sábado, marzo 30, 2019

É a organización, estúpido, é a organización



En 1992 Bill Clinton non era máis que gobernador dun estado de segunda fila. Os grandes líderes demócratas evitaban, non con moito disimulo, afrontar o doloroso cáliz de enfrontarse a un poderosísimo Bush (pai), enormemente popular tras a Guerra do Golfo. Mais o mandato remataba cunha recesión económica.

Clinton aceptou o reto e, ben aconsellado, encheu as paredes da súa oficina de campaña cun cartel que poñía, máis ou menos: “É a economía estúpido, é a economía” para que lle lembrase aos seus colaboradores que os votantes querían ouvir falar  de educación e sanidade, benestar e dereitos cidadáns, e non, ou non só, do satán Hussein. Bush-pai, perdeu as eleccións.

En 2008 Bush-fillo, encomiado polos papaleisóns europeos (quen non lembra a famosa foto dos Açores?), inzou o mundo de guerras e mergullou a economía norteamericana, e mundial, nunha recesión da que nin demos saído, nin se lle albiscan mellores brotes verdes que os que intuía a ministra Espinosa ou quería ver na escuridade do túnel o ínclito Luís de Guindos.

Stiglitz publicou, na altura, un libro que poderiamos resumir en “É a guerra, estúpido, é a guerra”. Os tres billóns de dólares, cifra na que estimaba  o Nobel de economía os custos da guerra de Iraq, causara o déficit orzamentario da economía norteamericana e arrastrou as do seu ámbito a unha crise da que dez anos despois aínda non se albisca a súa profundidade.

Rousando para a casa. En 2018, Luís Villares atrévese a dicir, ben aconsellado: “É a organización, estúpido, é a organización”. Sorprende, e gaña unhas eleccións internas aos tres grandes partidos que apoiaban En Marea, cuestionando o modelo de coalición de partidos.
 Ao final as fórmulas organizativas importan. E moito. Tanto que  para centos de persoas activas ou votantes que se interrogan polas diferenzas entre as esquerdas, só hai unha resposta: o modelo organizativo.

O modelo de participación das elites políticas da esquerda tamén se cuestionou durante estes anos. Non se impugnou só o sistema bipartidista. O de “non nos representan” non estaba só dirixido ás elites gobernantes alternantes, senón tamén ás das esquerdas. Ese foi o éxito inicial de “Podemos”. O seu incumprimento é a súa tumba.

Se forzamos a que a participación das persoas se realice a través de subgrupos, e non individualmente, remataremos provocando que as decisións teñan que ser, sempre, a través do acordo entre as cúpulas directivas. O acordo entre subgrupos muda nun imposíbel cando hai desacordo e o seu corolario é o fraccionamento. O que fixo o grupo En Marea no Congreso de Deputados ao obrigar aos seus membros a integrarse no Grupo de Podemos foi transgredir o mesmo modelo de coalición, pois na vez de deixar que cada deputado se adscribise ao seu grupo correspondente, isto é, uns a IU, outros a Podemos e outros ao grupo mixto-Anova, someteunos a unha disciplina imposíbel de respectar.

O mesmo acontece cando un grupo ostenta a condición de maioritario e sente a comprensíbel tentación de facer valer a súa maioría cando hai desacordo. O resultado é o fraccionamento. Neste último caso o modelo de relación UPG-BNG ou PCE- IU é ben coñecido e estaba, e está, cuestionado. O mesmo aconteceu con AGE que ou ben se convertía en algo diferente, un partido de afiliación individual, ou persistía no modelo coalición que lle auguraba e aseguraba o seu fraccionamento.

Agardo que a valentía de Villares ao resistir as imposicións da vella e enviciada esquerda teña un amplo apoio electoral que permita albiscar un futuro prometedor para unha alternativa soberana galega, de esquerda, verde e feminista e de afiliación individual que supere a perversa dinámica de grupos de ineterese.

Publicado en Novas do Eixo Atlántico, abril 2019

Ningún comentario:

Publicar un comentario