Pazo do Conde de Gondomar |
Diego Sarmiento de Acuña dedicou
moito tempo e aínda máis esforzos económicos a engrandecer a casa que herdara
dos seus pais en Gondomar pese ao pouco tempo que pasou nela, coidamos que ao
seu pesar, mesmo por impedimentos hoxe difíciles de comprender, como os
descritos nas capitulacións da voda, a segunda, con dona Constanza, nas que
asinaba:
“prometo como quien soy y me
obligo de vivir y morar y que vivire y morare de asiento con la dicha Doña
Costança de Acuña, mi esposa y muger, con nuestras personas, cassa e familia en
esta dicha villa de Valladolid y no saldre fuera della por tiempo que pase de
dos meses un año, eçepto si fuere en la Corte del Rey Nuestro Señor; e si lo
contrario hiziese yncurra en pena de quatro mil ducados de oro… en la qual
dicha pena yncurra e se me execute por ella todas las veçes que hiçiese la
dicha ausençia.”
Aínda así, don Diego nunca esqueceu
as súas terras natais –que lle producían rendas substanciosas- e dirixiu as
obras da casa, con moito detalle, por medio dos seus homes de confianza,
Gregorio de Castro e Lázaro de Losada, que lle irán dando conta da marcha das
mesmas nas que traballa o canteiro máis cotizado da xurisdición de Baiona: Juan
Coello.
D. Diego decidírase a converter a
casa nunha residencia señorial na súa última estancia longa en Gondomar, entre
outubro de 1603 e novembro de 1604, por mor de facerse cargo das naves
portuguesas que, procedentes da India e cargadas con valiosos produtos,
arribaran a Baiona despois de ser desviadas do seu destino lisboeta por unha
forte tempestade. Naquela altura xa estaba asentado en Valladolid; mercara
a Casa del Sole os eidos coñecidos durante moito tempo como Huertas
de Gondomar e fora correxedor da cidade.
En 1605 a propiedade estaba fechada
e bordeada, por dentro da muralla, por castiñeiros; comezara a construción
do cubo ou plataforma do edificio dende o que se divisaba perfectamente Baiona
e Peitieiros e que se orientou cara ao poñente xa que: “Por ser el
monte en lo alto prolongado, no pudo asentarse el cubo en medio…; y asi se
asento a la punta del poniente”, escríbelle Lázaro de Losada. Neste
ano fíxose a fonte, que recibía a auga por medio dunha condución de tubos de
chumbo fabricados por picheleiros de Tui, construída pola
cuadrilla do citado Coello; quen non deixa de queixarse por non poder atender
os moitos encargos que lle reportarían máis ingresos, como no mosteiro de Oia,
ou dos problemas que lle supón ter que desprazarse diariamente dende Baiona
tendo que deixar a súa nova esposa de 14 anos, soa, na casa, cos soldados que
tivo que hospedar.
A casa íase convertendo pouco a
pouco nun lugar desexado, especialmente polos bispos de Tui que foron collendo
o costume de pasar o verán en Gondomar para fuxir da calor. As obras continúan
a boa marcha, en 1608 constrúense os balcóns e os corredores, de novo dirixidas
por Coello a quen don Diego prometera varios favores, entre outros encargarlle
as posibles reparacións da fortaleza de Baiona. En 1610 a casa está rematada,
aínda que en 1611 houbo que chamar de novo a Coello para arranxar a parede das
galerías e o balcón de pedra que cedían. No período entre as dúas embaixadas en
Londres, residindo en Madrid (1619), don Diego pide licencia ao Papa para ter
capela propia e poder dicir misa nela.
Ao mesmo tempo D. Diego foi
consolidando o morgado que herdara do seu pai García Sarmiento de Sotomayor,
quen á súa vez herdara do seu os lugares de Peitieiros e Morgadáns. No
testamento D. Diego precisa o morgado: os lugares de Vincios e Gondomar coas
súas rendas, a casa principal de Gondomar coa súa horta de laranxeiras, a viña
e o pombal e rendas das alcabalas (imposto do 10% sobre o que se vendía ou
permutaba) de Santiago, Valdeorras e Tui. Para aumentalas investiu 119.000
marabedís da venda das alcabalas de Xerez, herdadas pola súa muller, en mercar
as alcabalas de Gondomar e Valmiñor, Bouzas, Ribas de Miño e Tebra.
Os desvelos por consolidar o morgado
en terras galegas non terían moito éxito por mor da morte do primoxénito Lope
Ambrosio e as disputas posteriores coa viúva deste.
Tantos esforzos tiveron ademais que contrarrestar os
continuos reproches da súa muller que lle recriminaba o continuo malgasto
na casa de Gondomar e noutras afeccións como a bibliofilia, ambas pouco
comprensibles para unha mentalidade tan práctica como a da flamenca Dona
Constanza.
A morriña tamén se apoderaba de don
Diego cando lle escribía a Zúñiga, en 1622, dende Londres: “porque no ay
jardines en Inglaterra, como los robles y castaños de Gondomar”; seguramente
a súa desilusión sería enorme se chegase a ver os montes miñoráns inzados de
piñeiros e eucaliptos. Nos labores da embaixada e nos gastos, sempre elevados e
que provocaban o malestar do futuro conde, que hoxe chamariamos de
representación, que en moitas ocasións eran de simple “compra de
vontades” ou “corrupción”, fenómeno tan frecuente daquela como na actualidade,
don Diego non se esquecía de incluír regalos de produtos da Galicia e, en
particular de Gondomar, como queda claro nunha carta ao seu amigo, tamén
galego, o Secretario de Estado Andrés de Prada:
“Bien puede vuestra merçed dezir
que venían flotas de vino de Rivadavia y de Gondomar, y de frutas y conservas y
agua de azar y de fuentes; lo hago traer de Galiçia y es aquí estimadíssima.
Anteayer vino aquí de parte del Rey su contralor a escoger una pipa
de vino de Rivadavia que, por ser más dulze y más reçio que el del Gondomar, le
sabe mejor. No me avían quedado de Rivadavia más de dos pipas; eran tan
exçelentes que quiso llevar la prueva de ambas para la comida del Rey, que le
pareçió todo tan bueno que me embió a dezir que ambas le parezían tan buenas,
que no savía qual escoger, mas de que escogía el uno. Dígele que aquello avía
sido echarme a perder, porque me obligaba a enbiárselas ambas, como se hizo.
Los presuntos también dizen que son boos y todas estas cosas no valen real y
medio y, dadas en sazón, se estiman más que en diamantes”.
O Conde foi un dos persoeiros
políticos máis relevantes do seu tempo. O prestixioso hispanista inglés J.H.
Elliott, na súa xa clásica obra sobre o imperio español, di:
“As insistentes referencias de
Olivares á “falta de cabezas” amosan que se produciu un súbito colapso das
clases dirixentes do país ao desaparecer definitivamente a última gran xeración
de procónsules españois, a xeración do Conde de Gondomar”1 .
Noutra obra, o mesmo autor,
referíndose ao Conde-Duque de Olivares, comenta: “O contraste entre o
seu estilo retórico e o dun estadista da xeración anterior, como por exemplo o
Conde de Gondomar, resulta tan chocante como o que ollamos na arquitectura
entre o recargado barroco sevillano e a sobriedade clásica do Escorial”.2 Elliott
non dubida pois en cualificar a D. Diego como un estadista ao que seica está
dedicando os seus traballos de investigación nos últimos anos.
Mais tamén foi D. Diego un home que
se sentía galego, “La vejez y el desengaño ánme puesto ia en estado que
sólo el morir como cristiano y como fidalgo gallego deseo,…”escríbelle en
1614 ao Secretario de Estado Andrés de Prada nunha interesante carta na que
responde ao Pai Bernardo de Brito que no libro Monarquía Lusitana inxuriaba
os galegos. Gustaba do noso idioma que emprega, en ocasións, no encabezamento
ou no remate das misivas; por ese motivo o seu parente Diego Sarmiento de
Sotomayor, señor das Achas e Petán, escríbelle, en 1605, nunha carta en galego:
“e que fixese isto nesta lingoaxe pois e de v.m. tan estimada e por ela me
troufe aquí que coela despertaría v.m. do sono do coRexidor.”. Defensor
dos galegos e de Galicia, escribe na carta a Andrés de Prada:
“ No se hallará, ni por
tradissão, ni por escritura, que gallego alguno aya sido traidor a Dios ni a su
señor, ni se ha visto gallego herege ni judaizante, ni matador alevoso,
ni pueblo rebelado; pues ¿de qué naçión en el mundo se puede deçir esto?, ni
¿qué naçión conquistada sufre sin ofender a su lealtad ni aún con los
pensamientos y lo que sufre Galiçia?, que ha sido la conquistadora de lo que oy
poseee la Monarquía de España, puesto que sobre aquel çimiento y el de Asturias
se extendieron, los reynos y se fueron ganando a los moros por Portugal y por
León; además de que esta cabeça conquistadora y matriz es governada en lo
espiritual y temporal por forasteros, que lleban sus thesoros, sus trabajos y
su sodor, y henrriquesen las otras tierras de donde son naturales.”
Mesmo ten D. Diego unha visión ben
distinta do proceso de formación dos reinos medievais da que se configurou no
s. XIX pola historiografía oficial española, como afirma na mesma carta:
“Éstas son las partes del gallego
y el convatiente que nos dan sus naturales para honrra y gloria de la Monarchia
española. Veamos si ay otro reyno que pueda deçir de si estas calidades. Fue
Galiçia reyno y sus reyes tubieron este título primero que ninguno otro de
España…”
* Publicado en Faro de Vigo, 27 de
marzo de 1999
Ningún comentario:
Publicar un comentario