O
día no que o fuxido Antón Alonso Ríos acordou transformarse en esmoleiro, pasou
por Gondomar e ollou o poeta e mestre Victoriano Taibo impartindo clase na súa
escola de Morgadáns. Tamén puido visitar
algúns dos seus amigos agraristas ou mestres residentes neste concello. Non o fixo. Pasou de longo,
alcumouse Afranio do Amaral e rispouse das gadoupas da morte coas que o
ameazaban os alzados contra o réxime democrático. O autor dá novas de veciños
de Gondomar que tiveron relación co deputado agrarista e galeguista nas Cortes
da II República.
Os
exercicios de historia contrafactual, isto é, os que comezan cun: e se?, obedecen, normalmente, á ilusión
de que os feitos acontecesen doutro xeito, dunha forma máis aquelada aos
desexos de quen formula o interrogante. Diso debe fuxir quen tome a disciplina
histórica en serio. Non pretendo pois cuestionarme sobre o que puido pasar,
cando ben sabemos o que sucedeu, simplemente vou inventar un percorrido que non
aconteceu, unhas conversas que nunca tiveron lugar, unhas apertas que non
existiron; aínda que todo iso fose posíbel.
Da
importancia da figura política, pedagóxica, axitadora, organizadora, poética,
xenerosa e valente de Antón Alonso Ríos de seguro que non é preciso dicir moito
máis, aínda que siga sendo preciso divulgar con intensidade a actitude de
compromiso daquel quixote que un día xuño de 1931, o 27, na xornada previa ás
eleccións a Cortes Constituíntes, xunto cun pequeno grupo de activistas,
declarou que a solución dos problemas de Galiza non pasaba por integrarse nunha
República Española senón pola creación da República Galega.
Foi
un acto de quixotismo, ben o sabían, mais tamén sabían que cumpría tirar do
carro coa ilusión como divisa e o ouvido atento ás verbas de quen se pretende
representar. Un moito de Quixote seméllanos que tiña Antón Alonso Ríos e así o
lograron amosar, na miña opinión, Víctor Coyote na realización do documental
“Siñor Afranio” e Luís Tosar dándolle
vida ao esmoleiro entre os rochedos de Castro Laboreiro.
Cómpre
difundir o labor daquel Alonso Ríos secretario do Consello de Galiza que se
negou a ocupar a súa presidencia co argumento de que Castelao era
insubstituíbel; daquel Consello de Galiza, lexítimo representante da legalidade
republicana no exilio, que o galeguismo do interior foi esquecendo e que tan
útil sería no transito á legalidade
post-franquista e, no falso xogo da contrafactualidade, que diferente sería a
actual autonomía se naquel 1978 quen presidise a Xunta preautonómica fose Antón
Alonso Ríos, lexitimado pola continuidade democrática, na vez de Antonio Rosón
Pérez, empolicado pola forza das armas sublevadas.
Como
a nostalxia sempre é compañeira das ausencias, lamento que non deramos rematado
a tempo aquel proxecto impulsado pola Consellería de Cultura do chorado bipartito,
o Roteiro do Afranio, no que participamos dende o asociacionismo cultural de
base e que seguro, supoñemos outra vez, serviría para difundir a figura do noso
persoeiro.
Regresando
á realidade factual, o certo é que Antón Alonso Ríos, ao día seguinte de
converterse en pobre de pedir pero cando aínda non acordara alcumarse co
eufónico nome de Afranio do Amaral, pasou por Gondomar. Iso contábao Alonso
Ríos nos cafés de Bos Aires, unha e outra vez, unha aventura tras outra, como
nos lembraba o recordado Mario Rodríguez, que se nos foi neste inverno a
facerlle compaña a outro tomiñés ilustre e loitador, Lito Oliveira. Este da
saga de Daniel Calzado, aquel, o fillo de Paquiño de Figueiró, galeguista,
agrarista, impulsor das Escolas del Porvenir, camarada inseparable de Alonso
Ríos, a quen a ignominia fascista lle arrincou a vida e de Isaura Gómez, a
valorosa protectora do guardés fuxido Xoán Noya e de tantos outros. Mario, aquel
rapaz de Tomiño que lle levaba as menciñas a Castelao, quen aproveitaba para
convidalo a un café con leite e botar unhas parrafeadas, era tamén receptor da
anguria que o Afranio deitaba pola boca do auténtico protagonista.
Mais
vamos con Gondomar. Rematou Afranio-Alonso Ríos, a instancias de Xosé María
Álvarez Blázquez, por escribir a súa historia. E puxo:
“Tiña que me afastar axiña do
partido de Tui. Pola estrada de Tebra cheguei a Gondomar. Xa ía cometer o erro
de meterme, no primeiro empalme, pola que vai a Tui cando un fato de homes e
mulleres, cos que tiña que me cruzar, fíxome virar de ideia e seguín adiante.
Digo que ía cometer o erro, pois de ir por esa estrada seríame forzoso meterme
ao monte co gallo de apartarme de Tui. E un pobre de pedir esmola non compre cómpre
que ande polo monte. E menos compría naqueles momentos. Poucos pasos máis
adiante sae a estrada de Morgadáns. Por ela, que vai bordeando os socalcos,
cheguei diante da escola onde o meu
amigo, mestre e poeta Victoriano Taibo, cun punteiro na man ensinaba nun mapa
unha lección de xeografía aos seus alunos. A porta da escola estaba aberta;
mesmo á súa beira e sentado, cos rapaces facendo roda, ía sinalando os
distintos países da Europa. Sin determe, olleino moi ben. El non apartou a
ollada do mapa. Non se decatou, non, craro, de min, mais nin de que alguén
pasaba por diante da escola. Acordeime -¡como non ía lembrarme!- da miña propia
escola, dos meus rapaces, dun mundo de afáns e degaros que ficaba tan perto e
tan lonxe ao mesmo tempo.
Seguín o meu camiño sen voltar a
ollada atrás. Inda no meu estado de ánimo non deixei de admirar, unha vegada
máis, o feitío xeitoso das leiras traballadas formando escadeiras.”[1]
Do
poeta e académico Vitoriano Taibo[2] tamén cómpre divulgación,
unha relectura da súa obra e un recoñecemento por parte da institución
académica da que formou parte. Chegara a Gondomar en 1930. Tiña cando a
sublevación 51 anos. Probablemente a idade e o relativo illamento en
Morgadáns salváronlle a vida, aínda que
non o librou do desterro, o castigo preferido
polos franquistas para punir os galeguistas. Mandárono para Villalar de los
Comuneros, a vila que inspira as reivindicacións castelanistas non
españolistas, en 1938. Para aló foi coa familia ata que lle deixaron regresar,
en 1942, á súa escola de Morgadáns. Aínda botou oito anos máis na escola da
entidade menor gondomaresa, ata que pediu o traslado para a de Lavadores, en
1950. Catro anos máis tarde, aos 70 anos, xubilarase.
Cando
o xa esmoleiro e futuro Afranio o espreitou, Taibo aínda non era membro da
Academia. Leu o seu discurso de ingreso, sobre Rosalía[3], en 1948, mais era xa un
persoeiro de prestixio no mundo cultural. Publicara Abrente (1921) e Da vella roseira (1924) e era membro
correspondente da Academia nada menos que dende había tres décadas.
Nos
anos mozos, residindo en Compostela, tivera un papel de relevo tanto na
recadación de fondos como na realización do monumento a Rosalía instalado na Ferradura
Compostelá, inaugurado o 25 de xullo de 1917. Realizou estes labores á beira do
gran animador da iniciativa, o catedrático da Escola Normal de Santiago Vicente
Fraiz Andón que exerceu ampla influencia tanto sobre Taibo como sobre Alonso
Ríos e outras persoas que citaremos máis adiante. Taibo estudou naquela Normal
como tamén o fixo Alonso Ríos, coterrán de Vicente Fraiz, ambos do Trasdeza.
Fraiz foi o protector do mozo Alonso Ríos nos anos composteláns. A vocación de
escolante de Taibo semella que foi algo serodia, mais prematura a de Alonso
Ríos. Ambos os dous dun extracto social semellante, a pequena burguesía. A
familia de Taibo tiña unha fonda na Algalia de Arriba; o pai de Antón abandonou
o oficio de caldeireiro e puxo ultramarinos en Silleda.
Alonso
Ríos non se atreveu a interromper a lección de xeografía de Taibo, nin sequera
a agardar un chisco para solicitar unha mínima axuda que ben sabía que lle
prestaría, mais tamén que o metería nun compromiso que lle podería custar a
vida.
Escolleu
seguir o camiño. Nunha das moitas reviravoltas da estrada, na vez de seguir
cara a Vincios, podería tornar cara a Chaín na procura da axuda que lle poderían
emprestar. Mais é posíbel que xa soubese que non poderían. O seu amigo Luciano
Folgar Monteagudo non estaba cos seus rapaces na escola de Chaín, senón preso
no vigués Frontón da rúa María Berdiales.
Do
mestre de Chaín temos noticia pedagóxica fornecida polo profesor Malheiro
Gutiérrez na súa tese de doutoramento[4]. Polo seu traballo sabemos que Folgar exerceu
como mestre na escola “Rosalía de Castro” de Freixeiro, na parroquia de Laro
(Silleda), a primeira das escolas federadas ideadas e dirixidas dende a
Arxentina que iniciou a súa andaina en 1912. A principios da década dos vinte
trasladouse á escola “Francisco Giner de los Ríos” de Siador (Silleda) onde
compaxinaba o labor docente co de Inspector das escolas impulsadas pola
Federación de Sociedades Galegas en Lalín, Vedra, O Pino, Silleda, Moraña,
Caldas. A comezos do curso 1931-32, coa chegada da República, Folgar Monteagudo
abandonará os cargos que lle encomendaran para dedicarse ao ensino público na
parroquia de Chaín. Alonso Ríos, enviado dende a Arxentina, substituirao na
función inspectora.
A
Folgar Monteagudo detívoo a Garda Civil na súa casa natal de Saiáns (Moraña), onde
estaba a pasar as vacacións dende o remate do curso. Os gardas acusábano de
participar no que os sublevados contra a orde constitucional denominaban
“hechos revolucionarios acaecidos en la villa” entre o 20 e o 25 de xullo de
1936. Trasladárono a Gondomar para interrogalo. Enviárono ao frontón. Ficaría demostrada a imposibilidade física de
participación directa ou indirecta na oposición realizada en Gondomar ao golpe
militar. Sería sancionado con suspensión temporal de emprego e soldo; sobre uns
catro anos sen traballo.
Como
sabemos, o esmoleiro seguiu a súa andaina cara a Vincios e pasou por diante da
casa de Paulino Pazos. Case estou por afirmar que a coñecía. Aquela
vivenda-tenda era, dende había anos, un centro de organización e difusión
agrarista.
Luciano Folgar. Á esquerda, na escola Francisco Giner de los Ríos Siador (Silleda) |
Paulino, seguindo unha certa tradición miñorá, na verdade non se chamaba tal. O seu nome de bautizo era Domingo. A súa propia muller soubo da chanza o día que casou. Viña do vello agrarismo pre-republicano.
Casa-tenda de Paulino Pazos en Vincios. Dende o seu balcón falou, entre outros, Castelao. |
Nos
primeiros momentos caeu na trapela engaiolante de Lerroux e do seu home na provincia
de Pontevedra, Emiliano Iglesias. O avogado ponteareán residía dende había anos
en Barcelona pero lideraba unha rede a través da que mexía candidaturas e
deputados na provincia. Paulino saíu elixido na candidatura do Partido Radical que
comandaba Pablo Nieto Virostra e acudiu ao pleno de constitución da nova
corporación celebrada o quince de abril de 1931.O alcalde monárquico, José de
Lis Rodríguez, fixo a entrega de poderes á nova Xunta Municipal. As
reclamacións existentes suspenderon estes resultados e convocáronse novas
elección para o 31 de maio. No ínterim nomeouse unha comisión xestora municipal
e nomeouse para presidila a José Cribeiro González. O cinco de xuño
constituíase a nova xunta Municipal, elixíase alcalde a Pablo Nieto Virostra, e
Domingo Pazos Alonso, é dicir Paulino Pazos, ocupa o cargo de Recadador.
Aquela
corporación foi todo menos estable, sucedéndose unha serie de dimisións na
alcaldía[5], destitucións e
alteracións da súa composición por intervención do goberno radical-cedista.
Paulino abandonou a corporación e regresou a un agrarismo que camiñaba cara ao entendemento coas esquerdas e o galeguismo.
Neste camiño tivo, necesariamente, que empatar con Alonso Ríos que sería electo
deputado en febreiro do 36 polos agrarios.
Sabemos que
Taibo gustaba de dar longas paseatas desde Morgadáns a Vincios para achegarse a
casa de Paulino e botar unhas parrafeadas xunto con outros compañeiros con
posicións político-ideolóxicas máis ou menos matizadas. A súa presenza, por
prestixio cultural e persoal, por oratoria e dominio do idioma, era solicitada
para actos relevantes. Por exemplo nos ledos, pero tensos, días posteriores ao triunfo
da Fronte Popular no mes de febreiro de 1936, o alcalde, José Pequeño Rodríguez,
convidouno a falar, dende o balcón da casa do concello, na conmemoración do 14
de abril.
Semellante
labor de “mestre de cerimonias” asumiu cando, o 11 de novembro de 1933 na praza
da Paradela de Gondomar, ás tres da tarde, precedeu na palabra aos candidatos a
Cortes Alonso Martínez, Alexandre Bóveda e Amancio Caamaño. De Bóveda non é preciso
dicir nada; era o motor do Partido Galeguista. Amancio Caamaño Cimadevila, o
médico pontevedrés de Izquierda Republicana. Alonso Martínez era de Lavadores,
fora concelleiro e presidente da súa Federación Agraria; durante a República presidiu a Federación Agraria Provincial;
nas reunións tivo que coincidir con Antón Alonso Ríos membro da súa directiva
que, en febreiro de 1936, resultaría electo deputado polos agrarios. Nas eleccións a Cortes das que falamos (1933), un fracaso para os
republicanos e as esquerdas, figuraba nas listas da coalición Izquierda
Republicana. Bóveda e Amancio
Caamaño serían asasinados polos militares sublevados.
Tamén
Taibo participou nun mitin deitado dende o balcón da casa de Paulino. Os informantes
orais non lembran o ano, 1932 ou 1933, pero si o motivo, a conmemoración do 14
de abril. Naquela ocasión interviñeron Valentín Paz Andrade e Alfonso R.
Castelao ademais do, na altura, mestre de Vincios, Benedicto Crespo Rodríguez,
despois trasladado a Vigo, á escola do
Areal, e posteriormente expulsado do corpo de mestres[6].
Paulino
acabou fuxido polo Galiñeiro. Despois de meses agochado, de durmir no monte, da
roupa a secar como sinal para poder achegarse á casa, de longas noites cos
falanxistas de Valadares a pasear por diante da porta, de tiros na madrugada, de
mortos na estrada, de choros e laios, con 41 anos, Paulino recorreu aos seus
irmáns emigrantes en Bos Aires. Pasou, como puido, ao igual que Alonso
Ríos, a Portugal e embarcou en Lisboa
cara á capital arxentina. Regresou nove anos despois. Os fillos de Paulino,
criados na miseria e co estigma de ser os fillos do comunista, tomaron poucos
anos despois os camiños do mar.
Gustaban
da palabra. Taibo, xa o dixemos, achegábase cando podía pola casa de Paulino.
Luciano Folgar era asiduo conversador con Abilio Araújo, da parroquia onde
exercía como mestre, vítima da chamada “lei de fugas” aplicada pola Garda Civil
de Gondomar para asasinalo xunto con outro veciño de Chaín, Manuel de Lucinda,
e tamén a Manolo, “O Palero do Forno de Laureana”.
Quen
tamén acudía, de cando en vez, a aquelas conversas, era o mestre de Donas, José
Cribeiro. Como Taibo ou Folgar, non era nativo de Gondomar, o que non empeceu
para que, ao nomearse unha xestora municipal por mor da anulación das
municipais do 12 de abril de 1931, Cribeiro non só fose nomeado para a mesma
senón elixido para presidila. Foi pois alcalde de Gondomar entre o 20 de abril e
o 4 de xuño, data na que se constituíu a nova corporación na que Paulino era
Recadador.
Cribeiro
chegara a Gondomar ben novo, nacera en Mañón, estudara en Pontevedra, onde se
asentaran os pais. En Donas coñeceu a quen sería a súa compañeira de vida, a
mestra da escola de nenas Concepción Gómez Martín, de orixe estremeña. Cribeiro era un destacado dirixente
da potentísima Federación de Traballadores da Ensinanza, adherida á UGT, e animador da Sociedade Agraria de Donas. Participaba
tanto na coordinación provincial do sindicato de ensinantes como na da
federación agraria que representaría
Alonso Ríos nas candidaturas da Fronte Popular en 1936. Cribeiro era militante
do PSOE, partido que abandonaría para afiliarse ao Partido Comunista nun
proceso de decantación que temporalmente debeu coincidir co de Víctor Fraiz
Villanueva, tamén mestre e dirixente da FETE-UGT, trasdezao da Bandeira e sobriño
do catedrático Vicente Fraiz Andón a quen xa citamos como protector do Alonso Ríos
estudante e co que colaborou Taibo no activismo cultural compostelán. Fraiz
Andón encargouse da educación e de asegurarlle o futuro ao seu sobriño orfo ao
que levou, ben cativo, para Cuba e ao que trouxo cando a illa acadou a
Independencia para estudar na Escola Normal compostelá.
Concepción Gómez coas súas alumnas da escola de Donas (Gondomar) |
Así que Alonso Ríos, naquela indecisión que tivo ao baixar dende Tebra cara a Gondomar, despois daquel repente salvador que o inspirou a non tomar a estrada de Tui e camiñar cara á cova do lobo Bugarín, o seu máis insistente perseguidor, ben puido, na vez de tomar a estrada de Morgadáns, que o levou por diante da escola de Taibo e da casa de Paulino en Vincios, seguir cara a Gondomar e achegarse ata Donas ou ata Vilaza.
Edificio da Sociedade Agraria de Donas |
Isto
podería facer se non se sublevasen os
militares facciosos. Agora xa non podería contar coa axuda dos seus amigos
comunistas, Fraiz e Cribeiro. O primeiro agochado nos montes do Val Miñor e de
Vigo, sufrindo unha das persecucións máis encirradas que se vingou nos seus
fillos e lle custou a propia vida. O segundo preso no Frontón de María Berdiales,
xunto ao seu compañeiro Luciano Folgar, acusado tamén de participar en los
“hechos revolucionarios” entre o 20 e o 25 de xullo contra el “Movimiento
Nacional”.
As
familias Fraiz e Cribeiro sufriron con intensidade a dexeneración moral dos
militares rebeldes e dos falanxistas. Moito máis tráxica no caso de Fraiz
Villanueva. Como non o daban prendido apreixaron o seu fillo Víctor, de 19 anos,
levárono a San Simón; un día apareceu o seu cadáver desfigurado na Concheira de
Redondela. Despois prenderon outros dous fillos, Vicente e Ramón. Tras negociar
a súa liberación e un xuízo xusto, Víctor Fraiz Villanueva entregouse na
embaixada do Uruguai. O 14 de setembro de 1937 fusilárono no Castro de Vigo. Os
dous rapaces morreron na guerra ou a consecuencia dela. Outro dos fillos,
Salustiano (Nanito), estivo preso durante anos. A súa muller, Placeres
Castellanos, cruzouse co seu fillo Víctor cando este viña de Madrid para as
vacacións e ela viaxaba en dirección contraria. Unha viaxe condenaba ao fillo,
a outra salvoulle a vida a quen remataría sendo unha dirixente da
Resistencia Francesa contra os nazis.[7]
A
familia Cribeiro tamén sufriu con saña a persecución franquista, aínda que sen
a tráxica apocalipse da de Fraiz. Cribeiro “rispouse da morte” con enxeño e
sorte, foi expulsado do maxisterio e tardaron moitos anos en permitirlle a súa
reincorporación. A súa esposa Concha tamén foi sancionada, ao igual que o seu
irmán Pío, a súa cuñada Rexina, e a irmá desta Áurea que exercían nas escolas
canguesas de Aldán e Coiro.
Como
é sabido o Golpe de Estado foi en período de vacacións escolares; probablemente,
aínda que volvamos á contrafactualidade,
isto explique que aquela xenreira acumulada polos sublevados contra os mestres
e mestras da República, culpables da dexeneración moral da patria,
personificación maligna da antiespaña, non excedese en moito a avultada lista de
91 mestres e mestras asasinadas que elaborou o profesor Antón Costa Rico.
Se
Folgar estaba de vacacións na súa terra natal de Moraña, Cribeiro, atopábase
formando parte dun tribunal de selección de mestres en Pontevedra, residindo na
casa paterna por aqueles días. Como dixemos a ambos detivéronos e trasladáronos
a Gondomar para interrogalos a respecto da súa participación nos “hechos
revolucionarios” segundo a descrición das autoridades militares sublevadas
contra a legalidade democrática.
Estaba
sinalado, en especial, Cribeiro considerado non só inspirador dos movementos
agrarios e sindicais senón tamén de ser o instigador das decisións, o que
manexaba, do presidente da Sindicato de Oficios Varios de Gondomar, Joaquín
Míguez. Era este un home novo, de 29 anos, que remataría fusilado contra as
tapias do cemiterio de Pereiró o 24 de outubro de 1936, ás catro da tarde, por
armas ordenadas pola farsa do consello de guerra que resolvía a causa 805/36[8] contra varios veciños de
Gondomar, entre eles o alcalde José Pequeño Rodríguez.
Para
o cabo da Garda Civil, Márquez, Cribeiro era o “autor moral a (?) la campaña
ejercida en favor del partido comunista cuyos frutos son los que hoy
lamentamos” e considera a Míguez Ledo lugartenente do anterior. Pola súa banda,
Latino Salgueiro indica que José Cribeiro “fue en Gondomar el encargado de hacer
propaganda comunista, sin que se le haya visto actuar al frente de los elementos
extremistas como dirigente”.
Como
diciamos, a ausencia de Gondomar foi o que salvou tanto a Folgar como a
Cribeiro. Aínda así, a este último buscábanllas por todos os lados. Como
estivera na vila o 17 de xullo pretenderon desmontar as testemuñas que o mestre
de Donas achegara; finalmente a declaración e certificación do secretario do
concello de Gondomar, Urbano Alonso Gonda, de que estivera en Gondomar ese día
para cobrar a gratificación pola casa-habitación, imposibilitou a condena de
Cribeiro.
Cando
o puxeron en liberdade andou agochado, en Pontevedra e Santiago, ata que,
seguindo as recomendacións do mestre da escola de nenos nº 1 de Baiona, Benito
Ramallo Gómez, acordou alistarse como voluntario na Lexión; dese xeito evitou
que andasen tras del os cívicos e falanxistas e “rispouse” da morte. Por idade
e preparación, enviárono ás oficinas e
non chegou a ir á fronte.
Ramallo
Gómez tamén foi detido, sometido a consello de guerra e expulsado do corpo. Entre
as acusacións contra el figura a de que nunha ocasión no casino da vila negara
a súa filiación española. Ben andada a década dos cincuenta ambos puidéronse
reincorporar ao maxisterio.
Luciano
Folgar Monteagudo e o seu compañeiro de
profesión José Cribeiro temeron durante días polas súas vidas. O terrible
oficial da Garda Civil Francisco González Rodríguez, alcumado “O Rabioso”[9], desprazouse expresamente
a Gondomar para tomarlle declaración e redactar o atestado que precede á
dilixencia de entrega no cárcere de Vigo dos dous mestres detidos, asinada o 16
de agosto de 1936.
A
teima do Rabioso cos mestres era especial. Testemuñas presenciais aseguran que
era el quen comandaba un reducido grupo de falanxistas que “deixaron cara ao sol” o mestre de Nigrán, Vázquez Grela, no mediodía
do 12 de setembro, despois de sacalo da aula en que impartía a súa lección.[10]
O
15 de agosto, a horas intempestivas, presentouse “O Rabioso” no posto da Garda
Civil de Gondomar para facerse cargo do atestado. En poucas horas toma
declaración a testemuñas e detidos e resolve enviar os mestres á prisión na
compaña dos perigosos libros propiedade de Luciano Folgar. Nos seus manuscritos
o represor di:
“En virtud de lo
expuesto y creyendo el oficial que suscribe ser ciertos los cargos que se
imputan a los maestros nacionales Don José Cribeiro González y Don Luciano
Folgar Monteagudo, el primero que además figura en relación de Delegado al
Pleno del Comité Local de los Trabajadores de la Enseñanza en primer termino,
que tales hechos pudieran ser constitutivos del delito de sedición armada en
contra del Movimiento del Ejercito Nacional al menos por inducción y referente
a los ejecutores se instruye atestado por el Comandante del puesto de Gondomar
en que ocurrieron, he acordado dar por terminado este atestado para su entrega
al señor Delegado de Orden Público de la Ciudad con los referidos maestros en
calidad de detenidos y a su disposición en la Prisión del partido (frontón) así
como de los libros ocupados en su casa de Moraña al segundo, que comprueban son
suyos por hallarse el de Psicología de la Revolución con su nombre y apellidos
en la portada y varias hojas, siendo otra porción de ellos, de anarquistas de
primer orden, comunistas y socialistas, con lo que se demuestra su manera de
pensar libertaria que como Delegados del Pleno del Comité Local de Trabajadores
de la Enseñanza, figurando en relación con el “Cribeiro” los también Maestros
Nacionais Víctor Sánchez Marfil y don
Víctor Fraiz Villanueva, este, que como consta es peligroso propagandista
comunista por todo lo que es de creer la labor funesta que para el
desenvolvimiento cultural de España , hacían dentro y fuera de la Escuela los
mencionados maestros, bajo recibo. Y que conste, lo firma la fuerza auxiliar y
yo certifico.”
Francisco González “O Rabioso”, tenente da GC, con lentes, primeiro pola esquerda. No centro Felipe Sánchez, comandante militar dos sublevados en Vigo. |
O
informe do “Rabioso” está incorporado á instrución da causa 138/36 contra 23
veciños de Baiona, todos condenados, no consello de guerra celebrado o 19 de
febreiro de 1937, a penas que van dende a reclusión perpetua ata os 15 anos, os
que tiveron máis sorte.
Ademais
de interrogar os mestres, “ O Rabioso” procurou o testemuño de persoas “de orde
e respectables”, aínda que non presenciaran
a hipotética tentativa de resistencia ao exército, polo que non poden
relatar feitos senón depoñer valoracións ideolóxico-políticas. Así, o xestor do
concello José Quintas Santiago declara:
“
... que es cierto que el Maestro Nacional de Donas don José Cribeiro González,
desde el advenimiento de la República viene fomentando entre los obreros y los
campesinos las ideas revolucionarias, en principio socialistas que elevó hará
dos años a las comunistas siendo el principal dirigente en las parroquias del
termino...”
Pola súa banda o tristemente célebre
cura-párroco, Carlos Hernández Vázquez declara:
“
... fue (Cribeiro) gestor al advenimiento de la República y que en las
elecciones últimas tuvo una intensa actividad en pro de la candidatura
comunista, no menos eficaz y asidua fue la del de la Nacional de Chaín Luciano
Folgar Monteagudo...”
O médico e Alcalde-Presidente da xestora
nomeada polos sublevados, Latino Salgueiro Pereira, di:
“...la
actuación (de Cribeiro)... ya socialista en principio, ya comunista despúes se
ha desarrollado de una manera intensa y funesta en las parroquias de Gondomar,
dando por resultado sin duda el haber secundado la huelga general sediciosa y
armada en contra del actual movimiento del Ejercito nacional...”
Non será nesta causa na que Cribeiro será
procesado, senón na 805/36[11] polo delito de rebelión
contra José Pequeño Rodríguez (alcalde de Gondomar), Rogelio Lorenzo González
(tenente de alcalde), Joaquín Míguez Ledo (presidente do Sindicato) e os
obreiros Eduardo Hermida Pereira, Antonio Iglesias (a) Cañón, Manuel Domínguez
e Feliciano Vargas.
Ata
podería Alonso Ríos ter continuado camiño cara a Borreiros e procurar acocho na
casa de Eladio Ferreiro[12], quen, había moitos anos
deixara a dirección da Escolas pro Valle Miñor que promovía dende Bos Aires a
Unión-Hispano Americana; mesmo, naquela altura, estas permanecían fechadas ao
cortarse os recursos que enviaba a emigración miñorá dende a Arxentina
seriamente afectada polo crac económico de 1929.
Eladio Ferreiro, de bigote escuro, cos seus alumnos e alumnas de Borreiros (Gondomar). |
Ferreiro
era mestre en Borreiros e colaboraba dende a súa apertura (1923), como asesor,
coa escola tomiñesa que dirixía Alonso Ríos. Era este home ideolóxicamente
conservador, mesmo afiliado da Unión Patriótica primorriverista, quizais
arrastrado por ilusión rexeneracionistas e anovadoras pero compartía ideas
renovadoras na educación que puxera en marcha con éxito durante máis dunha
década como director da Escolas Pro Valle Miñor. Ideas que aconsellara tamén á
de Tomiño; aínda que os dous proxectos educativos tivesen unha perspectiva
final ben diferente: prepararse para a emigración no caso das escola miñorá;
evitala no caso tomiñés.
Era
o seu talante conservador máis non fascista, por iso rexeitou as reiteradas
peticións de colaboración do novo réxime moi precisado da lexitimación de
persoas con prestixio social desvinculadas da milicia, como era o caso.
Esta
viaxe non a houbo. Mellor así. Deste xeito o esmoleiro que pasou por Gondomar,e
logo se autodenominou Afranio do Amaral foi quen de risparse das gadoupas da
morte e púidonos contar as súa agoniante fuxida dos que mataban e condenaban
por sedición e rebelión. Terríbeis
acusacións, impropias dun réxime democrático, que agora,
infortunadamente, se volven escoitar.
Gondomar
de Miñor, marzo, 2018
[1]Alonso Ríos, A.: O Siñor Afranio. Ou como me rispei das
gadoupas da morte. P. 65, A Nosa Terra, Vigo, 1996. Prólogo e notas de Xosé
María Álvarez Blázquez
[2] Sobre a súa vida e obra ver Vitoriano Taibo, Monografías da Revista de Estudos Miñoranos, 2008
[4] Malheiro Gutiérrez, X.
M.: As escolas dos emigrantes e o
pensamento pedagóxico: Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Ríos. Ediciós
do Castro, Sada, 2006, pp. 256 e seg
[5] Sobre este particular
ver Adrio Barreiro, G: La vida municipal
en la II República Española. Examen de los municipios en la provincia de
Pontevedra en este período (1931-1936).Edicios do Castro, Sada, 2008; pp.
563-581
[6] Porto Ucha, A.S.: Mestras e mestres pontevedreses depurados
polo franquismo. Alén Miño, 2008
[7] Sobre Víctor Fraiz
pódese consultar Garrido Moreira, E. "Víctor
Fraiz: A rebelión silandeira das tumbas dos mártires" en Claridade (Fundación Luís Tilve).
Setembro, 2007. Sobre
Placeres Castellanos ver:
Quintas
Alborés, E.: Placeres Castellanos.
Vigo, A Nosa Terra, 2008
[8] Arquivo Militar
Intermedio do Ferrol
[9] Sobre “O Rabioso” ver
Abad Gallego, X.C.: Cen personaxes en
torno a unha guerra. Instituto de Estudos Vigueses, 2008, pp.317-322
[10] Ver González Pérez, J.: Nigrán, memoria dunha guerra, 1936-1939.
Edicións do Cumio, Vigo, 1998
[11] Arquivo Militar
Intermedio do Ferrol
[12] Sobre Eladio Ferreiro
ver: Méixome Quinteiro, C.: “Noticia dun mestre: Eladio Ferreiro Otero” en Actas do Congreso Emigración e Educación
(1900-1936): I Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor
(1909-2009). Instituto de Estudos Miñoranos, 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario