luns, xaneiro 21, 2019

A estraña derrota


Deste xeito, L'Étrange Défaite. Témoignage écrit en 1940, titulou Marc Bloch o seu libriño testemuñal sobre a invasión nazi do seu pais. “Sen contemplar o presente é imposíbel comprender o pasado”, escribiu na presentación o historiador, cidadán, soldado e partisano; detido, torturado e asasinado pola Gestapo, en 1944, dez días despois do desembarco de Normandía.

Acordei o título cando tentei contemplar e comprender o que aconteceu en Westminster,  santuario do parlamentarismo, eses días pasados. A derrota da Sra. May, ou mellor as sucesivas  derrotas, e o rexeitamento da censura do Sr. Corbyn. Mentres se agarda polo remate da prórroga temporal da resolución definitiva do Brexit, para os restos de marzo.

Teño a impresión de que estamos ante un novo, e estraño, ciclo longo tras o fracaso da fantasmal globalización neoliberal. Aquela nacida na mesma Gran Bretaña da ferreña Sra. Thatcher que confirmaba, certa e fatua, que non había alternativa, “There is no alternative”. Sentenza  que confirmou Tony Blair subliñando a diferenza entre laboristas e conservadores, isto é, entre esquerda e dereita, uns matices sobre a comprensión dos dereitos individuais.  Zapatero confirmouno no seu primeiro mandato.
Así que o neoliberalismo cheo de si, como un rato riba dun queixo, paseou polo mundo, sen que ninguén lle tusise, entre a caída do muro de Berlín (1989) e o estoupido da crise financeira (2008). Xa o advertira Rodrik no seu paradoxo da globalización, con aquel seu trilema. Lembren, de entre globalización, democracia e autodeterminación, só se poden coller dúas. Así que se se quere  globalización e democracia hai que reducir a autodeterminación e se se queren estas últimas, hai que limitar a globalización. E así nas posíbeis combinacións.

Optouse por salvar o dogma e os dogmáticos. Entre 2008 e 2009, os gobernos gastaron 120 billóns de dólares en salvar bancos. Por suposto non se lle ocorreu repartir eses cartos entre a xente, aumentar o consumo e a produción manufactureira, e dedicar fondos á educación, hospitais ou investigación.

E todo estourou. Dende aquela, por Europa e polo mundo, comezaron a xurdir partidos populistas, de dereita extrema, xenófobos e aos poucos o sistema político tradicional saltou esnaquizado. Os novos partidos atraían os perdedores da globalización: os obreiros que ficaran sen fábricas que fuxían tras a man de obra barata; os tendeiros abafados polas grandes superficies; as secretarias e oficinistas borrados polas novas tecnoloxías; os xubilados coas pensións conxeladas... Mentres os orzamentos primaban os centros urbanos e esquecíanse do mundo rural, gastábanse millóns en autoestradas e circunvalacións e pechábanse estacións de tren nas vilas que quedaban sen escolas, médicos e bancos. Iso si, deixábanlles tanatorios.

 Abríase unha fenda entre globalización e vítimas da mesma (de clase ou por lugar de residencia) e por ela coábase a nostalxia do mito. Portugal e España resistíranse. Agora fica só Portugal.

A fenda da globalización e a nostalxia do pasado empurraron o voto contra o sistema tradicional de partidos. Iso é Trump e a vitoria do Brexit; coas súas nostalxias de Imperio e de “América, primeiro”. Non é agora a dereita ideolóxica da TINA da Sra. Thatcher senón unha dereita visceral de xenofobia, nacionalismo estatalista e populismo demagóxico. Macron pretende recuperar Francia sen contar coas vítimas da globalizacións e estóupanlle nos morros os chalecos amarelos. O Reino Unido quere o Brexit, ata duro, sen impórtalle sufrir un duro castigo económico. A estridencia italiana manifestase no pos fascismo da “Lega” de Salvini e no bepegrilismo, versión italiana do noso orixinal Jácome  ourensán. Trump soña con reabrir as minas de carbón e construír un muro de contención, sen saber que polo “limex” romano filtrábanse os “bárbaros” cando lle daba a gana ata que decidiron ficar dentro das fronteira e desfacer o imperio. A nostalxia de Franco con quen non se pagaban impostos, a vida era máis barata, as mulleres estaban no seu sitio e España era unha, manifestase agora sen anteriores disimulos. Bolsonaro emerxe sobre a onda da corrupción retratada nos Papeis de Panamá e nos gobernos do mundo que rebaixaban os impostos aos que envían 600 mil millóns de dólares por ano aos paraísos fiscais, mentres gaba a ditadura militar porque nela a violencia era limitada...

Contemplar o presente para comprender o pasado, cando o futuro é o pasado.

*Publicado en A Nova Peneira, xaneiro 2019


Ningún comentario:

Publicar un comentario