En
verdade debía acudir o pasado domingo a Compostela. Máis que nada por darlles
unhas apertas a vellos amigos e amigas.Hai tempo que non o fago por disolución
acordada, atinada e, por demais, xenerosa.
Unha
semana antes algúns malestares sintomáticos, coñecidos e repetidos, comezaron a
ensinar a orella e a agravarse ata impedirmo. Para min que se trataba dun
estado de alarma que me advertíame contra o Viva lo nuevo! que dicían os jonsistas e a
retórica falanxista dos anos trinta, para ocultar violentas actitudes
milicianas. Así que o meu corpo non me deixou acudir, permitiume un alivio
rápido, como cantaba o Reixa, e evitoume os desgustos, que non por reiterados
deixan de producir dor.
A
desagradable escenificación dunha ruptura anunciada con arteira reiteración
tivo lugar o pasado domingo. Pasaxe, coa nación de fondo, nada orixinal. Coido
que en Cataluña en Común andan con leas semellantes, só que para os lostregazos
empregan barretinas no lugar de puchas con viseira.
Digo
que a cousa nin é orixinal, nin ten novidade. Só constata un feito. O espazo
nacional, soberano, agrupado arredor de Luís Villares, non só lle bota un pulso
á Triple Alianza senón que,nun exercicio de paciencia bíblica, llo mantén.
Unha
Esquerda Unida consciente do seu rol marxinal como tal, pero confiada na súa
gran capacidade de influencia. Un Podemos que aprendeu que o de asaltar os ceos
ficou para mellor ocasión e do que se trata é de aproveitar o fraccionamento
das dereitas para unha gran coalición da esquerda coa aquiescencia dos
proxectos nacionais que exercen como tais; pero cantos menos mellor. Unha Anova
inútil, infantilizada, comesta pola couza, que só serve para armar barullo e
impedir a consolidación dun espazo nacional plural e compartido pola esquerda,
nacionalista ou non.
Dende
a nación-política pódense entender os
máis complexos sistemas de alianzas, pero non é doado mirar para outro
lado cando se nega o único irrenunciable: a autoorganización política.
A
posibilidade dunha pluralidade de opcións nacionalistas está aberta. As de
diálogo entre elas e con outras esquerdas non se pode pechar.
Agás que
todo sexa a representación de falsos devotos, de fungos agochados baixo a
terra, de enganosas trufas, duns cantos tartufos que só procuran quedarse cos
bens de Orgón.
* Publicado
en Novas do Eixo Atlántico, novembro 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario