Andei
esoutro día por Tui. Alá nos levaron os de “Levada Livre” para homenaxear a
Telmo Comesaña Pampín, un dos triunviros da memoria na banda sur da ría de Vigo.
Infelizmente faltaba Ramón, deixounos o 17 de outubro de 2014, aos 87 anos.
Ramón
mantivo sempre viva a memoria do seu pai e das vítimas do fascismo. Deixou
escrito na súa autonecrolóxica: “Miembro del Partido Comunistas, Izquierda
Unida. Amigo de la III República, vocal de la Memoria Histórica del 36. Me fui
para la nada, harto de estar harto de ver en el mundo tantas injusticias. Viva
la III República”. Era fillo de “Antonio o comunista” (Antonio Pérez
Fernández), tranviario, dirixente sindical e militante. O 21 de setembro de
1936 levantaron o seu cadáver, xunto a outros seis, diante do cemiterio de Mos.
Durante anos, cada 20 de setembro, Ramón, e outros familiares dos asasinados, deitaban
flores vermellas na beira da estrada, na esquina esquerda do cemiterio, no
lugar onde guindaron os corpos sen vida. Colocaban tamén unhas artificiais flores
vermellas prendidas cunhas pedras para que perdurase a memoria. Hoxe achéganas
ao pé do monumento pétreo que ergueu a comunidade da memoria por man do
canteiro Marcos Escudero.
Uns
días despois, tamén diante do cemiterio de Mos, recolleron o corpo atravesado
por balas de Adolfo Monroy Figueroa, fogoneiro, dirixente do sindicato dos
mariñeiros de Bouzas, anarcosindicalista. Adolfo figura na primeira das oito
actas de defunción que se levantaron aquel día. O seu fillo Antonio, e a súa
familia, puxéronlle unha necrolóxica no xornal, con setenta anos de atraso: “Asesinado
a los 41 años el 12 de noviembre de 1936 por un muy conocido armador franquista
de Bouzas. Dejó viuda y nueve hijos. Nos quitaron el derecho de conocerte.
Nadie nos puede quitar el drerecho a recordarte. Reclamamos VERDAD Y JUSTICIA Y
EL GENOCIDIO Y REPRESIÓN FRANQUISTA EN GALICIA EN LOS LIBROS DE TEXTO. Tus
hijos, tu nuera, tus nietos y bisnietos se enorgullecen de ti”. Ao coñecido armador
de Bouzas descríbeo o anónimo autor de Galicia
bajo la bota de Franco: “otro de los asesinos de Bouzas era un tal Erasmo,
hombre gordo y grotesco que portaba un cinturón de color rojo y negro de la
Falange”. Ben que se lembra Antonio do cinto. Era Erasmo Montenegro.
Uns
días antes, isto é, o seis de outubro de 1936 , foron asentados, entre as catro
e as seis da tarde, no rexistro de Gondomar seis cadáveres que apareceran na
parroquia de Vincios. Tres na Pasaxe; outros tantos en Vichicáns. Non era a primeira
vez que se apañaban corpos “paseados” nesta parroquia, nin sería a última. Naquela
xornada a traxedia cebouse con Alcabre;
catro dos asasinados eran desta parroquia viguesa. Tres deles irmáns. Outro
de S. Pedro da Ramallosa; o último de Vigo. Os seis foron soterrados no
cemiterio de Mañufe, tras o tétrico paseo dos cadáveres, de ben máis de dez
km., sobre un carro. O finado Bernardo Bertolucci reproduciu a escena en Novecento. Os corpos sen vida
trasladados ao ritmo pousón dos bois eran os de José Comesaña Pérez, do seu
irmán Antonino, de Emilio Giráldez Rodríguez, de Fernando Costas Iglesias, de
Emilio Comesaña Sobreira e o de Manuel Enrique Villar Cimadevila. O primeiro
dos citados, socialista, era o pai de Telmo Comesaña.
Os
pais do triunvirato (Telmo, Antonio e Ramón) centraban o albo da persecución
franquista: clase obreira, socialistas, comunistas e anarcosindicalistas. Mais
os de “Levada Livre” lembráronnos tamén que o obxectivo do fascismo é eliminar
calquera caste de pensamento libre, mesmo de calquera caste de pensamento. E
ofrecéronnos cantos e bailes ao pé do perpiaños que soportan a testa, de mirada
confuciana, do Sócrates, que preferiu tomar a cicuta antes que someterse a
conveniencia do poder.
Relato
con brevidade. Benito Prieto Cossent, profesor de plástica no Instituto de Tui,
promoveu, xunto cos seus alumnos, a realización dunha homenaxe á liberdade de
pensar na figura de Sócrates. Ficou inaugurada a filosófica testa pétrea o 3 de
maio de 1936. Alí falaron Álvaro Álvarez Blázquez e Emilio Diz Rodríguez,
alumnos. Tui foi a última cidade en ser tomada polos facciosos sublevados. Uns
días despois decapitaron a socrática cabeza, embreárona e guindárona ao fondo
do Miño. Querían afogar o pensamento. A persecución foi brutal. O pintor Benito
Prieto Coussent, encarcerado. Os pais de Álvaro e Emilio, os médicos Darío
Álvarez Limeses e Alejo Diz Jurado, respectivamente, fusilados contra a parede
do daquela Instituto, o convento de santo Domingo.
En
2010, os da “Levada Livre” axudaron a restaurar a memoria e a socrática “mosca
cojonera” regresou ao seu lugar no xardín de Santo Domingo da man dos alumnos
de plástica do IES San Paio e mais do escultor Rosendo González.
Un
rapazolo e o seu acordeón fixéronnos vibrar ao ritmo do Himno de Riego. Era o
bisneto de José Francés Carpintero, fusilado en Tui, socialista e ferroviario
do Porriño, ao seu irmán Antonio Francés Carpintero, paseárono en Tebra.
Gloria
aos da “Levada Livre” a Antonio e a Telmo e a tantas outras outras persoas polo
seu labor de recordar en tempos incertos.
*Publicado en A Peneira, decembro,
2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario