mércores, xuño 08, 2016

Paseo compostelán*


      Gusto de Riveiro por que é garante dun texto coidado, puído, sen petulancias, que discorre cunha aparente sinxeleza, resultado da teimosía correctora que nos atrapa co seu persoal estilo de narrar, e tamén porque gusto, como Borges, de “gabarme daqueles libros que me foi dado ler”. Os elefantes chegan tras catro anos soñando e enfiando historias narradas como nun filme de grande orzamento cunha cámara nos ollos de cada protagonista. O autor responsabilízase da montaxe e imprímelle o seu carácter á obra.

    A nova entrega de Riveiro cheira a Santiago. Hai moitas novelas de ambiente compostelán, pero nesta a presenza da cidade é absoluta. A eufonía dos seus nomes domina cada páxina.

      Absolutamente contemporáneo, desenvólvese nos derradeiros días de 2012. Non é pola contra, un relato interxeracional malia estar presentes tres xeracións: a da guerra; a “reformista”, a da “transición; e a da nova cidadanía, a da protagonista. Esa xeración, á que lle roubaron as ilusións, percorre a novela da man de Janis e de Nela. A primeira, de brillante expediente académico, atende persoas maiores mentres agarda a convocatoria de oposicións. A segunda, desafiuzada cunha filla, sobrevive como música de rúa mentres procura alimentos nos contedores do lixo.

      Este é o pano de fondo sobre o que Riveiro Coello entretece unha manchea de historias contadas en primeira persoa e que chega, na miña opinión, a un elevado nivel literario na “terceira parte” cando seis personaxes describen dende as súas persoais perspectivas a cea de Noiteboa. Un pano tecido con catro fíos: a memoria, a culpa, a morte e o amor.

      Mais a novela ten o seu “Piece of my heart”, a banda sonora da infancia de Janis. Hai esperanza, aínda que limitada pola idade e o corazón de Constantino e sobre todo pola ausencia de perspectiva social, política, laboral e persoal da protagonista. O amor xorde inesperado pero intenso, cunha forte carga erótica, dominado pola incerteza, polo instante, pola brevidade, pola inexistencia de sólidos proxectos de futuro: “prefiro vivir un tempo aquí, contigo”.

* Publicado en Tempos Novos

Ningún comentario:

Publicar un comentario