Alguén voou sobre o niño do cuco, Milos Forman (1975). |
Noutra
aldea, da mesma parentela que a gala, aínda que un chisco afastada, chantada
pola banda onde morre o sol e se acaba o mundo, a incrédula exclamación obelexiana
transfórmase en profunda e introspectiva cuestión: Estamos tolos ou que?.
O
estado de permanente angustia, de indecisión, de subir ou baixar ou nin subir
nin baixar, de permanente equilibrio inestable, de funambulismo infantil, de
obsesivo ollar para o marco, de delirante restauración de valados, do pánico a perder a leira, empecen,
imposibilitan, a mínima tentativa de resposta á pregunta.
Máis
que é o que?. O que, é se somos parvos?.
Albíscanse
batallas no horizonte. Nin Obélix, nin marmita, nin can que lle ladre. As
tribos amarran o seu marco, agóchanse tras o seu escangallado valado. Uns, con
fachenda, virtude excedentaria nestas terras occidentais, afirman que eles son quen de facelo sós e que cantos
menos mellor que así póñense antes de acordo. Outros gábanse a si mesmos dicindo
que queren xuntar forzas mentres se entreteñen dándose couces e afiando as navallas.
A
nebulosa percepción do campo non é de sosego. Dez anos despois de Lehman Brothers
e a derruba do castelo de naipes; unha
década na que pasamos de moquearnos dos “mileuristas” a considerar que
setecentos euros e dez horas de xornada non está nada mal. Unha ducia de anos
despois de “cepillarse” o estatuto referendado pola sociedade catalá, a tensión
non acougou, nin semella que o vaia
facer de inmediato. Unha Europa insolvente como proxecto político, frustrada
como potencia económica tras unha década
austericida, na que se expande a xenofobia e o chauvinismo nas avelladas
nacións-estado, agravándose nas do sur por desembarcar nelas os inocentes e desarmados
“bárbaros invasores”.
No
período “rajoniano” o réxime ficou coas vergonzas ao ar. Eran, son, moitas as
porcalladas reais ou plebeas; exhibiu a podremia e a herdanza franquista;
incendiou Cataluña; incitou a extrema dereita; excitou o nacionalismo español e
por riba enrabiáronse por perder un
chisco de poder. As faccións da dereita lideradas por dous, ou quizais xa tres,
mozos de perfís físicos, e non só, “joseantonianos”,apañan e dividen os votos
do ascendente patriotismo “rojigualda” e da aparofobia, isto é, do odio aos que
son aínda máis pobres ca ti.
Non
é un escenario aquelado para o exercicio da racionalidade mais esta faise precisa
ao xeito de concertación democrática. Parece que o están a comprender as dúas
forzas numéricas máis significativas da esquerda, ambas con problemas de
reequilibrios internos. Para chegar a porto terán que contar co visto e prace dos
periféricos; un deles nada mais e nada menos que cos seus dirixentes no cárcere
ou no exilio. Non vai ser doado.
Aproxímanse
dous anos de tensións político-electorais: andaluzas, municipais, autonómicas,
europeas, vascas e galegas e pairando sobre todas elas as xerais e a repetición
das catalás. Aínda que esteamos acostumados a continuas citas electorais, temos
a percepción de que nesta ocasión está en xogo moito máis ca unhas cantas
ducias ou centos de alcaldías, escanos ou presidencias.
Semella
que os máis avisados están a comprender que esa anomalía española, e mira que as
hai, de gobernos monocolores xa deu todo de si. Os que anden máis á présa tomarán
posicións en futuros e duradeiros gobernos de coalición ao estilo europeo. As
esquerdas andan a facer os deberes; as dereitas a vixiarse entre elas sen que
se lles vexa un Aznar que non sexa un terrorífico pesadelo.
Pero
ás esquerdas isto non lles chega. Ao seu futuro goberno de coalición non lle
van dar os números agás que conte co consentimento dos trinta, arriba ou
abaixo, escanos periféricos e para iso terán que “aplacar” Cataluña e facilitar
o “pragmatismo” que abesulla ERC e ao que se resiste numantino, e
personalista, Puigdemont.
Un
goberno ata o final, máis ou menos, de lexislatura para despois concertar unha
futura coalición, sen maioría absoluta, e cunha Cataluña dirixida por ERC en
tripartita alianza podería permitirlle ao PSOE ceder no recoñecemento doutras
identidades nacionais, non porque lle guste, senón porque a concepción
monárquica, católica e conservadora dunha única nación española xa non ten
sustento social. España precisa dun novo
acordo de convivencia, un novo proceso constituínte que recoñeza a
plurinacionalidade.
Daquela
terán que procurar a alguén para que faga o papel de Paz Andrade hai corenta
anos. Ou xa nin iso?. Existirá o noroeste?.
Estamos
tolos ou somos parvos. Ou as dúas cousas.
·
Publicado en A Nova Peneira, outubro 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario