décadas descualificabamos, con natural paixón democrática e pretensión revolucionaria,os que pretendían readaptar o réxime dos militares facciosos, e fascistas, bendicidos pola igrexa,  aos, daquela, novos tempos. Pola contra, defendiamos un proceso “ex novo” que empatase, cando menos, coas raiceiras da república bombardeada. Ben o saben os que viraron décadas, o debate era reforma ou ruptura. Sabémolo mellor os que fomos derrotados no combate político e ficamos sós.

    Asentouse a reforma transicional, acordada polas masas en votación tal día como hoxe, cando escribo estas liñas, de hai 45 anos, e imposta pola forza dos diversos e múltiples poderes. Pouco máis dun 25% da poboación española pode recordar, por vivilos con conciencia, aqueles anos finais da década dos 70 do pasado século. O resto é coñecemento inducido polo poder, os medios, a escola… e “Cuéntame”.

    Dende o sosego dese certo escepticismo que achega o paso das décadas, un non deixa de albiscar nos iracundos e hiperbólicos debates actuais certas sombras dos daquela altura.

    Se xa foi o ínclito José María Aznar quen se referiu a unha “segunda transición” para anunciar o seu ascenso aos ceos da Moncloa, sinalar o fin da fase gonzaliana de pura e brutal adaptación ao modelo transacionado en 1978 e recuperar o poder eterno, que nunca perdera, para a dereita madriespañola. Dicíao el, arteiro, que nin votara a prol da constitución por considerar que se afastaba das patrias esencias do réxime a reformar.

    Por razóns xeracionais, aínda que non só, case sen se decatar, as sociedadesmudan. E tanto. Algúns, por optimismo da vontade, intuímos, con ledicia innegábel, non unha ruptura co réxime apalabrado daquela, senón a corrección dos seus aspectos máis “casposos” cunhas cantas “roturiñas”, evidentes no que a dereitos individuais se refire, pero tamén nun certo troco, nos grupos de idade hexemónicos, na consideración a respecto das cuestións nacionais e culturais pendentes.

    Cumpriría tamén que, tan pronto toque, que será cedo, acheguemos o que poidamos á nosa “roturiña”, para o que é preciso nin ficar na casa nin equivocarse con quen a pode facer.

    Cómpreme aclarar que a expresión “roturiñas” non é da miña colleita, senón dun prezado amigo que sempre me asombra coa súa clareza e instinto político.

A Nova Peneira, decembro de 2003

                                            


     

Ningún comentario:

Publicar un comentario