Nunha
diagonal de trinta ou corenta metros sobre o céspede verde hai tanta beleza
como na estrofa dun bo poema ou no sol encarnado agochándose tras as Cies. Ben
sei que os criterios de beleza son discutíbeis, mudan e adáptanse aos tempos.
Gústanme as diagonais, en especial cando perden a paixón e fican na simple liña.
Este mundial non me agradou porque os nomes máis gabados foran os de porteiros
e defensas centrais.
A
auga tolleu a cerimonia. A Putin, o gran vencedor do mundial, cubriuno de
seguido un paraugas para protexelo da enxurrada acuífera, mentres o
bonapartista Macron e a cromática presidenta croata puxéronse coma pitos. O de
bonapartista dígoo por Luís Napoleón, como Marx, e non polo Grande.O vello
imperio azul coas súas abondosas xoias
africanas derrotou a pureza étnica
croata, branca e eslavo-meridional.
Quizais
a mellor síntese do equipo vencedor sexa a súa escintilante, máis seguro que
non fugaz, nova estrela, Kylian Mbappé. Nado en París, de ascendencia camerunesa
e alxeriana. Francia ten un problema de identidade que se manifesta na Rassemblement
National (o vello Front National) de Marine Le Pen, coutado, polo de agora,
pola “nova política” do imitador do Segundo Imperio. Faría ben en ollarse no
remexido da selección nacional, sen nostalxias da “grandeur”, e aceptar a mestura
que non ameaza nin un chisco a extrema rixidez de seu estado-nación.
Quizais
a análise da capacidade de sufrimento e resistencia croata, que lle permitiu
sobrevivir nada máis e nada menos que a tres prorrogas, sexa a permanente
ausencia de sorriso no rostro de Luka Modrić. O xogador do Real Madrid naceu en
Zadar, na Dalmacia. Sendo un neno contemplou como executaron o seu avó e queimaron a súa casa. Nalgún momento
ollouse algún xesto, non sei se del, rememorador dos “ustachas” de Pavelić e
das milicias croatas. Achegaron sensatez tanto o tenista serbio Novak Đoković, cando
lle preguntaron por quen quería que gañase a final contestou que Croacia, como o
blaugrana IvanRakitić que, cando lle fixeron a mesma pregunta sobre a final de Wimbledon,
respondeu que lle gustaría que gañase o serbio.
O
deporte en xeral, e en especial o fútbol, é un dos máximos expoñentes do que
Michael Billig denominou “nacionalismo banal”. O profesor británico titulou así
un magnifico ensaio moi recomendábel para aqueles que nunca se consideran
“nacionalistas” por estar absolutamente convencidos da eternidade da súa nación
e expresan a súa lealdade na vida cotiá, rutineira, familiar.
Os
nacionalistas españois, irritados polos nacionalismos irredentos, e reducidos,
por absorción do centro peninsular á capital deron un bo exemplo nos pareceres
e dicires sobre o seu ridículo transitar por este mundial. Todo se iniciou cun,
insospeitábel, plantón de Zidane. Ao fin e ao cabo un da Cabilia enxertado na
“banlieu” marsellesa que fala bérber. O xefe do palco non dubidou en contratar
a quen lle parecía ben, como é natural, aínda que iso supuxese meter unha bomba
no equipo español. O importante é o importante. Foi bater cun atravesado e
leárona.Tampouco era para poñerse así. Encargaron a outro da capital a
representar o papelón e poñer os seus rapaces para que radios, xornais e
televisións lle desen lustre e non pararan de gabalos.
A
culpa foi do penalti que cometeu Piqué, ben se sabe que só é un catalán
aproveitado e antiespañol, e do que fallou Aspas, un galleguiño que xoga no
Celta e que grazas ao “var” meteu un golazo (isto non o viron os medios) de
espora.
O
“nacionalismo español” ata se sentiu ofendido polo desplante de Putin ao non
acudir ao partido, como se non tivese outra cousa que facer o tsar, xa non de
todas as Rusias pero si dunha ben grande. Quen si se presentou presto e
obediente, para regresar co rabo entre as pernas, foi o “reisiño” ao que ata
lle organizan referendos sobre monarquía ou república en Vallecas e ten que
entregar os premios “princesa de Asturias” nun restaurante porque as
autoridades catalás están enfadadas dende o 3 de outubro, cando lle mandaron
ler aquelas barbaridades.Os patriotas españois están a perder a sentido da
banalidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario