Entre
nós a estrela da ideoloxización dos topónimos foi o de Ferrol. Ben se sabe,
entre 1938 e 1980 foi de “El Caudillo”. A colocación do artigo en castelán viña
de moito antes e a reversión ao galego do mesmo é incorrecta. Non foi o único
caso de corrección franquista da toponimia. Máis si, coido, o único que se
rectificou.
As
outras tres localidades, das que teño constancia, que viron alterados os nomes,
seguen oficialmente coa forma imposta polo réxime franquista. Quintanilla de
Onésimo, Alcocero de Mola, e Numancia de la Sagra. O primeiro concello ribeirán
da provincia de Valladolid; o segundo, na comarca de La Bureba e o terceiro ao
norte da capital de Castilla-La Mancha.
Quintanilla
era de “Abajo”, pero deixou de selo cando lle mudaron o retrouso en honor a Onesimo Redondo, o xefe
fascista alcumado “Caudillo de
Castilla”, fundador das “Juntas
Castellanas de Actuación Hispánica” que ao unirse co grupo de Ramiro Ledesma
Ramos formaran as “Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista” (JONS) que, en
1934, se fusionaran coa Falange Española de José Antonio Primo de Rivera.
Pola
súa banda, o concello burgalés de Alcocero viu ampliado o seu nome por mor de
ser alí onde se estrelou o avión no que viaxaba o “Director” da sublevación
militar-fascista, xeneral Emilio Mola, planificador do golpe transformado en
guerra e autor das famosas “instrucións reservadas” como aquela de: “Es
necesario crear una atmósfera de terror, hay que dejar sensación de dominio
eliminando sin escrúpulos ni vacilación a todo el que no piense como nosotros.
Tenemos que causar una gran impresión, todo aquel que sea abierta o
secretamente defensor del Frente Popular debe ser fusilado”.
Desde
o mesmo momento da morte houbo rumores, aínda que non probas, de que esta
favorecía a Franco quen se apresurou, tras o remate da guerra, a erguerlle un
monólito, argallarlle un acto masivo co goberno en pleno, acompañado de xefes
militares e relixiosos, e rebautizar o lugar engadíndolle o apelido do
“cabecilla” sublevado.
O
terceiro caso é o de Azaña, o concello toledano, que tivo a desgraza de
chamarse como o líder de Izquierda Republicana, xefe do goberno e presidente da
II República, polo que, xa en 1936, os sublevados mudáronlle o nome por
Numancia de la Sagra. Non fose ser que a alguén se lle ocorrese dar un viva a
súa vila natal.
Falando
de “vivas”; escoitei na miña vila adolescente un conto, supoño que repetido
noutros lugares, acerca dun gobernador civil de visita oficial que botou un
parrafeo dende o balcón da casa do concello, gabando as melloras do réxime e
díxolle, ao pobo congregado, algo así como que pedisen o que precisasen que el
iría a Madrid e “hablaremos con premura”. Ante tan rotunda afirmación o pobo
agradecido exclamou entusiasta: Viva
Premura!, Viva Premura!
Así
seguen hoxe. Quintanilla de Onésimo, Alcocero de Mola e Numancia de la Sagra.
Ata aquí non chegou a timorata Lei da Memoria Histórica de Zapatero.Mentres os
restos do último xefe do estado español elixido polos votos da cidadanía seguen
alá, no Roselló, en Montauban, para vergoña da democracia vixiada do réxime do
78.
Por
isto e por tantas outras cousas, expectante antes as promesas do novo goberno,
estarei na illa de San Simón o próximo domingo 22 de xullo co desexo de que o estado, dunha vez, asuma a súa responsabilidade coas vítimas do
franquismo e este poida pasar a ser tema exclusivo dos historiadores.
* Publicado en Novas do Eixo Atlántico, xullo, 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario