i
a tea dos teus soños non se move
(…)
Díaz
Castro, Penelope
Enceto
estas liñas, xusto cen anos despois de se asinar o manifesto da “Asembleia nazonalista
de Lugo” : “Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade,
nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba
rexonalismo non recolle todal-as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos
nosos problemas”. Non era pois só unha rectificación nominalista, senón de
intensidade. Tratábase tamén dun chouto xeracional e cultural.
Son
os actuais tempos nos que moitas persoas amosan inseguridades a respecto da
definición adoptada naquel inverno lucense, e incertezas sobre o acaído punto
de intersección entre benestar social e dereitos individuais cos dereitos
colectivos que non temos recoñecido como pobo.
Cómpre relembrar que o momento da autonomeamento lucense era de plena
emerxencia das nacións coa percepción inmediata da extinción duns imperios e a
recuada de outros. Na altura,“nacionalismo”
era unha verba positiva. Menos de dúas
décadas despois o termo ficaría perturbado polo réximes totalitarios de variada
pelaxe que no caso ibérico prolongáronse durante decenios.
A
crise económica de 2008, a cancelación das expectativas de toda unha xeración,
as ameazas sobre o futuro das clases populares, subalternas ou precarias, as
inseguridades das persoas que fican fóra do cativo mercado laboral, por
expulsión do mesmo ou por idade, puxeron
en realce as cuestións sociais e no sentir das xentes do común desequilibraron o
punto de encontro entre nación e clases populares que acadara o galeguismo
nacionalista nas catro últimas décadas. A causa do desaxuste permanece, pois a
crise de 2008, sabémolo xa, dez anos despois, por reiterada experiencia, non é
cíclica senón sistémica e as coercións pairan sobre os postulados máis básicos da
democracia, tamén na Europa fachendosa creadora da mesma.
Unha
outra volta, a perversión do termo
estase a producir. No próximo, coa excitación do nacionalismo español. No xeral
próximo, dos outros nacionalismos autoritarios que aproveitan a crise para
encrespar sentimentos antieuropeos e postular saídas á crise dende o
autoritarismo dos vellos estados-nación. No global, podemos agardar o peor.
Para
agravar males, o escabroso remate do bipartito e o estoupido do temporal
proxecto organizativo do BNG na Asemblea de Amio provocou a división interna
máis longa e esgotadora na nación-política dende a asemblea de Monforte de 1922.
As
escisións, tanto a representada nas beiras do Cabe como a do mercado de gando,
gardan, na nosa opinión, unha semellanza de fondo. Nas dúas, como ao longo de
todo o século, a disensión situouse en termos de ou máis lasitude ideolóxica
para gañar apoio social e poder
político para realizar transformacións pausadas
ou máis fortaleza de principios para coutar o perigo da dilución da nación-intensa
nun enxebrismo costumista, aínda á custa de ser máis ineficaces. Na IV asemblea
a disxuntiva visualizouse no troco do nome do partido, de Irmandades da Fala a
Irmandade Nazonalista Galega. Nove anos despois, unha nova xeración puxo en
marcha, coa colaboración de parte dos protagonistas da escisión monfortina, o
Partido Galeguista. A aquelada dirección do mesmo logrou, nun breve prazo de
tempo, a maior cota de soberanía política que Galicia tivera en séculos e que
nós, por fortuna, herdamos.
Na
de 2012, a negativa, ao longo da asemblea e no tempo posterior inmediato, a que
Penelope retecese sen caer nos brazos dos pretendentes, provocou a ruptura na
forma de representación política do nacionalismo. Clausurábase un ciclo longo
de acción nacionalista que ben poderiamos rastrexar dende a Declaración
conxunta UPG-PSG (difundida a finais do 72 ou comezo do 73 pero redactada, en
data imprecisa, dous ou tres anos antes) ata o estalo amiense, coincidindo
tamén co natural cansazo físico, e intelectual, da elite dirixente do
nacionalismo das últimas catro décadas. Remataba, aínda que algúns sectores
sigan a defendelo como argumento de consumo interno, un modelo frontista só eficaz
cando actuou como partido no marco constitucional e europeo que formalmente
rexeitaba.
Vaia
en descargo da recomposición organizativa, e para contrarresto dos laios de quen
prefire a sosegada unidade dos convencidos á incerta representación da voluble
cidadanía, que o brutal impacto do latrocinio perpetrado polo capital
transnacional tampouco deixou indemne a representación política da dereita e
esquerda españolas.
Escribo
estas liñas a uns días de que En Marea resolva o seu desiderátum; ser ou non
ser tal. O galeguismo nacionalista pode establecer alianzas previas con quen
poida ou desexe pero non renunciar ao principio de autoorganización. Pode
modular a autodefinición como nacionalista pero non desbotala, aínda que só
sexa como rastrexo da continuidade histórica na loita por dereitos non
acadados. Pode, e debe, procurar o entendemento coas xentes que sen se reclamar
do “nacionalismo” recoñecen, con intensidade máis ou menos morna, os dereitos
que como nación reclamamos e facelo consciente de que a nación galega existe só
porque hai unha cidadanía que a reclama como tal e expresa a súa petición en
formas organizativas múltiples e diversas.
De
resultas desa decisión poderá abrirse, cunha nova xeración á fronte, e aquí o material humano será clave, a
superación, tardía, da escisión amiense ou prolongarse o permanente estado de
funambulismo actual.
En
calquera caso, con maior ou menor dilixencia, teranse que afrontar, na nosa
opinión, dous escenarios. Por unha banda, a urxente acumulación de masa
crítica, non só, pero tamén, ante as ameazas inquietantes que se perciben na
reviravolta do camiño; esa concentración de forzas só precisa un marco de definición:
o dereito a decidir.
Por
outra banda asumir que a expresión política da reivindicación dos dereitos
nacionais vai ser plural, e que esta, ante a permanente indecisión dunhas
elites económicas cada vez menos autónomas, vai expresarse en termos de
sensibilidade social. Nesta amplitude necesaria, imprescindible, semella
obrigado abeirar definicións ideolóxicas estritas e en especial desterrar a pulsión
dominante, entre estes, aqueles e os de máis alá, de control grupal ou
partidario. Ao noso ver a práctica da alianza previa, nunhas ocasións,
posterior noutras, superando as rupturas de comunicación actuais, máis ou menos
desexadas ou forzadas, rematará por
converterse en realidade.
Atrevémonos
a facer outras dúas reflexións, unha práctica, outra psicolóxica. A primeira,
no campo da cultura, retecer, mellor recoser de novo o traxe da nación-cultura
e da nación-política. Non só semella urxente corrixir os ollares esgazados das
dúas caras de Xano, senón superar de vez o cabalo preñado de monstros que introduciu
na nosa fortaleza un debate normativo tramposo e abonado por miserias persoais.
Cumpriría que as persoas actuantes no campo cultural se decatasen de que se pode
sobrevivir nos arrabaldes do poder establecido, mais só será á custa da
paulatina e constante perda de visibilidade da nación-cultura.
Como
remate, teño a impresión de que, cando menos os do meu tempo, confundimos con
frecuencia a acción política coa etnografía presos dunha perversión nostálxica,
non dun sentimento individual que acompaña a idade, senón dunha especie de
reproche por non dar acadado as ilusións do último medio século, e sometemos as
nosas análises ao lamento dun afastado paraíso ecolóxico-lingüístico, sen
decatarnos de que, como escribiu David Harvey: “Para que os movementos políticos
poidan ter un efecto significativo a longo prazo, deben deixar dun lado a
nostalxia”.
Fuso
ou roca, o caso é que fíe.
*Publicado
en Novas do Eixo Atlántico, decembro, 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario