Os tres inzaron no Miñor do s. XIX. Os tres arrexúntanse,
simbolicamente, no senlleiro espazo do Pazo de Pías ou Casa de Arias, enSan Pedro da Ramallosa.
Nesta casa parece ser que foi nado o carlista máis sobranceiro
destas terras. Seica foi aquí onde se convenceu aos labregos miñoráns de que as
patacas, aínda que nadas baixo a terra, eran saudábeis, saborosas e un bo
alimento en ausencia das castañas comestas pola peste. Na eira desta casa
chanta a súa esvelta e singular figura un hórreo de dúas plantas que podemos
imaxinar, sen moito esforzo, acugulado de mazarocas. “Polas costas da
Ramallosa, entre mestos piñeirais, a estrada descende ao esteiro do río Miñor.
Fica á esquerda unha paisaxe de milleirais, hortas e pazos…” así describía
Otero Pedrayo o camiño cara á ponte que
une as dúas Ramallosas, na súa célebre Guía de Galicia de 1926. Quizais ollando
a casa dos Arias Teixeiro, emparentados coa estirpe dos Losada, o seu amigo, o
ideólogo do agrarismo e do galeguismo dos albores do século pasado. Unha Losada
doou a casa a unha Confraría relixiosa.
Millo e pataca prenderon ben nestas húmidas terras
atlánticas e trouxeron anos de fartura. A riqueza, mal repartida, estourou nas
revoltas e reviravoltas barrocas de casas grandes, igrexas, mosteiros anovados,
pazos urbanos… ata rabuñar o ceo dende a cima do Obradoiro.
A baixa nobreza, laica ou eclesiástica, tardou en ver os
novos tempos de formas liberais e. empurrados por medos egoístas, aferrouse á
tradición, non sen certas cativas razóns ante modernidades impostadas. Seica o
abade de Sabarís, en cada carlistada, agarraba o trabuco, forraba a porta e
penduraba o pavillón da “Comuñón” na cima da torre da Reitoral.Arias Teixeiro
eran tamén Frei Veremundo, bispo de Pamplona e Arcebispo de Valencia, ou o seu
sobriño Manuel Ramón que portou o solideo en Santander.
O noso Arias Teixeiro era laico. De segundo apelido
Correa. De nome Xosé. Emparentado cos apelidos máis requintados da fidalguía do
Antigo Réxime: Ulloa, Alemparte, Montenegro, Ribadeneira… Como dixemos, seica naceu en San Pedro, pero bautizárono
baixo a extraordinaria beleza de Santa María dos Marenates, en Pontevedra, o 6
de febreiro de 1799. Algo máis tarde, o pai, Antonio Arias Teixeiro, sería rexedor
da cidade. Criouse na Ramallosa. Estudou en Poio. Licenciouse en Leis en
Compostela.
A pai e fillo, absolutistas e tradicionalistas por
familia, prendéronos nos primeiros meses do breve período constitucional
(1820-1823). O pai foi un dos pouco sobreviventes ao naufraxio do barco no que osdeportaban
a Canarias. O fillo logrou fuxir do castelo coruñés de San Antón e refuxiarse
en Portugal.
O goberno de Lisboa deulle armas e homes a atacou Tui.
Restablecido o absolutismo, tras a invasión dos Cen Mil Fillos de San Luís,
regresou a Ramallosa e organizou a Milicia Realista Voluntaria do Val e Partido
de Miñor do que foi nomeado Comandante.
En 1824 marchou a Madrid onde estudou Arqueoloxía e
Ciencias Naturais ao tempo que se enrolaba como voluntario nas milicias
realista co grao de capitán. Ocupou diversos cargos no Ministerio de Gracia e
Xustiza e foi nomeado “oidor” da Real Audiencia de Galicia. Tras a morte de
Fernando VII, regresou á Ramallosa onde residiu ata 1835. Daquela, e tras
conseguir compromisos entre as amizades que conservaba no Ministerio de que
respectarían a súa familia, púxose ao servizo do pretendente don Carlos.
Inmediatamente foi nomeado membro do máximo órgano do carlismo en Galicia,
presidido polo arcebispo de Compostela, Frei Rafael de Vélez.
Mais o miñorán era home de acción e pasou a loitar na
provincias vascas e acompañou o pretendente na campaña de 1837. Ocupou
diversos cargos ata chegar a ser Secretario de Gracia, Xustiza, Guerra e
Asuntos Estranxeiros. Unha especie de Ministro Principal ou Primeiro Ministro
de don Carlos. O fracaso da expedición militar iniciou tanto o declive do
carlismo como do poder do noso protagonista.
Os partidarios de
entenderse cos isabelinos, encabezados polo xeneral Maroto, Xefe do Alto Estado
Maior de don Carlos, e os contrarios a calquera caste de entendemento, da que
formaba parte Arias Teixeiro, enfrontáronse abertamente. Estes últimos, co
apoio de don Carlos, intentaron destituír a Maroto e promoveron unha
sublevación militar na súa contra, pero este contaba co apoio dun fatigado
exercito. Maroto presentouse en Estella e fusilou catro xenerais. Arias
Teixeiro fuxiu a Francia. Regresou pouco despois, pero xa Maroto estaba a
negociar a paz con Espartero e a don Carlos non lle quedaba máis que o abrazo
de Vergara e poñer fin á primeira guerra
carlista.
En 1840, Arias Teixeiro estableceuse en Francia. Alí
viviu 24 anos dedicándose, en especial, á Entomoloxía e gozando de gran
prestixio nos medios científicos parisinos, pero sen publicar ningún dos seus
moitos traballos que doou, como tamén a
súa importante colección de Historia Natural e outra de Numnismática, á Academia de Ciencias de París e á Sociedade
Entomolóxica de Francia.En diversos escritos alude ás súas memorias, pero queimounas
en 1864, antes de regresar a Ramallosa. Consérvase porén sen embargo o seu
Diario de 1828 a 1831.
De novo na casa de San Pedro, dedicou os tres últimos
anos da súa vida a difundir o cultivo da pataca entre a veciñanza do Miñor que
non se daba convencida de que de debaixo da terra puidese saír algo bo.
Finou o 27 de setembro de 1867. Está soterrado no
cemiterio parroquial de San Pedro da Ramallosa.
PAZO DE PÍAS ou CASA DE ARIAS (s. XVII)
O Pazo de Pías ou Casa de Arias, ou, como é coñecido
actualmente, Pazo das Damas Apostólicas,
ten as súas orixes nun intre impreciso do s. XVII en relación con Plácido
Correa. Na década dos 50 do pasado século sería doada por Ramona Diéguez
Cervela á congregación relixiosa das Damas Apostólicas.
O pazo sufriu importantes modificacións ao longo dos
anos. A máis importante, tras o incendio provocado polas tropas portuguesas, en
1665. En tempos recentes acometeuse unha forte remodelación polo que, a día de
hoxe, só conservamos da estrutura orixinal a fachada principal e algúns
elementos internos.
A fachada está presidida por unha porta de entrada
alintelada, rodeada por molduras e enmarcada por dous pares de columnas
arrimadas e pilastras de orde dórica. Na parte baixa das columnas atopamos
senllos frisos en medio relevo. Sobre elas un entaboamento sobresaínte no que
aparecen catro ameas decoradas. Entre as pilastras e as columnas, dúas ventás
cadradas de marcado carácter abucinado. Coroando o conxunto, un balcón enmarcado
por dous fermosos escudos de armas da familia Correa.
No interior, nunha posición pouco corrente, destaca a súa
escalinata balaustrada e decorada, que ascende ata o piso principal, no que se
podenobservar restos dunha antiga balconada tamén balaustrada. A capela,
interior, consérvase,pero moi modificada.
No exterior destaca un elemento de gran singularidade: un
magnífico hórreo de seis pés e dous pisos, que non ten paralelo coñecido na
redonda.
*Publicado en Cousas de , nº1, 1º trimestre 2019
Mui interesante. En dónde está publicado?
ResponderEliminarGrazas. Na revista Cousas de... do 1º trimestre de 2019
ResponderEliminarGracias Carlos!!
ResponderEliminarXa me deche un bo rato no café .