A celebre frase emitíaa don Groucho para reclamar dos
seus irmáns pitolas de leña para mover a locomotora na que facían asneiradas
polo Oeste. É a guerra, traede máis madeira! berraba co xaruto entre os dentes
mentres Harpo e Chico esnaquizaban asentos, paredes e teitos dos vagóns. Un
neomarxista de pro como é Pedro Sánchez non ten empacho algún en seguir a senda
dos seus ideólogos e alimentar, mentres quede madeira, o queimador da estartelada
locomotora.
O que ninguén lle pode cuestionar é a súa capacidade de
supervivencia. Xa resucitou dúas veces. Primeiro no partido; despois no
goberno. Agora pretende o máis difícil aínda, facelo nunha terceira ocasión.
Será a única vez, non xa na historia humana senón mesmo na divina.
Podía rematar a lexislatura. Os orzamentos prorróganse. Ante os que queren
queimalo na propia casa, os que reparten leña no Tribunal Supremo e os
pirómanos da Praza de Colón, don Pedro non se arredou e veña, mais madeira!.
Eleccións o 28 de abril.
Como os superviventes sono por medorentos, non se atreveu
a poñelas o 14 con toda a súa forza emblemática, o cal non quere dicir que a
celebración deste 88 aniversario da proclamación da II República non vaia ter
unha potencia simbólica e mobilizadora de dimensións impredicibeis ante a
ameaza da dereita trifálica; como tampouco tivo a afouteza para facer outra
cousa que subliñar a bondade do diálogo cos idependentistas cataláns, cando
todo o mundo sabía que era falar por non estar calado. Medroso como é nin ousou
convocar o superdomingo, porque os seus, os baróns, como lle din, non lle
deixaron. O señor de Abelgrado o primeiro. Pero púxollas antes para
comprometelos. Ou eu ou a Triple Alianza argumentará.
Así que máis madeira. A votar, despois de 15 días de
campaña electoral, o 28 de abril. A votar, despois doutros 15 días de orneante
publicidade, o 26 de maio e con tripla papeleta, algúns, europea, autonómica e local. Ata setembro as
institucións paradas, sen ninguén que tome decisións, coa ameaza de fatiga
cidadá nun ambiente que os patriotas españois tensan de forma perigosamente
irresponsábel.
Neste caótico remexido, don Pedro xoga a ser o máis
votado,recuncando na presidencia e permitindo a terceira resurrección. Daquela ninguén
lle poderá tusir. Agás os independentistas catalánsque o teñen claro, e os nacionalistas vascos que tamén. Estes na súa
pouquidade numérica. Aqueles cun Junqueras convertido en único líder
independentista, disposto a pasar anos na cadea ata que Estrasburgo condene oestado
español e a pacífica derrota xurídica e política o obrigue a procurar un acordo
a medio prazo que supoña o recoñecemento xurídico de Cataluña como nación.
Os dirixidos dende Madrid teñen tamén o seu xogo. A
hipotética emerxencia de Vox arrastrou oPP cara á dereita máis extrema e deixoulle
un espectro máis moderadoa Cidadáns, agás no seu extremismo pola cuestión
catalá, pero en disputa electoral co sanchismo, en especial despois do gran
erro de Rivera admitindo a foto de Colón. A desfeita de Podemos, arrastrado
pola impericia dos seus dirixentes, o seu patriotismoespañol, os xestos sociais
do sanchismo e os medios que antes os elevaron, orientan os seus votantes cara ao
utilitarismo ou o desencanto.
E nós que? Pois máis madeira!. É evidente que o noso
sistema de representación segue sendo propio. Semella que a versión feijoniana
do fraguismo pode coutar a emerxencia de Vox como fixo ata o de agora con
Ciudadanos. Haberá que velo. O resto a repartirse entre tres ou catro. O sanchismo limitado, o BNG incapaz e Podemos querendo apropiarse
dun espazo no que baten con castrexa resistencia. As mostras de sentido
común son ben escasas e o fraccionamento do xa de por si reducido espazo pode
deixar moitos cadáveres políticos antes do verán.
Nas locais, candidaturas a eito, como os choupíns no
outono. Cada un ao seu.
No Senado, serían quen os partidos de abrir unha raioliña
de esperanza e concertar unha candidatura democrática e galeguista para
facerlle fronte a unha hipotética alianza da dereita trifálica? Aínda que só
sexa para unha defensa resistente do actual estado autonómico e impedir a
redución de Galicia a “una región mas”. Alguén debería abrir esa xanela e que
PSOE, BNG, Podemos e En Marea respondesen. Seguro que persoas de probada
traxectoria democrática e capacidade non se negaban a botar unha man.
En fin... o escepticismo galaico é unha sensata forma de
ser e estar no mundo.
*Publicado en A Nova Peneira, 2ª quincena, febreiro de
2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario