xoves, xuño 04, 2015

Dunha a outra beira*

Memorial en Monçao 
O dous de novembro de 1823 José Arias Teixeiro foi elixido “por unanimidade de votos” como “Comandante general de los Batallones que componen este cuerpo de realistas...”. Cinco días despois o Tenente coronel Rafael del Riego era aforcado en Madrid. Remataba o trienio liberal, regresaba o absolutismo. O líder absolutista miñorán aínda daría ben voltas ata a súa morte e soterramento en San Pedro da Ramallosa. Esta primeira e exitosa acción de armas do señor de Pías foi posible pola xenerosa axuda dos “miguelistas” portugueses que o protexeron e axudaron a tomar Tui. Non imos ir a tempos tan recuados, só sinalamos o feito para reforzar a tese da permeabilidade política e económica, e escasamente coñecida, da raia galego-portuguesa que sostén Dionisio Pereira no seu último libro:Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940),Através Editora, 2013.


Os procesos migratorios teñen marcado a realidade contemporánea de Galiza e de Portugal, dun xeito especial no período de referencia. Da emigración silenciosa portuguesa aos ámbitos rurais do país galego, de emigración económica, da “andoriña” pero tamén da asentada e integrada nas áreas periurbanas, de solidariedades de clase como o iniciático Congreso de Tui de 1901 do que xurdiu a Unión Galaico-Portuguesa, fálanos Pereira. Mais tamén da emigración política, dos exiliados monárquicos, os “paivantes”, e dos exiliados republicanos acollidos na Galiza durante os breves anos da II República, entre eles o Presidente Bernardino Machado, asentado na Guarda ata que a presión do “Estado Novo” afastouno ata A Coruña, ou do que fora xefe do goberno, Afonso Costa, que residiu en Baiona durante unha temporada e acudiu á cea coa que os galeguistas baioneses agasallaron a Castelao e Bóveda despois dun mitin en outubro de 1932.

Pereira leva tempo dedicándolle atención ao estudo da represión sufrida polas persoas de cidadanía portuguesa durante o período de terror que desencadeou o golpe militar de xullo de 1936. Este traballo é unha sistematización desta preocupación de Pereira que realiza coa mesma paixón e rigor aos que nos ten acostumados nos seus múltiples traballos sobre o anarquismo, o sindicalismo, a represión franquista ou o patrimonio marítimo.

Dionisio Pereira foi un dos impulsores do memorial instalado en Monçao en 12/05/2012. Naquel relatorio figuran 56 nomes de vítimas de fusilados tras parodias de consellos de guerra ou “paseados” como resultado de decisións de asasinos convertidos en xuíces divinos. As investigacións de Pereira elevan xa o número “mínimo” a 63. As dificultades para achegar máis precisión son moitas tanto pola castelanización dos apelidos como pola posibilidade de que moitas das persoas catalogadas como “descoñecidos”, e non identificados posteriormente, fosen de nacionalidade portuguesa.

Como actuou o goberno portugués en defensa dos seus cidadáns? “... cumpre dizê-lo com rotundidade: das dúzias de episodios em que quarenta cidadãos de nacionalidade portuguesa foram executados de maneira extrajudicial na Galiza entre finais de julho de 1936 e 1940, a que deveríamos acrescentar os casos doutros oito connacionais presos e falecidos por maus tratos nas cadeias franquistas, tão-só um, (…) figura na documentaçao consular depositada en Lisboa no Arquivo Histórico-Diplomático dependente do Ministerio dos Negócios Estrangeiros luso. Do resto silêncio...” (p.156), afirma Pereira. É a concreción do que o profesor Fernández Prieto denomina no limiar: “interessada conivência do regime de Oliveira Salazar com o golpe promovido por militares “africanistas””.

“Anti-sepulcro”, un fermoso texto lido en Monçao hai agora tres anos pola antropóloga Paula Godinho, pon epílogo a esta nova achega dun dos principais investigadores na historia contemporánea de Galicia que antecede a un anexo cunhas micro-biografías das vítimas portuguesas da persecución franquista e salazarista, nunha e outra beira, á que se achega Pereira no capitulo dedicado á persecución e á solidariedade na “raia seca”. Solidariedade contra o apagamento da memoria das ditaduras que nos achega unha vez máis Dionisio Pereira.


* Publicado en Novas do Eixo Atlántico, maio 2015


Ningún comentario:

Publicar un comentario