xoves, xullo 19, 2018

Populismo, nación e fútbol*


Sorpréndeme a facilidade coa que algunhas amizades, que sei racionais e de esquerda, mesmo galeguistas, isto é, que reclaman a liberdade da nación, caen en trapelas urdidas por trampulleiros e demagogos de calquera caste e condición.

Pasou estes días co mundial. Moitas amizades torcían por Croacia en contra da imperial Francia, cando non había máis que mirarlle a cor da pel, a uns e a outros, para desbotar calquera simplificación sobre o tema. Xa non digamos se prestamos ouvido aos eufónicos nomes africanos en contraste cos étnicos croatas rematados en Ć. En calquera caso paréceme ben animar apupar ao máis feble, aínda que só o sexa en aparencia.

Mais o colmo, non da precipitación senón da manipulación mediática descarada, foi a lea que se armou  coa efusiva presidenta adobiada coa camisola do dameiro branco e vermello e que lle facía as beiras a quen lle pasase por diante. O personaxe fíxose popular. Non perdeu oportunidade para darse a ver cada vez que os seus rapaces se batían con habilidades futboleiras e capacidade de sufrimento, dignas de exaltación. Só o imperial Macron lle roubou un chisco de protagonismo na final; mentres Putin ría como un coello e como deben facer os espías cando lles sae ben unha xogada. O malo foi que a choiva lle estragou o peiteado.

Pois non pararon de chegar esas trapalladas que acaban por enrabiarte e van rematar por estragar un sistema rápido e áxil de comunicación como son as redes de whatsapp. Chegoume, centuplicado, que a tal Kolinda era unha marabillosa presidenta, suponse quedun país marabilloso. Non poderá haber un país de xentes horribles cunha presidenta tan xeitosa.  Esta muller, simpática, fervorosa animadora dos seus pateadores de coiro, riseira cos contrincantes ata cando estes lle gañaron, seica pagou do seu peto viaxes e gastos en Rusia e ata descontou do seu salario os días que andou de animadora da selección nacional.
Por riba, din, vendeu o avión presidencial , 35 Mercedes que empregaban ministros e altos funcionarios e devolveulle os cartos ás arcas do Estado, home, tampouco ía quedar con eles! Non contenta con todo isto reduciuse o salario, e o dos ministros, á metade; quitoulle as xubilacións a congresistas e senadores e subiu o salario mínimo ao sector privado, aos do público entendese que non. Fala sete idiomas e como se puido ver é unha muller “campechana”. Entre nós tamén tivemos durante anos un “campechano”.A xente entusiásmase enseguida.

O caso é que a tal Kolinda Grabar-Kitarović é presidenta de Croacia polo HDZ ou Unión Democrática Croata, o partido creado polo xeneral FranjoTuđman, construtor da Croacia independente, perseguidor dos serbios que se interpoñían no soño da Gran Croacia e un dos máximos responsables das terribles guerras que destruíron a segunda Iugoslavia. En vida de Tuđman o sistema político era presidencialista, hoxe é un sistema parlamentario.

O HDZ esta integrado no Partido Popular Europeo, aplicou con rigor extremo as políticas privatizadoras e de gasto impostas pola UE e máis tarde pola troika; o retardo na integración na UE debeuse á  súa resistencia a recoñecer as resolucións do Tribunal de La Haya para os crimes de guerra na antiga Iugoslavia.

A tal Kolinda é unha política profesional que foi Ministra de Asuntos Exteriores, de Asuntos Europeos, Subsecretaria xeral da Diplomacia Pública da OTAN e embaixadora en Washington, país no que se formou de nova e no que lle aconteceu un escandaloso affaire relacionado co emprego, por parte do seu marido, para desprazamentos privados, do vehículo da embaixada. Quererá asegurarse o segundo mandato.

Non chega con parecer...

*Publicado en A Nova Peneira, 2ª quincena de xullo, 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario