domingo, outubro 07, 2018

Estamos tolos ou que?*


Tras o título, as persoas lectoras seguro que rememoran a Obélix, cos seus xigantes calzóns branquiazuis, unha das súas manzazas acariñando o queixelo, rostro de incredulidade, bisbándolle ao seu pequeno compañeiro, Astérix: Están tolos estes romanos!!!. Mentres se achegan, en caótica formación, os restos das escangalladas lexións xulianas.

Con indolencia baixa o mazo que ten por man e guíndalle uns desganados sopapos, de abaixo a arriba, á vangarda das tropas maltreitas. Un por un daqueles “milites” que conquistaban o mundo encetan unha viaxe interestelar na que segundo ascenden van deixando as “caligae” das que xa se desprenderon as chatolas; para babor esparéxense as diversas “lorica”; por estribor dispérsanse o “scutum”, o “pilum” e o “gladius”.

 Sempre me chamou a atención a fortaleza material de Obélix, procedente da sopiña que lle preparaba o druída; ben,  xa sei, máis ben da súa inmersión, arremedando a Aquiles, na marmita. A protectora nai do Pelida non lle somerxeu o calcañar e despois pasou o que pasou. A inmortalidade estragada polo amor materno era concesión do capricho divino, como a forza sen par de Heracles  ou as demais habilidades dos moitos heroes gregos. Pola contra Astérix e Obélix, como Popeie, apañaban o seu vigor da natureza; non do espírito. A este último resultáballe ben doado, ao fin e ao cabo só tiña que bater en ananos amarelos; pola contra os nosos sosegados galos facíanlle despreocupada fronte ás lexións invictas que, na verdade, so eran trementes vimbios vestidos e armados con galanura.

Noutra aldea da mesma parentela, aínda que un chisco afastada, chantada pola banda onde morre o sol e se acaba o mundo, o incrédulo signo interrogador transformase en profunda e introspectiva pregunta: Estamos tolos ou que?

Sempre na angustia, na indecisión, no subir ou baixar ou no nin subir nin baixar, no permanente equilibrio inestable, no funambulismo de xogo infantil,  no obsesivo ollar para o marco, na delirante reconstrución dos  valados, na infinita inseguridade de non perder o que tes. Sempre entre a fantasmal esquizofrenia na  procura de gabanzas  foráneas e a mirada avesa ao que veña extramuros; sempre entre afirmar o que non es e ser o que non dis.

Ao lonxe albíscanse batallas electorais. Máis non hai Obélix, nin marmita, nin can que lle ladre. As tribos miran para cadanseu marco, para o seu  valado. Uns, con fachenda, virtude excedentaria nas terras occidentais por onde dorme a estrela grande, afirman  que eles son quen de facelo e que cantos menos mellor, así poñémonos máis rápido de acordo. Outros gábanse a si mesmos de que queren xuntar forzas, pero andan a couces nas canelas por se alguén lle estraga o sementado. Ao lonxe as tropas imperiais avanzan convencidas e distendidas.

E seguirán tolos estes galaicos?

PS. Desculpen as persoas lectoras o ton de rexouba pero non é máis que rir por non chorar.

* Publicado en Novas do Eixo Atlántico, setembro, 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario