“Rachando a ilusión da irmandade comunista e o
espellismo da existencia dalgún tipo de nación soviética supraétnica, os
conflitos nacionais xurdiron con forza apenas iniciada a perestroika”,
escribiamos, a seis mans, hai ben anos1,
para o IGADI que daquela dixixía, esegue a dirixir con acerto
Xulio Ríos. Eramos, eu cando menos, moi gorbachovianos.
A perestroika naceu ordenada e liderada polo sistema
soviético ata o punto de ser o incombustible ministro de asuntos exteriores
Andrei Gromyko quen propuxo a Mikhail Gorbachov, o membro máis novo do
Politburó, como secretario xeral do PCUS. O último membro da vella garda de
Stalin (e evidente representante da xerontocracia soviética) dáballe o relevo a
un mozo reformista e afastábase ao cerimonial cargo de Presidente do Soviet
Supremo da Unión Soviética. Era o mes de marzo de 1985. Dous anos despois o
novo líder soviético escribía “... a perestroika é unha revolución. Unha
decisiva aceleración do desenvolvemento económico e cultural da sociedade
soviética” e continuaba: “declaramos que pola súa esencia, o seu atrevemento
bolchevique e o seu ímpeto social e humano, a traxectoria presente (da perestroika)
é unha consecuencia directa dos grandes logros iniciados polo Partido Leninista
nos días de outubro de 1917”. Para moitos, Gorbachov2 era
un falabarato, para outros un cínico, algúns considerábano un traidor e outros
seguimos a pensar que era un reformista desbordado pola dimensión das súas
pretensións. O 25 de decembro de 1991 a URSS deixaba de existir. Moitos
comunistas non llo perdoaron nunca e aínda hoxe seguen a pensar que a desfeita
da Unión Soviética e a desaparición do modelo chamado do “socialismo real” foi
obra deste pérfido personaxe. Outros preferimos aprender daquela experiencia
que nada é para sempre e que na historia, ás veces, prodúcense acontecementos
imposibles de imaxinar para as persoas que os están vivindo, pero que despois
atopan unha explicación lóxica. Quen lle diría ao portavoz do goberno da RDA e
membro do Politburó do SED, Günter Schabowski, que as súas dúbidas na rolda de
prensa e o seu mínimo erro na resposta aos xornalistas ía provocar o barullo da
noite do xoves 9 de novembro de 1989 e a caída do muro de Berlín, ou quen podía
pensar que a requisa de mercadorías dun vendedor ambulante, Mohamed Bouazizi,
por parte da policía tunesina remataría con este queimándose na praza e
desencadeando o que xenericamente chamamos “primaveras árabes”; ou que a morte
de Emily Davison aos pes dun cabalo no Derby de 1913 ía xerar as manifestacións
de apoio ao dereito a voto das mulleres como, magnificamente nos ben a recordar
o filme de Sarah Gavron3.
Non se asuste a hipotética persoa
que heroicamente chegou ata esta liña, non pretendo falar daqueles tempos idos
senón dos actuais con motivo da lectura dun libro que pouco máis que no seu
título fai referencia á perestroika como expresión dunha mudanza impulsada
dende o propio sistema. Estoume a referirme ao último libro de Jaime Miquel4,
un xeógrafo que leva mais de trinta anos investigando o comportamento electoral
e ben coñecido entre nós polos seus lucidos artigos en La Voz de
Galicia. O volume está asinado o 11 de maio de 2015. Ollo á data pois,
do que realmente nos vai falar o autor é dos resultados que se producirían seis
meses despois, o 20 de decembro, e da análise das súas consecuencias.
“En conclusión (di Miquel, a quen
traducimos) ... a gran coalición formada por PP e PSOE terá que impulsar un
proceso constituínte, coa participación directa dos cidadáns e pactando coas
forzas políticas depositarias da nova orde. Unha nova constitución que
confederará tres territorios (País Vasco, Cataluña e o resto), se así o
decidisen as persoas, ou incluso catro, se se incluíse Portugal, nun proceso
onde, finalmente, someterase a referendo a propia monarquía” (p. 381) xa que
“Non é razoable contemplar outro escenario postelectoral que non sexa o que
reúna ao PP e ao PSOE nun bloque de goberno capaz de suxeitar a orde de 1975,
para impulsar a súa reforma... “ (p. 375) e “Está entendido e asumido por todos
que a gran coalición destruirá ao PSOE pero este partido xa está destruído en
calquera situación postelectoral ...” (p. 376) e “... o aliado inequívoco da
orde nova, ou quen a estaba a necesitar con urxencia, e a estaba propiciando,
era a monarquía de Felipe VI” (p. 385)
Nin que dicir ten que os resultados
previstos por Miquel foron os que se produciron, sempre en datos macro, e así
quedamos, encerellados neste autentico sen vivir no que andan envolvidas as
elites, coido que menos a cidadanía, españolas e que vén botar máis leña ao
lume prendido tras os resultados do 27 de setembro en Cataluña e que, semellan,
nos dous casos e cando escribo estas liñas, que terán que resolverse nunha
segunda volta non prevista e menos desexada. Ora ben, cómpre lembrar que os
resultados non sempre obedecen á lóxica numérica; moito menos en política que,
como acción humana, depende, con frecuencia, doutros moitos factores, ás veces,
en aparencia, irrelevantes, como saben ben os historiadores do mundo
contemporáneo que prestan cada vez máis atención a eses pequenos detalles.
Por exemplo neste 2016 cúmprese o
oitenta aniversario da sublevación militar que iniciou a guerra de España co
seu corolario, corenta anos con Franco e outros corenta sen el, pero co seu
espírito levitando. Esta “peculiaridade española” condicionará a moitos
deputados e deputadas á hora de apoiar a “Große Koalition”; dun xeito moi
especial aos que tivesen que facer de muleta.
Feitas estas observacións o libro de
J. Miquel é de sumo interese tanto para aquelas persoas que teñen relación
directa co devir electoral como para aquelas outras preocupadas
profesionalmente, ou non, pola sociedade de hoxe e a do mañá máis inmediato. Os
datos que achega e a súa interpretación son de tanta utilidade como para, sen
xogar a adiviño, prever e levantar acta, a través do comportamento electoral da
cidadanía, dun período da historia de España que está a desaparecer, o do
réxime da Segunda Restauración.
Interesoume a súa descrición da
sociedade española: “un Estado soberano do suroeste da Unión Europea, unha zona
de mercado e unha das rexións máis ricas do planeta (...). Somos algo máis de
42 millóns de habitantes de nacionalidade española e ao redor de cinco millóns
de estranxeiros (...) O primeiro grupo está distribuído en catro xeracións
(...)
·
Os nenos da guerra. Nacidos antes do ano
1939, suman algo máis de catro millóns de persoas (...)
·
Os nenos da autarquía. Nacidos entre os
anos 1939 e 1958, os máis novos de entre eles teñen agora 57 anos e suman nove
millóns de persoas.
·
As dúas xeracións anteriores deron paso a unha
terceira os reformistas. Nacidos entre os anos 1959 e 1973, son
máis de 9,5 millóns de persoas.
·
Cuarta xeración, a máis nova, chameille os
novos cidadáns. Son case que vinte millóns de persoas nacidas despois do
ano 1973; os maiores roldan os corenta anos e máis de 12 millóns están
convocados ás urnas en 2015” (p.17).
Se pasamos os datos a porcentaxes, a
primeira xeración sería sobre o 9%; a segunda o 21%; a terceira o 22% e a
última o 44%. E se facemos o mesmo coa poboación galega teríamos que o 12,5%
sería o “grupo da guerra”; o 16,5% o da “autarquía”; o 21% os “reformistas” e
un pouquiño máis do 50% os “novos cidadáns”, dos que algo menos de un millón
terían dereito a voto dun total de dous millóns trescentos mil censados
residentes. Non coinciden exactamente os datos galegos cos españois; temos unha
xeración da guerra máis numerosa, a da autarquía e a reformista máis baixa, a
emigración nótase, pero a de novos cidadáns un chisco máis alta. Ora ben, é
evidente que son os que andan por debaixo dos corenta e poucos anos os que
determinaron o resultado das eleccións de maio e do pasado 20 de decembro, como
o farán no previsiblemente intenso ano electoral de 2016.
Para Miquel esta cuarta xeración, a
mellor formada, a que tivo recursos para estudar, a que non comprende o que
pasou, a que de súpeto veu como se esvaecían as súas ilusións e comodidades, a
que vive e coñece a revolución tecnolóxica que provocou a socialización da
“autocomunicación social” (Castells) na que o cidadán dispón e xera a súa
propia información, de xeito desinteresado, rompendo co monopolio da verdade;
esa xeración converteuse nun factor definitivo no mercado electoral, e,
lémbranos, “a cuestión da representación é un mercado”. O outro mundo, o das
tres primeiras xeracións, está “cravado no século XX”, sen estudos ou só cos
primarios, medrou na posguerra ou na autarquía e están formados politicamente
no “postfranquismo”, esa interpretación da acción política predemocrática (“A
Transición política española foi un proceso de transformación legal pactado
entre elites desconectadas da maioría social. Non foi o produto da presión da
sociedade, senón unha expresión dos lugares de encontro entre os poderes
predemocráticos e os partidos de vangarda, que tamén pertencían ás elites”, p.
33). Esa é a visión política que está a morrer, en opinión de Miquel.
O mercado electoral español non é
homoxéneo. Segundo a análise do autor hai tres espazos electorais xa que “A
España entendida como unha soa nación, tanto por Franco como polo pacto de
1978, nunca existiu”, e engade: “A realidade plurinacional superou con creces o
modelo territorial do Estado e non hai reciprocidade política nin convivencia
entre as nacións” (p.18). Eses tres espazos serían o español, o vasco e o
catalán, cun papel determinante deste último xa que no “negocio dos votos, sen
Cataluña non es ninguén. E ninguén, significa ninguén”5 Este
escenario no que as nacións non españolas loitan por romper un estado
uninacional é, na visión do autor “transitorio, porque se o século XXI é o da
unificación política de Europa, as disputas territoriais rematarán (...) Hai
Estados soberanos, confederados e federacións de Estados que se fusionaron en
unidades políticas. A España actual ten un encaixe doado ou natural,
confederando Estados como en Bélxica. Trátase en todo caso de encontrar unha
solución transitoria que resolva o feito da plurinacionalidade dun xeito
converxente...” (p. 89) e esa transitoriedade “non é unha reforma da
Constitución nun sentido federal; unha entelequia da vella esquerda española
que non sabe explicar, porque o Estado das autonomías foi un invento dos
políticos e porque omiten que esa solución non é aceptada polas nacións vasca e
catalá, logo non serve e isto tampouco é opinable” (p. 120), xa que esas
nacións “distintas da española, que ninguén vai españolizar ou castelanizar
xamais, o que suxire un cambio profundo nalgunhas mentalidades e actitudes”
(p.129) pois “España é un dos Estados máis vellos do mundo, pero nunca foi unha
nación” (p.172) e o franquismo conseguiu que todo o que soase a español soase a
predemocrático e centralista e se obviase o asunto, pero a nova situación
obriga á cidadanía a revisar a súa identidade e a definirse entre considerarse
integrante dun estado plurinacional do sur de Europa, xa que a identidade
nacional de parte dos seus habitantes é distinta da española, ou a considerarse
parte dun Estado uninacional do Sur de Europa. En números, uns 14 millóns
inclínanse polo Estado central; uns trece millóns polo Estado das autonomías
actual e arredor de nove millóns distribúense entre un estado federal,
confederado ou outro indefinido no que algúns territorios se independicen. Para
o autor xa non se trata dunha “desafección” co réxime, despois do “desencanto”,
senón dunha ruptura que inicia un novo ciclo electoral con tres partidos
hexemónicos e un cuarto, Cidadáns, dende febreiro de 2015. Esa remodelación do
sistema electoral tamén afectou os espazos autónomos vasco e catalán en que Mas
e Urkullu foron derrotados por En Comú Podem e Podemos respectivamente.
En opinión do autor, o sistema ten
que cambiar o réxime para manter o sistema, e quen ten que facelo é a gran
coalición natural, aínda que iso supoña a pasokización do PSOE, pero iso vai
acontecer igual (xa é o Partido do Sur), e quen ten que encabezar esa
perestroika é o rei Felipe VI, xa que a monarquía é a institución mellor
valorada pola cidadanía, sete de cada dez persoas fano positivamente, incluídas
as republicanas.
Moitos temos dúbidas de que a gran coalición sexa
posible por razóns cualitativas que apuntamos máis arriba e tampouco agardamos
reacción da monarquía, sobre todo despois da exhibicionista posta en escena e
do discurso baleiro do día de noiteboa. “Nin está, nin se lle espera”.
Aínda que Miquel non se detén na
análise electoral galega, que coñece perfectamente, de cando en vez fai
referencias a Galicia non só para gabar a nacionalistas como Jorquera, Olaia
Fernández ou López Rico e Luís Eyré senón tamén para sinalar que “Beiras
equivocouse case dous anos antes creando AGE, porque habilitaba os comunistas
de Esquerda Unida, que eran residuais en Galicia” (p. 133) e “... despois dun
fado interminable, Anova fichou polos comunistas españois desprezando o espazo
electoral de ruptura que conquistara nas autonómicas” (p.112)
Deixei, máis arriba, un paragrafo
escrito que desmenten a miña capacidade preditiva. Afirmaba nel que era posible
que as eleccións catalás se repetisen en marzo; onte soubemos que non será así,
e hoxe, cando remato estas liñas, xa está investido presidente o alcalde de
Xirona do que aínda non aprendemos o nome. Ao mellor Miquel atina e hai
perestroika. Nós so pretendemos recordar que a orixinal fracasou.
En calquera caso teremos un 2016 axitado electoralmente con vascas e
galegas seguras e a posible repetición das estatais; pero sobre todo teremos un
ano intenso en que, agardemos, a política sexa quen de procurar solucións novas
ao vello problema das nacións sen estado, que Cataluña puxo riba da mesa e con
data de caducidade.
1Ríos, X.,
Pellitero, L., Méixome, C.: Rusia. Das orixes á crise dun modelo. Ir
Indo, Vigo 1996 2Sobre a
perestroika e Gorbachov ver Gorbachev M.: Perestroika, Circulo
de Lectores, Barcelona, 1988. Gorbachov, M.: Memorias de los años
decisivos 1985-1992. Globus, Madrid, 1994 Gorbachov, M.:Memorias I
e II. Circulo de Lectores, Plaza &Janés, Barcelona, 1996. Sobre o
período, en especial (1985-1991), ver Fontana, J.: Por el bien del
imperio. Una historia del mundo desde 1945. Pasado&Presente,
Barcelona, 2011 (entre p. 659 e 697).
Ningún comentario:
Publicar un comentario