Vai
rematar o cincuentenario das revolucións fracasadas (J. Fontana) ou espectrais
(T. Judt) de 1968. Sen moita conmemoración, cando menos teño esa impresión.
Supoño que non son tempos para celebrar algaradas, por un “siascaso”.
Na
altura, pola rúas do occidente berlinés, Rudi Dutschke voceaba proclamas de
liberdade nunha Alemaña Federal que, un cuarto de século despois de rematada a
guerra, non só non fora quen de zafarse das infiltracións nazis senón que tiña á
fronte da chancelería a Kiesenger, un
NSDP da primeira fornada. Na banda oriental, o inflexíbel carácter de Ulbritch rematara
inzando de soldados e formigón as fronteiras ideolóxicas que esgazaban a nación alemá. Ao longo dos anos sesenta, os
fillos da guerra mobilizábanse dende a Oposición extraparlamentaria contra os dous estados da mesma nación. Un
dereitista occidental pegoulle tres tiros a Dutschke e deixouno malvivindo
durante anos; a entusiasta axuda de Ulbritch permitiu que os carros de combate
paseasen, na canícula de agosto, por Praga.
Nin
en Alemaña, nin noutros países europeos, as
políticas públicas da memoria foron tan modélicas como hoxe as vemos. A
secuencia sinalada polos estudosos: trauma-represión-rememoración-obsesión foise ciclicamente cumprindo ata o
enxalzamento da vítima e do heroe, en especial da testemuña. As vítimas dos
nazis, dos campos de concentración, os xudeus, foron conmemorados, e ségueno a
ser, en memoriais de toda caste e das máis
variadas técnicas. O heroe, salientado no partisano, coñeceu tamén o seu momento ata que a decadencia dos
réximes do leste foinos adiando a un
segundo plano memorialista.
Mais
a excepcionalidade española, a anomalía hispana, non só permanece senón que dá a
sensación de non atopar máis explicación que a de tratarse dun trastorno
conxénito, dunha alteración crónica. As vítimas non foron encomiadas ata 2006,
por certo e como noutras moitas ocasións con Galicia abrindo o suco, e tras o ronsel da tímida Lei da Memoria
Histórica de 2007. Os heroes partisanos non foron nin lembrados, agás en
círculos reducidos, e a militancia antifranquista, castigada en décadas de
ditadura, ficou esquecida pola brevidade do tempo de rememoración e o abafante,
e ignorado, peso das vítimas.
Recapitulamos:
longuísima ditadura (fase prolongada de trauma), período “transacional” e amnesia
gonzalense-aznariana, (fase represión); tímida fase de rememoración durante a
xeira zapaterina: regreso á represión do trauma durante o período raxoniano.
A
excepcionalidade maniféstase de novo, mesmo de forma incomprensible para unha
análise superficial dende a normalidade democrática. Só fixo falla que a
dereita perdese o poder executivo e que o relevo precise de certa xestualidade
a cambio de orzamentos para que a anomalía democrática española se exhiba en
toda intensidade.
Non
se pode ser máis moderado ao afirmar que non se pode considerar como lugar de
reconciliación un mausoleo megalómano, presidido pola simboloxía dos
vencedores, erguido por vontade do ditador, onde se homenaxean os seus restos e
máis os do fundador do partido fascista que exerceu durante décadas a parte
máis significativa do poder político. Non se pode ser máis moderado cando se
reclama legalmente, con documentación probatoria ata o detalle, que o pazo residencial da familia do ditador foi
usurpado pola forza do poder totalitario.
Emporiso,
non é que unha parte desa dereita poida expresar a súa identificación coa
ditadura, co franquismo e co fascismo, senón que a autoproclamada dereita
liberal, europea, e centrista, na súa actualidade bicéfala, amosa sen pudor a
fortaleza do cordón umbilical que os une á ditadura, ou mellor ao relato
autoritario do nacionalismo español, católico e monárquico, expresión dunha
concepción (tan do gusto de Franco) do pobo español como dominado polo xene
cainita que o imposibilita para a democracia e lexitima calquera actitude para
devolver o poder a quen por natureza lle corresponde.
Casado
e Rivera teñen que matinar en que queren ser. Merkel ou Salvini?
*Publicado en A Nova Peneira, novembro 2018
Parabéns, Carlos
ResponderEliminar