Un bo amigo leva anos botando números. Nun cativo
caderno argallou un calendario, como o dos presos, cos días e meses que lle
faltan para xubilarse. Sabe ata o último céntimo do que vai cobrar para poder largarse.
Desbotou a amada florentina (a cidade, non a muller) e decatouse de que camiñar
por Bellvedere, atravesar o Arno pola Ponte Vecchio e pousar nun café da Piazza
della Signoria, era un exceso orzamentario que non se podía permitir coa súa
pensión de profesor.
Virou os ollos cara ao leste. Cando novo quedara medio
birollo de tanto mirar para Moscova. Foille doado. Agora anda, ou mellor
andaba, en debates existenciais sobre en que cidade das terras chas da ribeira
do Po, unha vez atravesados os Apeninos, asentarse. Se facelo en Módena polo
pracer de ollar Lamborghinis, Ferraris e Maseratti ou decidirse por Parma polo
gusto do parmigiano e o xamón e a devoción por Sthendal.
Nacionalista dende mociño é dos que se irrita ao
escoitar outros nacionalistas dicir “é o país que temos”; daquela, exaltado,
chega a ser faltón e cualificar o que tal di, moitas veces amigo, de pailán e
prosma para rematar afirmando “é a xente que temos, deixa o país en paz que non
che fixo ningún mal...”
A última vez que estiven con el andaba riseiro, mesmo
falangueiro... Ao saír da Quintana demos un atropelado paseo entre saúdos,
apertas, chiscadelas e sorrisos naquela riada de xente que alí se xuntou.
Despois fomos xantar. Recuperara o ánimo e mesmo unha certa confianza na xente.
Ao mellor é certo isto de que a “cidadanía” se impoña aos aparatos, mesmo pode
haber vontade de xuntar forzas, persoas, de recompoñer o espazo nacionalista,
de que este recupere a hexemonía nunha esquerda plural e diversa, de facer
afociñar o bipartidismo, de rozar o camiño para a Xunta, de rematar co
fratricidio, de actualizar o discurso, de dignificar a lingua, de inverter o
camiño do lento devalar cara ao abismo, de que non teñan que ser os anuncios do
Gadis os encargados de levantarnos a paletilla..., todas estas reflexións
brotaban dos seus beizos cun sorriso permanente.
Mesmo durante dous meses esqueceu o de cruzar os días
do seu particular calendario. Andou por reunións, acudiu a asembleas duns e
doutros, falou con estes e con aqueles, chamou a amigos e amigas cos que non
era doado coincidir, asinou manifestos, chamados, escritos..., enviou correos,
deulle ao chirimboliño do facebook para que a xente soubese que lle gustaba e
que compartía as novas de ilusión...
Hai quince
dias recibín a súa última chamada. Díxome: estou en Módena; pedín a excedencia
e vou resistir os meses que me quedan para a xubilación co que teño aforrado.
Penso dedicar a vida a pasear e tomar lambrusco, vós ide tomar polo... Non
rematou a frase, colgou antes. Pouco despois recibín un correo coa foto dun
Ferrari aparcado diante do Duomo. É certo!! autoexiliouse en Módena, dixen con
certa incredulidade.
* Publicado en Novas do
Eixo Atlántivo, novembro, 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario