xoves, xaneiro 07, 2016

2016


O pasado 20 de novembro cumpriuse o corenta cabodano da morte de Franco. O próximo 18 de xullo será o oitenta aniversario do comezo da guerra de España, perversamente denominada “civil” coa pretensión de ocultar a realidade dun golpe de estado (unha sublevación militar-fascista) auspiciado por certas elites económicas, autoridades eclesiásticas e unha maioría do exercito para impedir a consolidación dunha república democrática e dun estado formulado ao marxe do modelo uninacional; ao tempo que pretende ignorar a súa contextualización internacional: crac do 29, Gran Depresión, auxe dos fascismos e Segunda Guerra Mundial.


Dous ciclos longos que ben poderíamos denominar “franquismo” (1936-1975) e “postfranquismo” (1975-2008). Mesmo se queremos concretar, de xeito innecesario, dende o 18 de xullo de 1936 ata a data da morte de Franco, o primeiro; dende esta data ata o 15 de maio de 2011, en que tomou carta de natureza a mudanza política que estourou coa crise do 2008, o segundo.

Corenta anos con Franco e outros corenta sen el. Nesta simple afirmación, que a unha grande parte da cidadanía española non lle chocaría en exceso, está resumida a cerna do réxime do 78, deseñado e construído baixo a alongada sombra do ditador. O franquismo foi unha ditadura terrible que non deixou de matar ata poucos días antes da desaparición física do ditador pero tamén unha construción cultural, política e ideolóxica (o uninacional-catolicismo-militarismo) que impregnou a vida da cidadanía española durante corenta anos e coa que non só non rematou a denominada “transición” senón que a consolidou tras o 23F no que a monarquía, restaurada polo ditador, quedou lexitimada como elemento de reconciliación bendicida e antitética coa República xeradora de guerra, división e enfrontamento. Tanto confusión debería comezar a aclararse aínda que sexa tarde, excesivamente tarde.

A Gran Depresión levou, politicamente, o mundo á extrema dereita en case todo o planeta e iniciou o que se ten denominado o ciclo dos fascismos que a “alianza insólita”, diría Hobsbawn, entre comunismo e capitalismo liberal derrotou en 1945. Este, o fascismo, sobreviviu, cos seus matices, en España e Portugal. Nos estados ibéricos o remate non foi idéntico: o 25 de abril puxo fin ao salazarismo; o réxime do 78 deulle pulo as novas, e vellas, elites neofranquistas. Nisto consiste a “diferencia española”: a ameaza dunha nova intervención militar alicerzou o pacto entre sectores do franquismo e do antifranquismo. Non é tempo de xulgar aquel momento, senón de coñecelo. Aínda que andemos moi encerellados e acelerados nestes anos de cambio de ciclo, cumpriría aproveitar a infausta celebración para revisar un relato en gran medida descoñecido e, en boa parte, inzado de mentiras.

Fariamos ben en lembrar a Hobsbawn: “Os historiadores serven para lembrar o que outros queren esquecer”. Tamén a Marx cando nos lembrara que a historia non se repite a non ser a xeito de farsa, pero tampouco deberíamos esquecer aquela ironía de Mark Twain de que a historia non se repite pero as veces rima.






Ningún comentario:

Publicar un comentario