Hai concepcións que persisten
por riba de calquera oportunismo comercial. Na lonxincua Terra de Turonio,
aquel longo espazo esquecido no tempo histórico, pero vívido na realidade
xeográfica e persistente na conxunción social das súas xentes, delimitado polo
norte pola recollida ría de Baiona e a fonda e expansiva de Vigo; pechado, polo
leste, pola banda occidental do Suído, pola serra do Galleiro e os montes da
Paradanta, e debuxada, polo sur, polo zigzag da liña do Miño. Digo que a estas
terras chamóuselle durante mil anos, Toroño, Toronio, Turonio, Turonia, Torona,
Torono...; aínda agora, en Gondomar bautizaron con este topónimo un dos seus
institutos e aquí á beira seguen
chantados no cumio de Torroña, en Burgueira, os restos derruídos do que puido
ser a sé da súa cabeceira administrativa.
Nestas terras reverdecen a
cada pouco tempo as vellas tradicións. Hoxe celebramos, non o nacemento, senón
un folgado chouto nos degoiros da información periódica que engarza con nomes
gloriosos como o Heraldo guardés,
fundado en 1904, e que se mantivo, engadíndolle o adxectivo Novo, ata que Atila asolou o país en
1936, perseguiu con saña os seus redactores e furtoulle a vida a algún deles.
Tradición que empata coa Tribuna tudense,
de curto percorrido, ou o agrarista El
Tea, de Ponteareas, tamén de delongado existir, dende 1908, co que acabaron
as mesmas poutas destrutoras que desfixeron El
Nuevo Heraldo.
Ou, para citar os máis
próximos de onde hoxe nos atopamos, aquel El
Valle Miñor que viu a luz por primeira vez o 31 de agosto de 1902, pronto
relevado por El Miñor, nacido en
1904, e despois, en 1910, por El Heraldo
de Bayona. Todos empurrados e comandados polo baionés José María Barreiro
duramente enfrontado con El Látigo de
Baiona, editado en Sabarís, e, de seguro, entre ambos xerminadores de
reticencias e permanentes incomprensións
entre a vila estirada ao longo da recta e e a de fachenda real.
Os ánimos de José María
Barreiro non decaeron, en 1914 sacou o primeiro número de El Pueblo. O semanario, de carácter liberal-progresista, criticaba
duramente os caciques locais e o clero que interviña na política municipal. O
seu último número publicouse en xuño de 1918. Tras a condena a desterro do seu
impulsor, que marchou ao Uruguai onde tampouco ficaría quedo.
Outros máis houbo, aínda que
de menor entidade, pero non sería sensato esquecernos, neste apresurado repaso,
de La Voz del Miñor que durante case
catro décadas impulsou o bispado de Tui e dende o que exercía control e
difusión de ideas ao servizo eclesiástico.
Por certo, que a colección
dos xornais miñoráns atópase na magnifica Biblioteca de Baiona, ben coidada, pero ben merecía a pena que se fixese
o esforzo, cativo en custo, de dixitalizalos
e poder “colgalos”, verba de violentas reminiscencias, en Galiciana ou onde
fose para quen precisase consultalos.
Así que máis alá da gran
tradición xornalística viguesa encetada con La
Oliva, que dirixiu Manuel Murguía; La
Concordia, o xornal liberal de longa traxectoria; o Galicia, aquel proxecto desafortunadamente curto de Valentín Paz
Andrade; El Pueblo Gallego,
propiedade de Portela Valladares, ou o Faro
de Vigo, que segue a visitarnos todos os días, houbo, e hai, nesta antiga
Terra de Turonio outras cabeceiras ben dignas de relembrar como A Peneira, que segue a acompañarnos, ou
aquela fermosa estrela fugaz, O Miñor,
que impulsou o finado Nano Cambeiro de quen algunhas das persoas presentes ben
vos lembrades.
Tampouco sería xusto deixar
de citar as cabeceiras dixitais, como a aínda fresca valmiñor.info ou as actuais valmiñor.
tv ou telemariñas, e seguro que
me esquezo dalgunha, polo que pido, por adiantado, as desculpas precisas.
Mais había tempo que non
tiñamos unha información en papel, non premida pola inmediatez do papel prensa,
ata que os camiños da vida nos trouxeron, dende as beiras do Ebro, un mirandés que
soubo sobrevoar a crise, a económica e a da impresión dos grandes libros, para,
sen perder o moito aprendido en anos de traballo no mundo da edición, isto é, papel
coidado, maqueta elegante, destaque da imaxe, selección de temas, contidos
solidarios, diversidade informativa, textos coidados e precisos que combinen
rigor e divulgación, ofrecernos unha pequena xoia cada tres meses, e, por riba,
cousa de agradecer dende o fondo da alma, en galego, sen titubeos, sen
vacilacións nin complexos.
Pois iso foi o proxecto que
nos veu acompañando nestes anos, as Cousas
de... que acougaron no Val Miñor e abriron suco no Baixo Miño para
arrexuntarse nun proxecto que ten a Terra de Turonio no maxín e fago votos pola
súa ventura. En resumo, unha revista das que instintivamente penduras entre os
libros da biblioteca co fin de coleccionala porque sabes que en calquera
momento te vas acordar de que en tal ou cal número se trataba tal ou cal tema.
Por certo que o rótulo Cousas ten unha longa tradición
vinculada a Castelao, non só porque algúns daqueles relatos curtos, de palabra
medida, que acompañaban un dos seus debuxos se reuniron en varias edicións con
este titulo, tamén en Retrincos, senón
porque estes relatos se publicaron, en inicio, na prensa baixo o título, unhas
veces de Contos, pero na súa maioría como Cousas de Castelao. Chegaron a ser
tan populares estas narracións que na linguaxe coloquial as xentes incorporaron
a expresión “sonche cousas, como as de Castelao” ou “cousas da vida, como diría
Castelao”, cando pechaban unha conversa cunha interrogación, unha reflexión ou
unha máxima. Agardo que estas Cousas
que hoxe acudimos a empurrar cheguen a ser tan populares como aquelas que
escribía e debuxaba o rianxeiro e que se faga ben popular a interrogación de
“liches as Cousas”? ou a exclamación
de fermosa historia a que nos contan en Cousas!
Só me resta expresar o meu
máis sincero agradecemento á empresa editora e moi especialmente a Jesús
Bastida polo seu convite a colaborar neste proxecto que como ben vedes está
cheo de vitalidade e de sabia combinación entre tradición e modernidade, así
como, coido que non me excedo, facer este agradecemento en nome de todas as
persoas que colaboran nestas Cousas.
Moita sorte nesta nova
andaina, parabéns polo acerto e polo seguro éxito do proxecto e moitas grazas pola
vosa atención.
Baiona de
Miñor, 10 de abril de 2019
*Máis ou menos isto foi o que dixen o pasado
mércores na presentación do novo proxecto multimedia da revista Cousa de
Ningún comentario:
Publicar un comentario