Xabier Pérez Davila . Alén
da casta. Un ensaio sobre o poder e as clases sociais no século XXI .
Santiago: Laiovento, 2016.
Falaron do capitalismo popular (Thatcher), dixeron que capitalismo e
democracia eran sinónimos, que arribaramos á paradisíaca posthistoria
(Fukuyama) e que os que saían desa verdade inmarcescíbel eran inimigos da
liberdade, fanáticos da relixión ou xentes fixadas no escuro pasado da división
en bloques. Decretaron a fin da historia
e das clases e converteron a Roosevelt e a Keynes en perigosos esquerdistas.
Tremeron cando estourou a crise, pero ante a escasa resposta social seguiron
premendo as caravillas ata xerar o caos en amplas zonas do planeta e asentar o
medo no resto. Declararon a guerra de
clases e vana gañando (Buffett) polo que cómpre reflexionar e sistematizar a
información para destecer o nobelo e develar as súas estratexias; facela
comprensíbel e, sobre todo, facerlle fronte.
A este labor de comprensión do conxunto quere contribuír Pérez Davila co
seu libro. Que hai máis alá dunha verba fetiche e da teatralidade da súa
representación? Hai unha nova estruturación da sociedade, unha nova relación
de clases, organizadas, como di Marx, sobre un remanente que “... sorrí ao capitalista con todo o encanto
de algo que brotase da nada...”. Ao redor da plusvalía articúlanse as clases
sociais -que non son un saco de area (Beiras)- con complexas relacións entre
fraccións, segmentos, grupos que as fan
transformarse, mais que o seu centro segue a ser a apropiación do plusvalor.
Pérez Davila, bebendo en fontes frescas e diversas, achéganos unha
descrición da sociedade resultante da contrarrevolución neoliberal comezada no
remate da década dos anos setenta, cando en España estabamos atarefados nunha
transición da que se fachendean as elites auto-reproducidas. A ese sistema
denomínao “novo feudalismo” pois a súa esencia é a concentración do poder
económico en cada vez menos persoas.
Ora, se a clase corporativa é unha ínfima minoría (o famoso 1%) e o
precariado e as clases desfavorecidas pola contrarrevolución neoliberal (o non
menos famoso 99%), por que estamos a ser derrotados?, pregúntase o autor. Dá
cinco razóns: “a falta de organización
da maioría dominada e a ausencia dun proxecto alternativo de economía e
sociedade, o triunfo ideolóxico e cultural do capital, a ampliación
extraordinaria do exército de reserva de man de obra, a cesión de competencias
estatais a organismos supraestatais non electos, quer dicir, a perda de
soberanía, e por último o fracaso e disolución da URSS”. Unha enumeración que o
autor non entende nesa orde.
Movéndose nesa inestábel e sutil liña que vai entre o pesimismo e a vontade
gramsciana, Pérez Davila reclama unha reacción social, un compromiso activo e a
concertación de forzas plurais e diversas para representar a maioría social.
*Tempos Novos, nº 236, xaneiro,
2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario