Para Antonio (Juan) Valverde
O meu tío-avó Nilo era ben aproveitadiño. Participaba da común cultura das
“tres erres”, agora de moda. No seu tempo, sen innecesarias teorizacións
verdes, as xentes reducían, reciclaban e reutilizaban o que pillasen por
diante. Ora, como o meu tío-avó, poucos. Cando se furaba un penico ou unha pota
poñíalle uns remaches, ata que o penico, ou a pota, era máis remache que outra
cousa.
Nunha esquina do nabal, protexida por un peche de canas, que refacía cada
ano, coidaba unha extensa colección de plantas aromáticas ou medicinais,
arrexuntadas unhas enriba doutras para aproveitar ben o espazo. Arredadas
contra o valo ou o peche, polas beiras do fiúncho e do anís, da sarxa e do
romeu, do ourego e do tomentelo, da menta e da herba luísa, gustaba de ter “as
súas flores bonitas”: rosas, gardenias, hortensias... pero as floriñas
cativeiras (caléndulas, pensamentos, petunias, alegrías, begonias,
xeranios...), que apañaba nos labregos xardíns da veciñanza, gustaba de metelas
en penicos remachados, potas vellas ou algunha que outra almofía, nunha
exhibición de discutible estética, pero que lle resultaba moi cómodo para
arrincarlle as herbas malas ou movelas de sitio cando lle viñese ben.
Na carpintería facía o mesmo. Aproveitaba a ferramenta ata que non daba
máis de si, aínda que a tivese nova, pois o avó, de cando en vez, agasallábao
cun serrón ou un berbequí. Cada unha no seu sitio, nos caixóns da mesa de
traballo, tiña garlopas, aixolas, trenchas e formóns que afiaba con tino. Nunha
ocasión unha gubia era tan vella que ao andar a labrar nunha madeira que debía ser
algo dura, partiulle e, co impulso, espetou, o que quedou no mango, nunha man.
A ferida foi de consideración. Os avós coidáronlla e nin abriu a boca. Horas
despois o avó botoulle unha reprimenda do nabo por andar sempre coa ferramenta
vella e ameazouno con baleirarlle os caixóns de toda aquela trapallada.
Acordoume o meu tío-avó e as súas vellas ferramentas porque acabo de levar
unha boa alegría. Onte recibín un chamado á cidadanía denominado “Manifesto
pola unidade” encabezado pola frase “O día da nación galega, o día de todos/as”
no que se fala da defensa das persoas, dos dereitos colectivos, de vontade
común e tamén de ilusión, entusiasmo, e de “nos reunir nunha celebración que
diga claramente que as divisións nos debilitan e nos encamiñan á insignificancia,
mentres a unión multiplica as nosas forzas para procurarmos as ferramentas
necesarias que nos permitan decidir...”. O escrito está asinado por persoas,
non por organizacións políticas ou colectivos que apelan a outras persoas e
tamén aos partidos, ou o que sexa, para expresar xuntos a nosa vontade de
nación.
Cando curou a ferida o meu tío-avó Nilo, repasou unha por unha as vellas
ferramentas e reciclou o que puido que non foi moito. Decatouse de que as que
lle regalara o avó traballaban mellor e tiñan anos de utilidade por diante.
Como case, case nos últimos corenta anos, agardo poder pisar de novo as
rúas compostelás o vinte e cinco. Este ano será ben diferente a moitos dos
últimos. Irei con ilusión e coa esperanza de que as novas ferramentas traballen
ben a madeira.
*
Publicado en Novas do Eixo Atlántico, xullo, 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario