luns, outubro 03, 2016

O éxito do fracaso e o fracaso do éxito *

O empacho foi moito. Mesmo algunhas convidadas contiveron, con dificultade, as arcadas; outras non foron quen e arroxaron o viño acedo e excesivo. A saturación foi tanta que ata os pragmáticos renegaron  do “que haxa eleccións para ver se invitan a algo”.

Entre maio de 2015 e setembro de 2016, houbo catro enchentes de papeletas, sobres e urnas. A fartura, e as présas, deixaron a uns con arrebatadores momentos de triunfo, virados, de súpeto, en depresoras frustracións; outros pasaron de que lle rexeitasen o convite a sentirse únicos pretendentes; os de máis alá, no seu intento de saír do pozo no que caeran, fóronse agarrado aos ramallos que puideron pero todos lle foron partindo e afundíronse a si mesmos; os de máis acó remataron ledos  por pasar do estado de coma ao de respiración asistida. O que ficou evidente, para desgusto de moitos, é que as cousas xa non son como eran.


Mentres en España non dan arranxado porque o réxime do 78 segue en crise, polas dificultades para consolidar un goberno das grandes empresas, pola incapacidade das auto-reclamadas esquerdas tanto de poñerse de acordo como de non ser quen de acoller un proxecto confederal, ou cando menos federal crible.

Entre nós, houbo un claro vencedor, o espazo avellentado, conservador, de ir tirando, do “mal menor”, de “que nos deixen en paz”, de que non queremos a lea de Madrid...; e un claro derrotado, o que pretendía anovar, innovar, debater, recuperar dereitos perdidos e esperanzas frustradas. Pero aínda máis masivo foron os que ficaron na casa ben porque a autonomía non lles importa, ben porque as alternativas aos de sempre non foron quen de ilusionalos, ben porque saiban que tres alternativas non son quen de derrotalos ou ben porque non confiaron na capacidade de entendemento como algúns teñen demostrado irresponsablemente na corte capitalina española.

No noso país, as elites políticas e económicas forxadas despois de 1936 mantéñense invariablemente no poder. Oito décadas nas que só cederon, con morneza, catro ou cinco anos. Non foron, as alternativas ao bipartidismo, o suficientemente espelidas como aproveitar en plenitude o ciclo do cambio; pero este aínda non rematou e agrávase co declive dos modelos partidarios do século XIX. O pulso entre as faces bipartitas resolveuse cun claro vencedor e un derrotado estourado e en serio perigo de ser subsidiario. Nos ámbitos alternativos xorde, con forza, un espazo que segue a ser insuficiente e inestable, sobre todo polos desaxustes na súa composición, e outro que se consolida na inoperatividade do 8%.

Esta realidade é interpretada polos medios: o éxito dos conservadores é importante non para a cidadanía galega que foi a que votou, senón para resolver o entorto de Madrid; o sorpasiño predito, pola mesma razón, para forzar un goberno da dereita que poida aglutinar deputados para combater o “desafío catalán”, cumprir coas receitas austericidas da troika  e impedir hipotéticas alternativas de goberno; finalmente, os de máis alá, fracasan porque non teñen o éxito que os medios dicían que tiñan que ter, e os de máis acó teñen éxito porque o fracaso foi menor do que se agardaba.

En principio teremos, ata maio de 2019, un largo período sen confrontacións electorais, tempo, aparentemente, suficiente para que as forzas alternativas sexan quen de coordinarse, facer visible o seu traballo lexislativo e de control do executivo, e que este, cos seus matices, sexa a base dun programa de goberno común da esquerda nacionalista galega e da esquerda non- nacionalista-española, coa seguridade, transmitida por persoas concretas, de que ese programa de goberno conxunto só se pode soster nun amplo e dúctil consenso en todo o que se poida, e o que non se poida fique, temporalmente, fóra do programa común. Se estas condicións non se cociñan con tento e séguense presentando fraccionados en tres alternativas non vai ser moi doado desaloxar do poder aos que consideran que exercelo é algo conxénito a si mesmos, un traballo exclusivo deles, isto é, dos de sempre, e aos que, tarde ou cedo, todo se lles perdoa, que enchufen na administración fillos, parentes, amigos ou coñecidos do partido; que rouben e dilapiden o que poidan (total se eu estivese no seu lugar faría o mesmo !!!, escóitase). Nos centros comerciais hai doses baratas de moralina para estas ocasións e para os casos máis extremos hai unha manchea de ONG algunhas  moi xeitosas para sandar as malas conciencias peseteiras (lease euros). Por iso sería moi importante aglutinar as dúas alternativas que poñen ben en dúbida ou ben abertamente en cuestión o réxime do 78. Se esta unidade popular non se consegue, é moi alta a posibilidade de que o goberno do PP, máis ou menos castigado pola xustiza, chegue sen moito desgaste  ás lexislativas de 2020 e poida facer un relevo tranquilo para encetar un ciclo de tres ou catro lexislaturas máis. Entón xa non estariamos en oito décadas do mesmo senón nun século de estulticia, rapina, ineptitude, falsidade, mentira, meter a man no peto, chulerías e macarradas varias... para que seguir...

Un pesimista seica é un realista ben informado pero é moi importante que empregue con tino a vontade de corazón que é o que pode axudar a mudar realidades indecentes. Hai evidentes posibilidade e urxentes necesidades para que esas mudanzas se produzan: deterioro dos servizos públicos; parón do sector industrial; latrocinio das grandes transformadoras e distribuidoras sobre os produtores agrarios;  ameazas sobre as pensións; fuga da mocidade, avellentamento poboacional, que non sexamos atractivo para ninguén (nin para os capitais, nin para a man de obra); deterioro do medio;  necidade cultural, desprezo á lingua o abandono do patrimonio construído... para que seguir.

Ora, neste proceso de sucesivos confrontacións electorais ficou claro que o sistema de partidos nas tres nacións negadas que xa era diferente agora aínda é menos homologable ao do conxunto de estado. En Cataluña e no País Vasco, nin PP nin PSOE suman apoios para gobernar en Madrid en solitario; en Galicia este último esta moi minorizado. A situación é ben grave para o PSOE que non poderá gobernar sen un bo número de deputados cataláns, especialmente de Barcelona. Como tamén terá eses problemas Podemos se non é que de tirarse a caspa españolista e establecer alianzas confederais con movementos próximos pero que van facer da súa cuestión nacional a pedra de toque. Os comúns en Cataluña, as mareas en Galicia e Compromís en Valencia, pero tampouco se sabe moi ben que pode pasar coa reformulación de Podemos en Andalucía e no País Vasco e por riba terán que contar cos abertamente independentistas do País Vasco e de Cataluña, cos máis duros pero tamén cos máis mornos.

Agardo que as leccións deste ano e medio servisen para afirmar o carácter autónomo da formación social galega na que temos que actuar e para abandonar imitacións infantís dos nacionalismos vascos ou cataláns, segundo os momentos de maior ou menor tensión reivindicativa nestas nacións. Sexamos xa quen de entender que o proceso galego é absolutamente autónomo e que nel o avance da conciencia nacional é indisoluble do avance da conciencia social e  viceversa, a toma de conciencia das desigualdades nacionais conduce indefectiblemente  á cuestión fulcral das desigualdades nacionais nos eidos lingüístico e cultural pero tamén no económico. E que para manter viva a reivindicación nacional é preciso concitar os máximos apoios sociais entre os abertamente nacionalistas e aqueles outros que consideran a Galicia como unha nación con dereitos. Nesa ampla alianza deberían compartir espazo os que tiveron éxito porque fracasaron menos do que algúns agardaban,os que fracasaron porque seica non tiveron tanto éxito como outros agardaban e aqueles  que se resisten a que os do IBEX35 lle dean golpes de estado no seu propio partido.

Se o PP tivo 676.676, as tres forzas alternativas sumaron 644.952; os demais partidos que concorreron (87.820); en branco e nulo (28.463), e nin máis nin menos que 816.669 persoas se abstiveron, 36,25% do censo. Así que cunha simple suma houbo 1,577.904 persoas que non votaron ao PP e só 676.676 que si o fixeron, pero estas danlle o poder absoluto para elaborar as leis que desexen e aplicalas da forma que consideren. Un exceso.

A cidadanía galega ben se merece o  esforzo dun xeneroso entendemento e o esquecemento de patriotismos de partido para corrixir esta anomalía e poder  estar presente na próxima reforma constitucional que, máis cedo que tarde, se terá que producir e da que podemos ficar excluída , sen acadar cotas semellantes ás outras nacións ou ben sendo empregada como limitadora dos dereitos nacionais.

* Publicado en Novas do Eixo Atlántico. Octubre, 2016


Ningún comentario:

Publicar un comentario