Exposición sobre as exhumacións de San Xián no IES Ricardo Mella de Vigo |
Non sei de que te asustas!, os burros ornean, as mulas
dan couces, e no verán, as vacas
moscan. Aquel, non sei de que te
asustas!, que daba paso a unha restra de exemplos de natureza tan evidente como
certa, arrodeaban a frecuente expresión de meu tío-avó Nilo, escéptico por
condición.
O dito veu ao meu maxín despois de ollar un vídeo de iutube que me enviaron por guasap, no que, en senatorial debate orzamentario, unha
señora, que representa non sei que e non sei a quen, con “gracejo” e fachenda de si mesma,
ridiculizaba o proxecto gobernamental.
O cumio da súa prédica acadouno facendo chanza, entre
xestos e tons de vendedora na feira de Villaconejos, con perdón da súa
veciñanza, dos quince millóns de euros
asignados áa “memoria histórica”. Como os bocaabertas das tómbolas de San
Bieito, reitera, créndose simpática, ¡miren por donde señores!, ¡aquí no se
equivocaron! ¡no! …. ¡quince millones para que “desentierren unos huesos”! Antes
engadiu algo que lle escoitara a algún “dirixento” ou “dirixenta” e lle quedara
pegado á orella. Non sabía moi ben que quería dicir, pero aos sanchistas,
podemitas e separatistas fodíalles moito. Engurrando as cellas e xesto contundente afirmou que a presada de cartos
era para “generar una verdad de Estado”. Non se cortou un pelo. Cando a
criticaron nalgúns medios, dubidou; pretendendo rectificar, aclarou que se
refería a remexer nos osos de Franco.
Tate, batemos coa verdade de Estado da que falaba a
feiranta; na excepcionalidade española, na anomalía hispánica, á que tan
difícil é atopar outra explicación que non sexa a dun trastorno conxénito,
dunha alteración crónica.
Recapitulemos: unha longuísima ditadura (fase prolongada
de trauma), período “transacional” e amnesia gonzalense-aznariana (fase
represión); tímida rememoración durante a xeira zapaterina; regreso á represión
do trauma durante o período raxoniano. Sen exposición do trauma é imposíbel que
a memoria pase ao libro de historia.
A dereita, herdeira predilecta, pero non exclusiva, segue
prendida da verdade de estado elaborada polo franquismo e a “transacción”
monárquica, fundamentada no carácter inevitable dunha horríbel guerra entre
irmáns, na que todos se equivocaron, todos se excederon, todos teñen cousas que
perdoar, polo que o mellor é esquecer o incomodo, non falar do trauma...
E o Estado, en máis de catro décadas de autodenominada
democracia, non foi quen de xerar instrumentos para achegarse ao coñecemento da
verdade. Tivo que ser a cidadanía quen, sen respaldo institucional ningún, co silencio vergoñento das
institucións xudiciais, as que procurasen non só as cifras do xenocidio senón
tamén os ósos dos mortos para devolvelos ao fogar dos que os arrincaron.
Non se pode ser máis moderado ao afirmar que un mausoleo
megalómano, presidido pola simboloxía dos vencedores, erguido por vontade do
ditador, onde se homenaxean os seus restos e máis os do fundador do partido
fascista que exerceu durante décadas unha parte máis que significativa do poder
político, non pode ser considerado un lugar de reconciliación. Non se pode ser máis moderado cando se reclama
legalmente, con documentación probatoria ata o detalle, que o pazo residencial
da familia do ditador foi usurpado pola forza dun réxime totalitario.
Emporiso, non é que unha parte desa dereita poida
expresar a súa identificación coa ditadura, co franquismo e co fascismo, senón
que a autoproclamada dereita liberal, mesmo centrista e ata europeísta, amosa
sen pudor a fortaleza do cordón umbilical que os une á ditadura, ou mellor, ao
relato autoritario do nacionalismo español, católico e monárquico, expresión
dunha concepción, tan do gusto de Franco, do pobo español como dominado polo
xene cainita que o imposibilita para a democracia.
A excepcionalidade emerxe pola mínima, con brutalidade, de forma incomprensible para a normalidade
democrática. Só é preciso que a dereita perda o poder executivo e o relevo
precise certas xestualidades para que a anomalía española se exhiba con intensidade.
A señora falaba por boca interposta. “Están todo el día
con la guerra del abuelo, con las fosas de no se quién, con la memoria
histórica...” dixo Casado en 2008.
Nos momentos límite, dicía Camus, concordando co meu
tío-avó Nilo, so hai dous partidos: o da humanidade e o da inhumanidade.
*Publicado en A Nova Peneira, 1ª quincena, febreiro 2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario