sábado, outubro 20, 2018

Espreitadores*


Nos anos de educación sentimental pasábamos moitas tardes outonais e dominicais visitando aldeas do redor da vila, xa daquela medio abandonadas. Divertíanos atender cos ollos virados, mirando de esguello, como tras calquera contraventá, bambinela ou colgadura xurdía un rostro espreitador. Case sempre de muller, as máis vixiantes. O asexo servíanos de chanza na construción do noso imaxinario nacional. Diciamos que a diferenza entre Galicia e España estaba en que cando viaxabas a esta, daquela ir, íase a Madrid, podías parar o coche onde che dese a gana, baixar con toda a santa calma e poñerte a facer augas á beira da estrada sen medo a que ninguén te espiase. Pola contra, no noso país sempre habería alguén a guichar por tras de calquera reviravolta do camiño, a abesourar detrás de calquera carballo, a vixiar quen chegaba... podías estar seguro de que aínda que tiveses bo tino en agocharte, sempre habería alguén a te velar.

Ás veces un ten a sensación de que non andabamos moi errados ao sinalar o trazo espreitador entre os riscos definitorios do “carácter nacional” que, daquela, inocentes adolescentes, andabamos a procurar.

Este outro día dei en matinar no asunto e barruntei na gran cantidade de amigos e amigas que se resisten a actuais compromisos políticos ou mesmo culturais, a verdade é que case todos e todas os tiveron con maior ou menor intensidade e durante máis ou menos tempo, mais hogano responden cun ben, a ver como van as cousas, tés razón pero eu que sei!, mira é que as cousas fanse mal!, e que o que fan estes...!, e aqueles outros non che quero dicir nada!, vale home pois o de máis alá! e que non se fan as cousas como se debe!

Pregunteime se o problema non estaba nos que preferían ficar como espectadores na vez de asumiren as responsabilidades ou deixarllas a outros; se o problema non estaría nos quen prefire non decidir, por comodidade, os bondadosos, ou para poder criticar despois, os perversos.

Convencinme de que este é un país de miróns.

·        Publicado en Novas do Eixo Atlántico, outubro 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario